MULLERES ARTE+PARTE

Outubro 30, 2009 por jalulho

 

cartel2new_A3

Abrirá Fangoria e Franc3s na noite do día 30 de Outubro e o sábado 31 contaremos con Elanor, Scandal, Sevigny, Silvia Penide e Anni B. Sweet. As entradas para os concertos estarán á venda na Coruña (Fnac e Discos Portobello) e en Santiago (Disco Precio). Nós temos unha cita o sábado no Mulleresarte+parte=2. 

 

Seguiremos informando

Outubro 3, 2009 por jalulho

Estamos a trabalhar nunha nova reportagem que verá a luz moi próximamente!!!

platano-normal-759731

 

Seguiremos informando.

sangue nova, lenha verde todo é fume

Agosto 15, 2009 por jalulho

Entristecidas polo dramático peche de MM decidimos, coincidindo co aniversario de Vacorinho, retomar este proxecto que tanto nos gusta, eso sí, sen o savoir faire do seu Master and Comander. Vacorinho es grande!!!!!.

AMAB (podedes recordarnos por posts anteriores coma: verán: festas e jalullo) toma as rendas deste blogue ofrecendo unha visión diferente da música. As malas musicas serán mais malas ca nunca, afogadas en Estrella e cunha visión difuminada da realidade, seguiremos sen obxectividade ningunha a reflectir o panorama musical que nos rodea. E coma mostra destes novos tempos, a nosa primeira crítica:

RAPHAEL MAIS INDI-O CA NUNCA.raphael indi

Cunha mestura de vergonha allea, ganhas de ponher unha bomba lapa pasamos polo Nuer-oeste “pop-corn”. Aguantamos 2 cancións e fuximos dalí con tremendas ganhas de gritar mais ca nunca: GALICIA ES UNA MIERDA

Malas ou peores pode ser, pero non choredes por MM xa que como diría outra grande e suscribiría Vacorinho: Se me queredes, IRSE

Ata sempre!

Agosto 9, 2009 por vacorinho

candado

Señoras e señores,

logo de dous aniños de actividade, máis de 16,000 visitas e 169 artigos publicados, MM anuncia o cesamento temporal da convivencia co público en xeral.

A falta de tempo e a distancia son as razóns principais desta circunstacia, que agardo sexa tan só transitoria.

Obrigado a todos os que botaron unha man co invento este.

Apertas e ata sempre!

Cultura Quente 2009

Julho 4, 2009 por vacorinho

cartel

Moi boas,

Logo dun amplo período de descanso (só que refire a este blogue) por fin volvemos actualizar, e facémolo para dar conta dunha das citas habituais no verán musical galego, o festival Cultura Quente de Caldas de Reis, que se celebrará na súa habitual carballeira os días 10 e 11 de xullo.

O cartaz deste ano sufriu a significativa baixa de última hora dos New York Dolls, pero aínda así ofrece unha programación compacta e variada.

Nel atopamos propostas tan variadas como a dúo belga Vive La Fête (que foran tamén baixa de ultimísima hora na pasada edición), o rock dunha das bandas míticas dos noventa como Lagartija Nick, o post-punk dos británicos The Wedding Present, o surf instrumental de Los Coronas ou a mestura de pop e hip-hop dos barceloneses Facto Delafé y Las Flores Azules.

Como sempre a entrada é de balde e haberá zona de acampada.

Vémonos en Caldas!

ATAQUE ESCAMPE en directo

Abril 28, 2009 por vacorinho

Ataque Escampe

¿Desexas ser como Serafín e coñecer ao cantante de Ataque Escampe? Pois apunta na túa axenda as seguintes datas:

- Ferrol. 3o de abril, 22:00. CC Torrente Ballester.

- O Carballiño (+ Carlos Figueiras) 9 de maio, 00:00. Pub Jazzmin.

- A Laracha. 15 de maio, 00:00. Pub D’Antón Rock Café.

- Bueu (+ La Rumbé) 17 de maio, 21:30. Sala Aturuxo.

O pasado 25 de abril (25 de abril, sempre!) no Café Cultural Auriense botou a andar The Great Scape, a xira de presentación do seu novo LP.

Ataque Escampe ven de rematar a gravación do seu segundo disco, que se titulará A Grande Evasión. En breve estará dispoñíbel para descarga de balde desde A Regueifa Plataforma, así como en formato físico no selo A Regueifa Discos.

A Grande Evasión conterá novos cortes como Turnip Fields Forever, Os Vingativos, Non Hai Lúa ou Sempre Nos Matan, e suporá un importante cambio de rumbo en relación á traxectoria anterior de Ataque Escampe.

 

CONSIDERACIÓNS CEIBES E VAGAS SOBRE O CONCERTO DE THE KILLERS EN BADALONA (21/03/09)

Março 28, 2009 por vacorinho

the-killers

  • Pasarei de valorar a acústica do recinto, xa que estamos no mesmo de sempre. Un pavillón de deportes está feito para o que está feito, non para a realización de concertos. De tódolos xeitos (agás os teclados, que por veces soaban un pouco raros) podo afirmar que na pista a acústica era aceptábel. Algunha das persoas que viron o concerto na grada, pola contra, queixáronse de excesivo eco e distorsión.

  • Daba a impresión de que a seguridade no interior do recinto era case testemuñal. Cando, a piques de comezar o concerto, ollamos as gradas a rebentar, máis dun comezamos a temer que moita desa xente quixese baixar á pista. Afortunadamente foron poucos os que saltaron. Pola contra no exterior si se podía apreciar esa seguridade, concretamente no acceso ao pavillón. Esa é a causa de que non teñamos imaxes do concerto, xa que a Vintxuca non lle deixaron pasar a cámara alegando “que era demasiado grande e podíalla guindar a alguén.” Cousas veredes. Por suposto na pista había moitas cámaras meirandes ca dela, só era cuestión de agochalas un pouco.

  • Antes de pasar ás consideracións puramente musicais sinalar a nosa mala sorte de situarmos, nun recinto ateigado con 16.000 persoas, ao carón dos asistentes máis parvos. Mentres na pista todo o mundo se adicaba a botar, cantar e bailar, estes infrahomiños adicábanse a empurrar, dar cobadazos e mantear aos colegas. Polo sotaque e as maneiras semellaban ser habitantes da zona centro da meseta. Non pretendo afirmar con isto que tódolos habitantes desa rexión peninsular sexan parvos, pode ser simplemente que a casualidade nos leve a turrar sempre cos máis trosmas.

  • Supoño que as dúbidas que moitos tiñan sobre a posibilidade de transmitir ao directo os temas de Day&Age quedaron disipadas; non só se amosaron útiles para o directo, senón que, con contadas excepción, resultaron posuír unha grande capacidade de motivar á xente (nalgúns casos coa incuestionábel axuda da radio-fórmula, algo do que os temas dos discos anteriores careceron).

  • Se a parte instrumental foi correcta, a voz de Brandon Flowers foi perfecta e non tremeu nin un só intre. Excepcional.

  • Como seareiro de Joy Division só podo agradecer a versión de Shadowplay. Iso si, moi pouco arriscada.

  • Case todo o mundo coincidía en que a curta duración do concerto (unha hora e media, bises incluídos) viuse compensada pola intensidade do mesmo, sen apenas deixar ocos para o repouso.

  • Afirmar que gostei da versión acústica de Sam´s Town e incluso a considerei precisa, a pesares dos abundantes paus que lle deron.

  • Tamén me pareceu axeitada os temas escollidos e a orde elixida, aínda que botei en falta Losing Touch e algunha dos poucas temas máis lentos que teñen (quizais Glamorous Indie Rock&Roll ). Pero non se pode facer un repertorio ao gusto de todo o mundo.

  • Reafírmome na miña idea de que When You Were Young, elixida para rematar o directo adornada por bengalas e explosións, é a mellor canción de The Killers.

  • Pode que Mr. Brightside fose o intre máis intenso do concerto, quizais polo que se fixo de rogar e a expectación da xente. Tamén fixeron vibrar ao público For Reasons Unknown, Somebody Told Me, Smile Like You Mean It, Bones, Read My Mind,…

  • Considero tamén que o próximo álbum dos de Las Vegas definirá o futuro da banda. Se fan un bo disco ou se atopan cunha boa repercusión nos medios en tres ou catro anos serán quen de encher estadios, enchendo un espazo mediático que leva ocupado anos e anos polas mesmas bandas.

CATPEOPLE: what´s the time mr. wolf?

Março 19, 2009 por vacorinho

catpeople_wolf

Hai tempo que teño a intención de falar deste disco e, por unha razón ou por outra, funo pospoñendo. Non sei se What´s the time Mr. Wolf? É “o mellor disco que escoitei en moito tempo”; afirmacións así poden soar abondo pretensiosas, pero si podo sinalalo sen dubidalo como un dos que máis me prestaron nos últimos meses e dos que máis veces me levou a darlle ao play do reprodutor.

Catpeople son Adrián Pérez (a súa voz tingue todo o traballo da banda dunha cor moi particular), Fito Rodríguez, Paco Iglesias, Javi Abalo, Raul Muñoz e Iván Fernández. Estes vigueses residentes en Barcelona xa sacaron o seu primeiro traballo no 2006 co nome de Reel#1.

What´s the time Mr. Wolf? está composto por 11 brillantes salmos interpretados por estes devotos da igrexa na que The Cure e New Order son santos. Neste segundo disco confirman que son algo máis que unha “nova promesa do indie estatal”, e van máis aló que unha continuación ornamentada do debut. Foi gravado nos estudios Blind Records de Barcelona, e eles mesmos, coa axuda de Blind Joe´s, asumiron a produción.

O traballo ábrese de xeito premonitorio con Strumble in Vigo, onde os sintetizadores son o pincel que deixa no lenzo os diferentes tons de gris da cidade que os viu nacer e medrar.

In Silence conta cun dos retrousos máis potentes do álbum, herdanza directa de Interpol, os seus tíos americanos.

No comezo de Sister semella que a voz de Robert Smith vai irromper, triste e rota, en calquera intre. O flirteo das guitarras co sintetizador que caracteriza aos de Sussex marca o corte. O final resulta sinxelamente apoteótico. Sen dúbida a miña favorita deste traballo.

Na comparación coa súa predecesora All These Tears supón un chanzo cara abaixo, pero nunca un salto ao baleiro. O último minuto e medio da canción é máxico.

Goodbye Angel basea a súa forza nun pegañento retrouso repicado polas notas agudas dos instrumentos e uns máis que aquelados coros.

House of Love e Last Chance resultan unha dupla que se complementa perfectamente á hora de amosar sentimentos de desacougo e melancolía dun xeito distinto, pero igual de efectivo en ambas.

Coohagen lémbrame aos Editors máis que ningunha. Iníciase con violíns e ten os sintetizadores máis tolos do disco, que dan paso a Golden Swan, fermosa e evocadora de paisaxes máis sosegados. Outra oportunidade máis para o lucimento da ampla gama de rexistros vocais de Adrián (ten intres que incluso me lembra a Morrissey, ou será obsesión miña?).

As pontes instrumentais de Looks Like Dogs son, sempre baixo o meu persoal criterio, das mellores pasaxes de What´s the time Mr. Wolf? De novo unha alegoría de escuras sensacións continuada en Bubblegum: depresiva, terminal, drogadicta.

End Tittle podería compararse co chegar a casa do Ulysses, por fin reflexión á calor duns mallados arranxos de piano, o tan preciso lecer após dunha dura xeira.

Rematando: What´s the time Mr. Wolf? é un segundo paso moi firme desta banda cara a excelencia futura que sen dúbida acadarán. A madurez xa a conseguiron, trocando o que podería resultar unha tediosa repetición de arquetipos manidos polo traballo aplicado a cada corte e unha óptima labor de produción. Iso si, se perder un so intre de vista as súas benditas referencias, máis visíbeis en Catpeople que na maioría dos grupos.

YOPLAY: killmymother

Março 8, 2009 por vacorinho

yoplay-killmymother-2009

Comecei a escoitar Killmymother, o EP que veñen de publicar Yoplay con grande interese por mor das loanzas escoitadas, polas influenzas declaradas pola banda e tamén (frivolamente, admítoo) porque me encanta a portada.

Yoplay é unha banda da bisbarra do Sar, e está formada por Lois (voz), Pardal (batería), Charleti e Xacobe (Guitarras), Angelito (baixo e efectos) e Nico (Baixo).

Killmymother está distribuído baixo licenza Copyleft e pódese descargar de balde na web A Regueifa Plataforma.

Coas primeiras notas das esquizofrénicas guitarras dáste conta do por que a banda sinala como referentes a The Strokes ou Franz Ferdinand.

Killmymother é unha colección de seis hábiles e nihilistas propostas post-punk. O seu nervio lembra aos máis entolecidos Joy Division (esa Wiass), pero tamén a bandas contemporáneas como Bloc Party ou Kubichek!.Girl ou I Miss Your Voice poden ser dous exemplos de todo isto, nos que cada acorde tórnase nunha nova volta de torca, pero sen chegar nunca a pasarse da rosca. Totalmente recomendábel.

MUSHROOM PILLOW informa

Fevereiro 26, 2009 por vacorinho

mushroom_pillow_logo_fondo_blanco

O xa mítico selo español Mushroom Pillow tivo a ben enviar a MM unha listaxe cos directos que han protagonizar os seus grupos. Estes que expoño a continuación son os que nos afectan “xeograficamente”.

Remate: 27/02/09- Casa da Cultura de Carballo

Sr Chinarro: 06/03/09- Fundación Caixa Galicia (Ferrol)

Tamén anuncia dous directos dos coruñeses Triángulo de Amor Bizarro:

18/03/09 Sala Caracol- Madrid

20/03/09 Sala Stereo- Alacante

E adianta que se atopa en fase de pre-produción o que será o seu segundo traballo logo do seu cacarexado debut.