
preme na imaxe para descargar Third
Non semella Third, terceiro traballo dos británicos Portishead (orixinal o nome), ter sido feito con excesivas pretensións comerciais; mentres a crítica se desfai de xeito unánime en loanzas e aplausos, o grande público halle dar as costas.
Pouco fica nel do seu trip-hop primixenio; Third podería ser a Portishead o que no seu día foi o Kid A a Radiohead, a fuxida por un carreiro tebroso e pechado de silvas dunha banda situada no cumio máis luminoso da súa popularidade.
Third contén once cantigas dramáticas, escuras, desoladoras para a alma, que conforman un disco raro e tortuoso, de audición nada doada e non apto para determinados estados de ánimo; está baseado nunha viscosa arquitectura rexida polas leis da dinámica dos fluídos. A voz de Beth Gibbons é un berro de socorro no medio da noite.
Magic Doors, Small e Nylon Smile poderían considerarse herdeiras do son amosado en Dummy e Portishead, os seus primeiros traballos. O resto son unha grei de inquietantes intres a angustiarnos ben dun xeito máis acústico nalgúns temas e máis industrial noutros.
Portishead optou por levar o seu son á beira do baleiro, inzado de saturacións, acoples, graves insólitos e improvisacións domésticas.
Pasen, escoiten, sintan.