Nesta cuarta entrega do Se copias non me enganas a min, engánaste a ti, adicado aos nosos ben queridos copións, imos falar de Coldplay. E xa tardabamos! Porque se a alguén lle deron paus nos últimos anos por mor destes pequenos despistes casuais foi a Chris Martin e os seus rapaces.
Hoxe imos centrarnos no que probabelmente sexa o caso máis sonado no que se viron envoltos.
Viva la Vida é un tema incluido no álbum de 2008 Viva la Vida or Death and All His Friends.
O guitarrista neoiorquino Joe Satriani acusou a Coldplay de plaxio nunha Corte Federal de Los Angeles o 4 de decembro de 2008. Satriani afirmou que Viva la Vida incorporaba “porcións sustanciais e orixinais” da súa peza instrumental If I Could Fly, publicada en 2004.
Coldplay negou a acusación. Unha nota emitida pola banda británica afirmaba que “si existen certas similitudes entre os dous temas musicais, son completamente casuais, e tan abraiantes para nós como para el”.
Os integrantes de Coldplay resultaron sobreseídos, iso si, tras chegar a un acordo extraxudicial con Satriani de cuantía descoñecida, que algunhas fontes a cifran en torno aos 3 millóns de euros.
Joe Satriani asinou un contrato cos avogados de Coldplay polo que se comprometeu a non voltar falar do suposto plaxio.

