Arquivo de Abril, 2008

listaxe de abril

Abril 30, 2008

Deixo aquí a listaxe deste mes de abril que xa remata. O número 1 dos post adicados a discos máis visto segue a ser para o proxecto de Gustavo Santaolalla and company, Bajofondo. Sorprendeume e congratuloume a un tempo a importante presenza de proxectos galegos, concretamente con cinco discos entre estes quince máis visitados:

 

1.          BAJOFONDO: mar dulce

2.          DELUXE: reconstrucción

3.          ATAQUE ESCAMPE: galicia es una mierda

4.          THE MARS VOLTA: the bedlam in goliath

5.          BECK: odelay (deluxe edition)

6.          IVÁN FERREIRO: mentiroso mentiroso

7.          THE GIFT: fácil de entender

8.          MIRANDA!: el disco de tu corazón

9.          THE HOMENS: tres

10.       JOSH ROUSE: country mouse, city house

11.       GOGOL BORDELLO: super taranta

12.       EDITORS: an end has a start

13.       SILVIA PENIDE: desafinante crónica

14.       ANIMAL COLLECTIVE: strawberry jam

15.       MAPS: we can create

 

CORNELIUS no Mardi Gras (A Coruña)

Abril 28, 2008

Envioume Rocío xa a semana pasada información sobre o concerto que Cornelius van dar na sala Mardi Gras da Coruña, pero por falta de tempo non puiden publicala ata agora. Os datos son os seguintes:

 

Lugar: Sala Mardi Gras (r/Travesía da Torre, nº 8.)

Data: 9 de maio de 2008

Hora: 22:00 h.

Prezo: 6 €

 

Cornelius é unha banda de Vilagarcía de Arousa formada por David “Chiquillo”, Antonio Casado, Toni B. Willisch, José Vilas, Andoni Arcos e Ton Risco.

A traxectoria de Cornelius comezou no ano 2005 coa publicación dunha primeira maqueta. Desde entón curtíronse xirando por Galiza e participando en diversos certames, onde se fan con varios premios. A integridade do seu repertorio é en inglés.

O seu álbum de debut chámase, paradoxalmente, Greatest Hits, e nel mestúranse diversos estilos como rock, funk, ska, soul,…

Os traballos de mestura e masterización correron a cargo de Segundo Grandío no estudio Casa de Tolos.

Se tivese que destacar algún corte de Greatest Hits quizais quedaría con Dangeours, unha moi persoal versión dun tema do xamaicano Peter Tosh, ou co intenso peche do álbum, Dragonfly.

Greatest Hits pódese mercar (en soporte físico ou dixital) en grandes cadeas (FNAC, Gong,…), a través da web www.pai-musica.com ou nas principais tendas de discos do país.

 

LA BRUTA FEST (A Coruña)

Abril 24, 2008

A xente de El Beasto Recordings celebra o seu décimo aniversario coa organización da primeira edición do La Bruta Fest os días 5, 6 e 7 de xuño nas salas Mardi Gras e Playa Club da Coruña, que nace coa necesaria intención de paliar a falta dun festival de rock´n´roll na cidade (coa excepción do simulacro do Noroeste Pop Rock). Cada noite contará coas actuacións de dúas bandas combinadas cun espectáculo de burlesque (a cargo de Fancy Chance). Logo haberá cadansúas festas post-concerto nos locais Atomic Club e Nordic (Playa Club), a cargo dos pinchas Alberto Chao, Marky Las Vegas, Roi, Alex Big Voxx Man e The Hyppestofcats. Podedes obter máis información na páxina web de El Beasto Recordings (a que accederedes se premedes na imaxe de enriba), onde ademais poderedes participar no sorteo de dez bonos para o festival. O cartaz de La Bruta Fest é o seguinte:

 

Xoves 5 (Mardi Gras):

  • The Phantom Keys: Unha das bandas máis prometedoras do garage estatal.
  • Die Cadaveras: Rock salvaxe da man de Manu Passadena e Indy Tumbita.

 

Venres 6 (Playa Club):

  • The Fuzztones: Grupo mítico de Garage-Psych-Punk desde New York.
  • The Morlocks: outra banda lendaria, que ademais presenta o seu novo traballo Easy Listening For The Underachiever.

 

Sábado 7 (Playa Club):

  • The Flaming Sideburns: desde Helsinki, demostrando que Escandinavia é potencia no eido do garage.
  • The Moving Sounds: Enorme banda sueca de garage-beat.

 

Entrada xoves: 9 €
Entrada venres: 17 €
Entrada sábado: 17 €
Bono para venres e sábado: 30 €

 

Entradas á venda en:

 

A Coruña:

  • El Beasto Shop: R/Galera, 3 baixo. Tlf. 881 885328
  • Sailor Diego Tatoo: Ronda De Outeiro, 274. Tlf. 881 883260

Compostela:

  • A Reixa Tenda: R/Mazarelos, 9. Tlf. 981 575138

Pontevedra:

  • Carnaby: R/Isabel II, 18. Tlf. 986 844067

Vigo

  • Monkeybone Shop: Centro Comercial Gran Vía, Local 14. Tlf. 986 114386

Ourense:

  • Serie B: R/Valle Inclan, 12. Tlf. 988 247557

AMY WINEHOUSE vs DUFFY

Abril 21, 2008

premendo nas imaxes podes descargar os discos

Imaxinade por un intre que se nos presenta unha dúbida transcendental de carácter moral. Na iconografía popular contemporánea para axudarnos a despexar este tipo de indecisións éticas xurdían enriba de cada ombreiro un anxiño e un demo. Se empregásemos para aconsellarnos no noso dilema a escena soul contemporánea a cousa podería ficar tal que así: cun pito entre os beizos e un chisqueiro na man reflexionamos sobre a necesidade ou non de deixar o tabaco (o exemplo pode aplicarse a calquera outro estupefaciente, perversión, vicio ou pecado capital). De súpeto, tras unha explosión no noso ombreiro esquerdo acompañada por un pegañento cheiro a xofre, aparece Amy Winehouse, que se achega á nosa orella para rumorearnos: They tried to make you go to rehab, you said no no no…

Amy Jade Winehouse naceu no seo dunha familia xudía e aficionada ao jazz dun arrabalde londiniense. Seu pai, Mitch Winehouse, auto-proclamouse recentemente como principal inspiración de Amy e afirmou que o soul roto da súa filla naceu da tristura que lle causou comprobar, con só dez anos, que enganaba a súa nai con outra muller.

Con vinte anos editou o seu primeiro álbum, Frank (2003), co que acadou o interese da crítica. Tres anos máis tarde saíu á luz Back to Black, que lle facilitou premios e fama a manchea. Logo o que xa todos coñecemos, con 24 anos ingresa nunha clínica de desintoxicación onde está sendo tratada das súas múltiples adiccións.

Amy cheira a Motown, a R&B, á quinta esencia do soul moderno, a alcohol e drogas, a antros escuros, a antidepresivos e ansiolíticos, a perdedores de taberna,…; a súa voz grave e de outrora lémbranos a Billy Holliday e a tódalas grandes damas malditas do soul e do jazz.

Xa estamos case convencidos de prender a lapa e aspirar o fume cando se escoita outra explosión no ombreiro dereito, esta vez acompañada dun arrecendo a perfume de Chanel, da que xurde Duffy: toda de branco, loura e cun sorriso inmaculado. Non o fagas, escoitamos.

Esta rapaza galesa publicou o seu primeiro traballo, Rockferry, neste ano 2008. O seu sinxelo debut, Mercy, está a soar en todos lados, adiantándonos a brisa retro-soul que percorre todo o disco.

Logo do seu paso polo Operación Triunfo galés, Duffy foi descuberta por Bernard Butler (ex-guitarrista de Suede), quen asina e produce catro temas do álbum. Ten como representante a Jeanette Lee, copropietaria do selo Rough Trade. Aínda que non lle guste demasiado, foi comparada desde a saída de Rockferry con Dusty Springfield, unha cantante británica de pop-soul que contou cunha grande popularidade durante a década dos 60, representando o lado máis sofisticado do swinging London e unha das iconas do movemento mod (moitos coñeceredes dabondo o seu tema Son of a Preacher Man, que Tarantino rescatou para a banda sonora de Pulp Fiction).

A voz de Duffy é moito máis branca que a de Amy; o groove retro do disco é resultado da suma de músicos e autores como Steve Booker, Jimmy Hogarth ou Eg White. Duffy nin compón  nin posúe a teatralidade do abismo que emana Amy Winehouse, pero Rockferry resulta un interesante reflexo dun pasado afastado onde reinaban Bacharach, Petula Clark ou a propia Dusty.

Así que xa sabedes: prender ou non prender, o branco ou o negro, o ben ou o mal; ou mellor aínda, ¿por que escoller se podemos quedar coas dúas?

PD: gustaríame coñecer con cal vos quedades, aínda que sospeito que gañará Amy de goleada…

 

Inauguración do C.S. Gomes Gaioso

Abril 17, 2008

Os próximos días 25 e 26 de abril terán lugar diversos actos para celebrar a inauguración do C.S. Gomes Gaioso, sito na rúa Marconi nº9 baixo, no barrio de Monte Alto da Coruña. No propio blogue do C.S. poderedes obter máis información ao respecto. Se nos cinguimos ao estritamente musical terán lugar unha serie de concertos na Sala Ínox (rúa Orillamar, 44) e no local do propio centro. O cartaz é o seguinte:

 

Venres 25 de abril na sala Ínox, a partires das 22 horas (billete 3 euros):

Trapalhada: Ska-punk desde Monte Alto, A Coruña

Ulträqäns: grupo de música balcánica integrado por Antom Papaqueijos, Fram Amil, Tino Papaqueijos e Aarom.

 

Sábado 26 de abril, no C.S. Gomes Gaioso, a partires das 22:30 horas:

Nelsom Quinteiro: Cantareiro nado en Cangas e residente na Coruña.

Xabier Diaz: fundador de Rumbadeira, cantante titular da compañía Nova Galega de Danza, o seu último disco chámase Coplas para Icía e é o actual cantante de Berrogüetto substituíndo a Guadi Galego.

 

ATAQUE ESCAMPE: galicia es una mierda

Abril 14, 2008

 

se premes na imaxe accedes á web de A Regueifa, desde onde poderás descargar o álbum legalmente e de balde

Coido que lin no propio myspace da banda (agora aínda que me mates non me lembro se foi alí con certeza, e por razóns técnicas non podo comprobalo) esta aquelada reseña do último traballo dos composteláns Ataque Escampe; e como me gustou tanto decidín aforrarlle ao mundo unha das miñas habituais peras mentais e transcribilo literalmente. Gozade da tregua!   

 

Tras un debate non demasiado desputado no seu blogue, a banda de Vistalegre decidiu seguir as voces da maioría e bautizar o seu novo traballo co nome máis provocador posíbel. Habería que facer memoria e mentar por enésima vez a Os Resentidos para atopar un caso similar na música galega, e mesmo así a distancia entre as dúas bandas é abismal, e non só polas décadas que lles pasaron aos de Vigo polo lombo. A provocación que ladra dende a carátula do disco ten un aquel máis definido da que trouxo o carro da Movida. Sempre houbo teóricos que defenderon o valor revolucionario do humor, especialmente no noso país, que ten como tótem a un humorista e que se caracteriza por ser o reino da retranca.

O disco de Ataque Escampe explota precisamente ese matiz que vai máis alá da simple provocación, e que ao tempo segue a fuxir das verdades profundas. Podemos velo no tema que dá nome ao disco (todos os traumas xa chos escoitei / pero ti es ben parvo tamén), en Serafín, o anxo salvador que traerá o final feliz ás diatribas do país, e nos Tres cantos a Lenin, anaina de tintes amorosos que acaba fundindo a súa última frase (a miseria da vida) co himno soviético. Precisamente á nostalxia irónica da guerra fría e do esplendor socialista súmase a Akira Toriyama, máximo icono da xeración Songoku, para persistir no toque xeracional que xa viramos no traballo anterior.

        Tamén é moi destacábel o xeito no que o grupo reincide na súa persoal ética do perdedor, atopando no malo da película un (anti)heroe a reivindicar, e construíndo un universo propio, besbellado entre frases de filmes antigos, abeirado ás barras dos locais nocturnos, e prendido sempre da cintura do barrio compostelán que os viu xurdir.

      Porén, o máis importante de Galicia es una mierda posíbelmente sexa que acaba por configurar a personalidade dunha banda que fixo da serie B a súa etiqueta de presentación, e que pouco a pouco foi explorando sen complexos e por todas as vías posíbeis os territorios anexos ao rock acústico do que partían. Xunto con pezas como O malo da película ou a A Banda Desdenhada,  próximas á xusta furia dylaniana nos tempos do Rolling Thunder Revue, atopamos baladas impresionantes como O longo adeus e incursións inesperadas como valses entoados con voz ronca.

      Con evidentes melloras a nivel de produción, a verdade é a limpeza de son, a nova riqueza instrumental ou a solvencia dun vocalista máis experimentado, non conseguen atinxir á autenticidade suburbial do grupo, nen moito menos, á retranca revolucionaria que seguen debuxando as súas letras, anacos da mellor poesía do momento.

 

 XIRA INVENCIÓN DA PÓLVORA 2008

-4 de abril, 23:00, Aniversario Cineclube na Gentalha do Pichel, Compostela

-12 de abril, 22:00, A Esmorga, Ourense

-19 de abril, 23:30, Clavicémbalo, Lugo

-25 de abril, 22:00, Conmemoración da Revolución dos cravos, Aturuxo, Boiro

-26 de abril, 23:30, A Revolta, Vigo

-23 de maio, 21:00, Auriense Café Cultural, Ourense

-29 de maio, Clausura de “Revelando voces”, Compostela

-7 de xuño, Café Uf, Vigo

-21 de xuño, Ocio Alternativo, 1:00, Cambre

-18 de xullo, 23:00, Festa das Revenidas, Vilaxoán

-2 de agosto, 23:30, Festival Penela Rock, Monforte de Lemos

-28 de setembro, Festas de Monterroso, Monterroso

-25 de outubro, 00:00, O con do moucho, A Illa de Arousa

-7 de novembro, 1:00, Pub Gatos, Melide

-8 de novembro, 0:00, A fragua, Redondela

 

DELUXE: reconstrucción

Abril 10, 2008

Reconstrucción é o quinto disco do coruñés Xoel López, que saíu á luz o pasado 18 de marzo, aproximadamente un ano despois do lanzamento de Fin de un Viaje Infinito, o seu anterior traballo.
O álbum ofrécenos dez temas inéditos e cinco remesturas das cancións que foi publicando mes a mes en internet ao longo do 2007. A primeira edición desta Reconstrucción, limitada ás súas 5.000 primeiras copias, traerá a maiores un DVD que inclúe imaxes en directo do Piano Bar Sessions, os tres vídeos de Fin de un Viaje Infinito e parte do concerto (unha hora e media) que Xoel ofreceu o 24 de novembro de 2007 en La Riviera, acompañado de xente como Josele Santiago, Eva Amaral e Juan Aguirre de Amaral, Amaro Ferreiro, Eladio Santos ou Julián López do programa Muchachada Nui. No audio deste DVD inclúense quince temas máis, compostos por versións acústicas, maquetas, as tres “cancións do mes” non incluídas no CD e catro temas do directo en La Riviera.

Á música daquel rapaz da Coruña foille de novo aplicado a lixa do tempo para pulila un pouco máis; descoñezo se para ben ou para mal, opinións contrarias escoitei arreo. Hai partidarios dos caudais máis brutos e salvaxes, outros decántanse pola suavidade e a domesticación dos regatos creativos para favorecer o nacemento dun son Deluxe, xurdido tras mollar a codia en distintos prebes (rock, soul, blues, folk,..). Pódese considerar Reconstrucción como a continuación natural de Fin de un Viaje Infinito, e teño que recoñecer que a deriva que tomou a música de Xoel nestes dous últimos traballos a min préstame, aínda que boto en falta no estudo un pouco máis dese guitarreo frenético que alcanza nalgún intre dos directos.

Decidín facer un pequeno experimento para avaliar este álbum, e empreguei o iTunes para darlle a cada tema unha valoración segundo o número de estreliñas acadado. O resultado foi irregular, amosando cinco ou seis cancións cunha nota moi alta, e o resto con tan só unha estrela ou dúas. Ao escoitalo de novo variei o meu criterio e inflei un pouco as cualificacións; pásame sempre. Con ou sen inchamentos a cousa é que semella un disco menos redondo que o anterior, que é unha auténtica delicia de comezo a fin (sempre baixo o meu punto de vista), debido quizais á presa á hora de publicalo, non deixando cocer suficientemente a guarnición que debe acompañar a ese gorentoso solombo composto por Este Último Encuentro, Historia Universal ou Pájaros Negros (esta última xa me flipara en directo). Pero en fin, como dixo o outro, ¿quen quere patacas habendo carne?

 

MARLANGO en directo

Abril 7, 2008

Marlango, é dicir Leonor Watling, Alejandro Pelayo e Óscar Ybarra, tocaron este pasado sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra, un concerto incluído na xira de presentación do seu terceiro traballo, The Electrical Morning, que os levará tamén a tocaren na Coruña, Ourense e Ferrol. The Electrical Morning ven a confirmar a madurez dun proxecto que superou hai tempo o estigma de ser a banda de Leonor Watling.          

O son de Marlango xermolou a partires da semente que a música de Tom Waits insertara nos ouvidos dos seus integrantes, para medrar logo baixo a luz de referentes como PJ Harvey, Mark Lanegan ou Radiohead.

Leonor Watling asina tódalas letras do disco e as interpreta cunha voz que pandea entre unha grande variedade de rexistros, conseguindo así o ambiente sonoro propicio para cada sentimento que desexa expresar.

The Electrical Morning foi producido por Alejandro Pelayo, e contén sonoridades derivadas de instrumentos monofónicos como as Ondas Martenot ou o Minimoog (sexan o que carallo sexan estes chismes), ademais dunha maior contundencia no uso das guitarras, o que lle confire ao álbum un son diferente ao dos seus antecesores.

Participou tamén na gravación do disco os músicos que acompañan a Marlango nos seus directos, é dicir Gonzalo Maestre (batería), Vicent Huma (guitarra) e Manuel Bagüés (baixo).

 En resumo, atopámonos ante proxecto musical que esperta distintas reaccións entre o público; hai quen os considera unha banda sobrevalorada ou quen simplemente pensa que Leonor está moi boa, pero tamén existe un importante grupo de incondicionais que os segue e goza da súa música xa desde o primeiro disco. Se non tes clara a túa opinión ao respecto tes varias posibilidades de velos en directo e decidirte:

 

11/04/2008 - 20:30:00
Auditorio Municipal
Ourense

12/04/2008 - 20:30:00
Teatro Colón - Caixa Galicia
A Coruña

01/05/08 - 20:30

Teatro Jofre

Ferrol

 

 

 

 

 

 

LISTAXE MES DE MARZO

Abril 3, 2008

bajofondo.jpg

Atendendo ao número de visitas que cada post tivo no pasado mes de marzo, elaborouse esta listaxe. Hai troco no número 1, aínda que non muda de país. 

  1. BAJOFONDO: mar dulce
  2. IVÁN FERREIRO: mentiroso mentiroso
  3. THE MARS VOLTA: the bedlam in goliath
  4. THE GIFT: fácil de entender
  5. THE HOMENS: tres
  6. MIRANDA!: el disco de tu corazón
  7. ELODIO Y LOS SERES QUERIDOS: esto es lo que tienes delante
  8. BECK: odelay (deluxe edition)
  9. RUFUS WAINWRIGHT: release the stars
  10. EDITORS: an end has a start
  11. GOGOL BORDELLO: super taranta
  12. THE KILLERS: sawdust
  13. RADIOHEAD: in rainbows
  14. CAJUN DANCE PARTY: cajun dance party
  15. ANIMAL COLLECTIVE: strawberry jam