CATPEOPLE: what´s the time mr. wolf?

By vacorinho

catpeople_wolf

Hai tempo que teño a intención de falar deste disco e, por unha razón ou por outra, funo pospoñendo. Non sei se What´s the time Mr. Wolf? É “o mellor disco que escoitei en moito tempo”; afirmacións así poden soar abondo pretensiosas, pero si podo sinalalo sen dubidalo como un dos que máis me prestaron nos últimos meses e dos que máis veces me levou a darlle ao play do reprodutor.

Catpeople son Adrián Pérez (a súa voz tingue todo o traballo da banda dunha cor moi particular), Fito Rodríguez, Paco Iglesias, Javi Abalo, Raul Muñoz e Iván Fernández. Estes vigueses residentes en Barcelona xa sacaron o seu primeiro traballo no 2006 co nome de Reel#1.

What´s the time Mr. Wolf? está composto por 11 brillantes salmos interpretados por estes devotos da igrexa na que The Cure e New Order son santos. Neste segundo disco confirman que son algo máis que unha “nova promesa do indie estatal”, e van máis aló que unha continuación ornamentada do debut. Foi gravado nos estudios Blind Records de Barcelona, e eles mesmos, coa axuda de Blind Joe´s, asumiron a produción.

O traballo ábrese de xeito premonitorio con Strumble in Vigo, onde os sintetizadores son o pincel que deixa no lenzo os diferentes tons de gris da cidade que os viu nacer e medrar.

In Silence conta cun dos retrousos máis potentes do álbum, herdanza directa de Interpol, os seus tíos americanos.

No comezo de Sister semella que a voz de Robert Smith vai irromper, triste e rota, en calquera intre. O flirteo das guitarras co sintetizador que caracteriza aos de Sussex marca o corte. O final resulta sinxelamente apoteótico. Sen dúbida a miña favorita deste traballo.

Na comparación coa súa predecesora All These Tears supón un chanzo cara abaixo, pero nunca un salto ao baleiro. O último minuto e medio da canción é máxico.

Goodbye Angel basea a súa forza nun pegañento retrouso repicado polas notas agudas dos instrumentos e uns máis que aquelados coros.

House of Love e Last Chance resultan unha dupla que se complementa perfectamente á hora de amosar sentimentos de desacougo e melancolía dun xeito distinto, pero igual de efectivo en ambas.

Coohagen lémbrame aos Editors máis que ningunha. Iníciase con violíns e ten os sintetizadores máis tolos do disco, que dan paso a Golden Swan, fermosa e evocadora de paisaxes máis sosegados. Outra oportunidade máis para o lucimento da ampla gama de rexistros vocais de Adrián (ten intres que incluso me lembra a Morrissey, ou será obsesión miña?).

As pontes instrumentais de Looks Like Dogs son, sempre baixo o meu persoal criterio, das mellores pasaxes de What´s the time Mr. Wolf? De novo unha alegoría de escuras sensacións continuada en Bubblegum: depresiva, terminal, drogadicta.

End Tittle podería compararse co chegar a casa do Ulysses, por fin reflexión á calor duns mallados arranxos de piano, o tan preciso lecer após dunha dura xeira.

Rematando: What´s the time Mr. Wolf? é un segundo paso moi firme desta banda cara a excelencia futura que sen dúbida acadarán. A madurez xa a conseguiron, trocando o que podería resultar unha tediosa repetición de arquetipos manidos polo traballo aplicado a cada corte e unha óptima labor de produción. Iso si, se perder un so intre de vista as súas benditas referencias, máis visíbeis en Catpeople que na maioría dos grupos.

Tags: , ,

Deixar uma Resposta