
Marlango, é dicir Leonor Watling, Alejandro Pelayo e Óscar Ybarra, tocaron este pasado sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra, un concerto incluído na xira de presentación do seu terceiro traballo, The Electrical Morning, que os levará tamén a tocaren na Coruña, Ourense e Ferrol. The Electrical Morning ven a confirmar a madurez dun proxecto que superou hai tempo o estigma de ser a banda de Leonor Watling.
O son de Marlango xermolou a partires da semente que a música de Tom Waits insertara nos ouvidos dos seus integrantes, para medrar logo baixo a luz de referentes como PJ Harvey, Mark Lanegan ou Radiohead.
Leonor Watling asina tódalas letras do disco e as interpreta cunha voz que pandea entre unha grande variedade de rexistros, conseguindo así o ambiente sonoro propicio para cada sentimento que desexa expresar.
The Electrical Morning foi producido por Alejandro Pelayo, e contén sonoridades derivadas de instrumentos monofónicos como as Ondas Martenot ou o Minimoog (sexan o que carallo sexan estes chismes), ademais dunha maior contundencia no uso das guitarras, o que lle confire ao álbum un son diferente ao dos seus antecesores.
Participou tamén na gravación do disco os músicos que acompañan a Marlango nos seus directos, é dicir Gonzalo Maestre (batería), Vicent Huma (guitarra) e Manuel Bagüés (baixo).
En resumo, atopámonos ante proxecto musical que esperta distintas reaccións entre o público; hai quen os considera unha banda sobrevalorada ou quen simplemente pensa que Leonor está moi boa, pero tamén existe un importante grupo de incondicionais que os segue e goza da súa música xa desde o primeiro disco. Se non tes clara a túa opinión ao respecto tes varias posibilidades de velos en directo e decidirte:
11/04/2008 - 20:30:00
Auditorio Municipal
Ourense
12/04/2008 - 20:30:00
Teatro Colón - Caixa Galicia
A Coruña
01/05/08 - 20:30
Teatro Jofre
Ferrol