De todas as opcións para gozar dun bo directo esta fin de semana, hoxe queremos suliñar con lapis vermello o que os estradenses Esquíos darán mañá, sábado 21 de xaneiro, no Badulake (Ordes).
Esquíos están en pleno período de presentación do que é o seu xa quinto traballo Agora si!! …despois igual non (ímolo vendo), no que nos ofrecen un novo catálogo de convulsións punk-rock adobiado cunha pose sincera e exposta a peito descuberto á que se manteñen fieis desde o ano 2005.
Agora si!! …despois igual non (imolo vendo) foi gravado en directo nos Estudios Abrigueiro e producido por Arturo Vaquero. Compoñen o traballo doce esgarros cuspidos directos á faciana e cunhas letras que meten constantemente o dedo na ferida coa intención de facer pupa. O responsábel da confección dos temas (tanto música como letra) é o seu guitarrista, Jorge Rodríguez, agás a adaptación do poema de Novoneyra Se o pasado é pasado, reflectido no disco co nome Dos Tempos.
Esquíos son Jorge Rodríguez (guitara e coros), Pedro Dono (baixo), Miguel Castro (voz) e Jorge Iglesias (batería). No seu directo atoparás unha festa na que todo o mundo, banda e público, é protagonista, cun repertorio a base de breves e acelerados pildorazos punk; xa sabes, actitude e criterio a partes iguais.


