MULLET: salmonete
26 Xulpica na imaxe se desexas escoitar o disco
Para o meu persoal abraio o pasado sábado pola mañá, unha mañá límpida e luminosa de xullo, dispúñame a gozar dunha agardada xornada praieira; coas lagañas habitando aínda no contorno dos meus ollos decidín aproveitar o tempo do almorzo, xa na sala, polo que procurei en google o bandcamp de Mullet (banda formada por Óscar Vilariño, Raúl García e Olalla Caamaño, cos nomes de guerra de Burguer, El Ano e Bragochas) e, saboreando un gorentoso té inglés con leite, relaxado e ausente, elixín como banda sonora Salmonete (Ediciones Efepé, 2011).
Noutras ocasións tentara xa (sen excesivo éxito) achegarme positivamente á musica destes lugueses. Porén, atribuín este fracaso ao meu artificial interés derivado das “excesivas” loanzas e recomendacións dun amigo meu cara a súa música “conceptual”, “experimental”, “libre”… Xa que eu con estas cousiñas adoito andar con moito tino.
Mais esa mañá todo cambiou. Estaba no meu salón. A luz entraba pola xanela e ouvíase remoto o rumor do mar a bater incansábel contra as rochas que sustentan a torre. Escoitei Salmonete sen esixencias, deixando inconscientemente que fose a música a que se achegase a min en lugar de forzar eu a incursión nos temas. Comezou a internarse polos meus poros cando ía xa fóra a metade de Yo Confieso, o seu primeiro primeiro tema.
A experiencia foi agradábel e potente, así que seguinlle o rollo. Con Hola Rafaella! apropiouse xa de min, provocándome reaccións corporais manifestamente físicas. Puerto del Sonido e Congelados y Mascotas alumearon o camiño cara a catarse, a purificación emocional, corporal, mental e espiritual. Vaya si entiende freou esa viaxe cara o abismo emocional (e lembroume que eu tampouco entendo “un cagao” de bricolaxe). Aínda que tan só foi unha desaceleración temporal, xa que as breves Pequeño Cohete Dirigiéndose hacia tu Padre e Curas + Mierda = 2 volveron arrastrarte cara o remuíño da liserxia, a distorsión e a mala baba. Sobre todo a segunda, co seu final estilo Hare Krisna. Non gustei tanto de Pelo o Camiseta, paranoica e teimuda distorsión capaz de crisparme os nervios. Teño que dicir que preferiría non ter escoitado almorzando El Dilema de Margarita, o tema que fecha o traballo. A música non está mal, mais non era hora nin lugar de escoitar segundo que teorías.
Hoxe, mentres escribía estás liñas, volvín escoitar Salmonete tentando basearme naquel intre matunino. Comprobei que a complexidade da mente unida aos axeitados estímulos, por moi estraños que estes ás veces nos parezan, son quen de facernos viaxar alén das nosas realidades, complexos e prexuízos. Bravo!
THE LOST OMELETTE-MAKERS: crisis de mediana identidad
24 XulPica na imaxe para acceder á bandcamp de The Lost Omelette-Makers
Segundo o modelo aristotélico, a arte consiste basicamente na imitación. No caso da poesía (no sentido máis amplo do termo), esta imitación pode reflectir o comportamento (e non só á persoa como entidade física) de quen está nun plano moral superior, dando lugar á traxedia ou a epopea; ou nun plano inferior, dando lugar á comedia; a imitación de comportamentos humanos similares ao noso non ten (en base a esta teoría) valor poético, aínda que o modelo non dramatizados como o Big Brother amosaron nos últimos tempos ser quen de atraer a atención masiva do espectador a xeito de poesía da cutrez supina. Daniel Santos (o nome agochado detrás do proxecto The Lost Omelette-Makers) consigue no seu primeiro Longa Duración unha dramatización pop do cotián lonxe dos charramangueiros esquemas cos que decote este se amosa. Cunha métrica variada e ritmos cambiantes, este drama é válido para calquera época do ano, sendo especialmente ideal para o verán.
Porque hai versos que xustifican toda unha obra, e “cada vez que nos deitamos debería ser día santo mundial”, por exemplo, é un deles. Porén, se atopas nunha mesma obra varias destas xemas camufladas, podes coller un croio e bater forte con el nos dentes, porque cada día abundan menos.
Outro concepto herdado da vella Grecia, o de crise (conxuntura de cambios en calquera aspecto dunha realidade organizada pero inestábel, suxeita a evolución) serve para bautizar este primeiro traballo, focalizada na identidade (ou mediana identidade) comoprocura do eu no espello. Mais volvamos ao rego; por onde iamos? Ah, si! Crisis de Mediana Identidad rematouse de gravar o 4 de xullo deste mesmo ano (aínda está quentiño); Daniel Santos aportou guitarra, voz, ukelele, banjo, Casio PT-10, shaker, melódica… sigo? O disco foi producido e mesturado por Chukostyle Subersive no Chuko´s Planet e contou coas colaboracións de Montes Mon Amour, baixo “Só é Química (but I Like it)” e “Habrá Lobos”; e de Álvaro Shanga, guitarra solista en “Te Conocía de un Sueño Pasado”.
Outro arrouto: “En el mundo que ella deseó, todo era perfecto menos yo”. Dramatización, visión sobre a auga do que aboia, etéreo e caduco, entre o inferno do pecado e as grandes traxedias dos deuses, mastigado e cuspido á faciana por imperturbábeis Casios que fuxiron dos anos 80 do pasado século a bordo dun Delorean, para que sintamos na nosa epiderme e cheiremos na nosa pituitaria que non resta nada novo que inventar. Só ver, rexistrar, deglutir e cuspir coma unha llama do demo chamada The Lost Omelette-Makers..
Entrevista con Mack Paramo
19 XulUnha das raras avis máis prolíficss do panorama musical galego presentou novo traballo: Martín González aka Mack Paramo aka Mack “Barracuda” Paramo. O que outrora fora vocalista e guitarra de Zoophilia e actual membro de Los Thyssen leva xa sacado xa varios disparos no que vai deste 2012: Sounds Of… (febreiro), Lover Dude (xaneiro), Electric Hair (maio), The Mack Paramo EXP (xuño) e Barracuda, o último. En Malas Músicas quixemos falar con el, e isto é o que nos contou:
Malas Músicas: Para comezar con bo pé, explícalle á xente de que vai o teu último traballo: Barracuda, asinado como Mack ”Barracuda” Paramo Fuzzy Blues.
Mack Paramo: Por comodidade á hora de poder levar a miña musica o directo, convertinme nun home orquestra, tocando guitarra, armonica, kazoo, bombo, pandereta e cantando. A miña musica basase no delta blues, no garage punk, no rockabilly e no swamp blues. Mack querevos moito e desexabos un bo nadal.
MM: Pode que sexas unha das figuras máis prolíficas da música galega? De onde sacas tanta creatividade (e tanto tempo tamén, claro)?
MP: A creatividade…non sei de onde a saco, supoño que nacin con ela, aínda que hai cousas que me inspiran, como a priba e as chicas bonitas. O tempo que teño son os ratos libres, pois traballo 8 horas e media diarias e so teño libre os sábados pola tarde e domingos.
MM: Ademais do teu traballo en solitario es unha das patas desa mesa chamada Los Thyssen e participaches antano nos xeniais Zoofilia: mellor só ou acompañado?
MP: Non eramos Zoofilia eramos Amphibius, uns adolescentes desfasados o borde do alcoholismo. Creo que mellor acompañado sempre que se compartan os mesmos gustos e que a todos lles apetezca tirar polo mesmo camiño. Se hai discusións e líos e mellor estar so que a desgusto.
MM: De onde ven o nome de Mack Paramo (se é que ven dalgures)?
MP: Mack Paramo ven das antípodas.
MM: Gustaríanos saber como é o proceso creativo de Mack Paramo. Parte da improvisación ou é un proceso máis estructurado?
MP: En Mack ”Barracuda” Paramo Fuzzy Blues, algunhas cancions son compostas con dias de antelacion, outras xa as tocaba con zoofilia-a-a, e o resto xurden mentras me deixo levar. Con Mack Paramo o meu proceso de creación e o seguinte: toco a guitarra 5 minutos e penso – esto esta way – despois fago un ritmo co ordeñador ou co que teña a man, gravo a guitarra ritmica e despois o resto. Algunhas veces as cancións xa lles levaba dando voltas un tempo ou compóñoas mentres a xente o pasa ben de festa e eu estou calado mirando ao baleiro.
MM: Semellas moverte no blues máis clásico (principalmente na túa faciana como “Barracuda”), máis tamén picas no punk, surf, funk, moita liserxia…: que música escoita Mack Paramo e cales son as súas principais influencias?
MP: Pois adoito escoitar blues dende os anos 20 ata os 40, rockabilly, rythm & blues, garage, punk, blues punk chatarrero, rock & roll, psychedelia… Como principais Influencias citaría a Muddy Waters, The Jimi Hendrix Experience , Johnny Winter, Slim Harpo, Johnny Thunders, New York Dolls, Charlie Feathers, Iggy & The Stooges, Link Wray, Buddy Holly, Chuck Berry, Johnny Guitar Watson, Blind Willie Johnson, Blind Willie Mcteel, Robert Johnson, the velvet underground… e moitas máis cousas, son moi influenciábel.
MM: Supoño que este proxecto persoal será difícil levalo ao directo, non?
MP: Pois non moito, só se trata de marcar un ritmo co bombo, e tocar a guitarra e a harmónica por enriba. A única complicación e perderte ou que o rollo que suxeita a harmónica se aflouxe e caia para abaixo, cousa que pasa constantemente e que me pon dos nervios.
MM: Destacarías algunha outra banda ou músico galego? (Non vale dicir Los Thyssen)
MP: Pois para o meu gusto e por non querer ser un pelota, hai poucas cousas en Galicia que me molen realmente… Thee Boas, Thee Blind Crows, Tumbitas, SRASRSRA, Zoofilia-A-A e algunha outra cousa máis haberá. Jrucho, Matitas Auch e Rubena Domingues son persoas creativas e de talento ás que respecto.
MM: E falando doutras bandas: como foi a experiencia no Galician Bizarre con Los Thyssen?
MP: Way, pero nestes momentos non me sinto identificado con isto e gustariame moverme por outros ambientes.
MM: E xa para rematar: Que carallo pasa no Grove?
MP: Que pasa no Grove???? O JROVE E TOPE LUMPEN. Cabezas de cabalo que aparecen e desaparecen, estrañas caveiras que non son o que crees, Braulio, o volcán da Toxa, motoratos, maquinetos a máis non poder, un ambiente nocturno que vai máis aló do noxo, monólogos de merda, festivais horríbeis. Por sorte hai algo bo no Grove: Pimple, Tajo, os amigos que volven aló para pasar o verán, a miña familia, o monte do Sineiro, a guitarra que deixin, A Toxa Pequena, o Metropol, o Twist & Shout, Tule e Manita… Mentras poida non penso volver a vivir alí. Foi largarme dese burato e empezarme a ir ben as cousas.
Entrevista con Trapallada
17 XulTrapallada non só son da Coruña (o que xa sería moito), senón do mesmísimo bairro de Monte-Alto, orgullosa proa desa nave indomábel que día a día bate de fronte contra o Océano Atlántico. Pasado combativo, refuxio de artistas, camiño da Torre… un micro-universo baixo a sombra dun depósito de auga e o perenne son das gaivotas que deixa pegada se medras alí. Trapallada son Jorge, Pedro, Marcial, Rafa, Inés, Arnaud e Pablo. Despois de Trapallada: O Peor de cada Casa e 15002: Espíritu de Loita, veñen agora de presentar o seu novo e refulxente terceiro traballo: Pedras no Camiño.
En Malas Músicas falamos con Jorge e Pedro deste traballo e outras cousas que se nos ocurriron. Velaquí a conversa.
Malas Músicas: Graváchedes Pedras no Camiño a finais do 2011 nos Estudios Amil da Coruña: Como foi a gravación? Ficastes satisfeitos?
Jorge: A gravación comezamola no mes de novembro, e a verdade é que se prolongou mais do que nos tivese gustado. En xeral Amil fixo un gran traballo coa gravación e posteriormente Tomás Ageitos nas misturas axudou a mellorar algunhas cousas. Aínda que contentos co resultado, todo é mellorable e de cada disco aprendes que facer e que non para outros traballos. Tentamos non repetir erros do pasado e penso que o conseguimos. En xeral ficamos contentos.
Pedro: A nosa idea era facer unha gravación máis profesional, empregando máis tempo e medios. Contamos con grandes colaboracións: Xurxo Souto, os irlandeses (Caitriona, Ken e Pádraic) A presenza de máis instrumentos e ademáis a novidade de Rafa ao saxo alto e Jrenhas a batería, por outro lado Arnaud, o noso trombonista, que vive en Berlín, enviounos a sua parte via e-mail. Fran Amil foi un excelente guía en todo o proceso de gravación, temos que agradecerlle a sua paciencia e consellos, sen el “Pedras no Camiño” non existiría. Ficamos satisfeitos ca gravación, ainda que como ocurre xeralmente, un nunca queda de todo satisfeito e sempre pensa: igual podiamos variar un detalliño aquí, outro alí, en fin, cousas normales dentro da música e as gravacións supoño.
MM: Que diferencias atopades (se é que as hai) entre este novo traballo e o anterior 15002: Espíritu de Loita?
J: En “15002 Espirito de Loita” fixemos unha compilación de temas vellos que tiñamos na nosa primeira maqueta xunto con temas que fóramos creando dende aquela e quedounos un CD de 16 temas bastante heteroxéneo, tanto en son como en calidade musical. Neste disco as cancions son todas novas e feitas nun periodo de tempo mais curto. Quizais teña un toque mais melódico tirando mais cara o punk pero sen perder o ska, que é o estilo que mais nos representa.
P: Como comentaba antes, creo que a xente notará máis calidade no son en xeral, creo tamén que é un traballo máis homoxéneo que o anterior, hai que ter en conta que “Espírito de Loita” ten moitos temas compostos e gravados en diferentes anos, polo que evidentemente nótase a diferenza entre uns e outros, non é o caso de “Pedras no Camiño”. Por último penso que na nosa habitual mistura de ska con punk, neste caso a proporción de ska e máis grande que no anterior, dito de forma máis sinxela, é un disco máis festeiro, iso si, sen renunciar a nosa temática habitual nas letras e estilo trapalleiro e ademáis aportamos novos matices balcánicos, irlandeses, surf…
MM: Conta Pedras no Camiño con varias colaboracións de luxo, mais chama especialmente a atención ese intre poderoso de comunión pancéltica tanto en nomes coma en intrumentos. Faládenos un pouco de cómo surxiu e como se levou a cabo esta idea.
J: Pedro, o noso baixista , xoga o fútbol gaélico e conseguiu liar a uns compañeiros do equipo que estaban estudando de Erasmus en Coruña. Propusémosllo e o resto foise dando no estudio. Nós tiñamos certas ideas, pero deixámoslle carta branca para colaborar co que lles parecese oportuno. De esta colaboración saiu o tema “Eterna noite de pedra”, onde ademais colabora Xurso Souto coa sua voz poderosa. A verdade é que foi un luxo contar con todos eles e a experiencia foi moi positiva.
P: A verdade é que nesta parte teño bastante “culpa”, son un gran seguidor do chamado irish-punk, dende os comezos cos Pogues, ata hoxe en día con bandas como Flogging Molly ou Dropkick Murphy’s. Por outro lado coñecín a estos tres irlandeses que mencionaba antes xogando ao fútbol gaélico, o deporte nacional irlandés por excelencia, no equipo dos Fillos de Breogán da Coruña, así que todo foi tomar unhas pintas con eles, e enterarme de que tocaban acordeón, concertina, uillean pipe, tin whistle, etc. Polo que penséi en coller unha canción tradicional irlandesa, neste caso “The Rare Auld Times”, e versionala, ca aportación destes 3 grandes músicos, e a gorxa do mestre Xurxo Souto, así surxiron tanto “Eterna Noite de Pedra” como os dous interludios taberneiros.
MM: Como se organiza Trapallada á hora de parir unha canción? Quen pon as letras, quen a melodía…?
J: No que se refire as letras a maioria son miñas, pero sempre coa colaboración dos demais. Se algo non nos convence a todos cambiámolo ou adaptámolo. As melodía teñen algo máis de complexidade. Ás veces un tema comeza por unha base rítmica que se lle ocorreu ao baixo. Aínda que na maioría partimos da base ritmica das guitarras. E da melodía dos ventos encárganse Rafa (Saxo alto) e Inés (Trompeta).
P: As letras son exclusividade de Jorge, aínda que é certo que as veces suxerímoslle por onde nos gustaría que tirase a temática da canción. Tamén quero mencionar a Iván García Campos, escritor e amigo que fixo a letra da “Revolución Pendente”. No tema da melodía xa aportamos máis todos, aínda que xeralmente a base a trae Jorge xa ca letra e despois imos modificando o tema en conxunto.
MM: A vosa música orbita principalmente arredor do ska e do punk. Aínda que sodes unha banda de sete compoñentes, cales son os vosos comúns denominadores, as bandas de referencia das que todos gustades?
J: As referencias son moi variadas. Temos gustos musicais dispares. Hai quén lle molan bandas do tipo de Rage Against The Machine, Queens of Stone Age, etc….e logo a base común de todos é o ska, punk, reggae, oi!…O principio as nosas grandes referencias eran Kortatu, Diplomáticos, Xenreira,etc… e aínda que as seguen sendo pouco a pouco evolucionamos buscando o nóso propio son, pero sempre tendo presente a base do ska e o punk.
P: Pois creo que todos admiramos a grupos como Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos, Lamatumbá, Xenreira, Dandy Fever, Kortatu, Manu Chao/Mano Negra, Skatalites e moitas máis.
MM: Que outras bandas galegas actuais destacaríades?
J: Cada un de nos diriache unha ou varias porque en Galiza hai nestes momentos moi boas bandas. Eu, persoalmente, estou escoltando moito a Bastards on Parade, Falperrys e Skarnio como gran referente.
P: Agora mesmo as miña bandas galegas favoritas son Samesugas e Bastards On Parade, principalmente.
MM: E xa para rematar: Tedes xa confirmadas datas para vindeiros concertos?
J: Temos aínda algunha sen confirmar. Confirmada temos o 21 de Xullo en Narón: Festival da Terra e da Lingua, xunto con Betagarri e Cuchufellos. En setembro hai algo polo baixo Miño e esperamos que sain moitas máis.
P: Ademais do “Festival da Terra e Lingua” temos pensado presentar o novo traballo por todo o país ao longo deste ano.
TRAJANO!: terror en el planetario
12 Xulpica na imaxa para acceder á bandcamp de Trajano!
Pouco a pouco gusto de ir pagando as vellas débedas (que xa se sabe: quen paga o que debe, desempeña o que ten). E Trajano! formaba parte da lista das cousas pendentes neste blogue, xa que dun tempo a esta parte o seu EP de debut, Terror en el Planetario, é case un clásico permanente no meu reprodutor.
A banda está formada polos galegos Lois Brea (guitarra e voz) e Juan Cea (guitarra), o pucelano Carlos Mun (batería) e o madrileño Álvaro Naive (teclados). Segundo propia confesión a idea era mesturar nun caldeiro sonoro melodías escuras con guitarras brillantes, o que semella fixar o remite da tenda que lles vende as especias para o pote no sombrío norte inglés; xa sabedes: rollo The Cure, Joy Division e demais bandas que tanto me prestan. É certo e indubidábel. Mais como gusto de tirarme á piscina (aínda que esta se atope máis seca que a miña lingua un domingo pola mañá) vou sinalar tamén (non como influencia, mais si como burbullas de lembranza na miña mente) a Germán Coppini e aos primeiros Radio Futura. Pois si, temas como Discopatía lévanme a eses parámetros, non tan afastados (todos o sabemos) das influencias oficiais.
Mais deixémonos de divagacións e vaiamos á miga. O pasado Nadal foron as especiais datas escollidas polos Trajano! para fecharse no estudio de gravación e rexistrar algúns dos temas cos que xa levaban tempo enchendo salas de concertos. Roberto Mallo (Triángulo de Amor Bizarro) foi o encargado de producilo.
Seis temas, 16 minutos, conforman esta viaxe polos non sempre apreciados dabondo páramos post-punk, auto-definindo a súa orografía cunha impoñente liña de baixo e unhas guitarras densas coma o aire dun pantano.
Instintos asasinos, evasións sen retorno, vinganzas teens, medos espaciais e frikieparanoias, danse a man nunhas letras de marcado carácter punk (pureza 99%) que aboian no escuro beberaxe como as pesadas talladas que farán a nosa dixestión auditiva máis intensa.
O malo é que sabe a pouco. Trajano! ofrécenos unha gorentosa lupanda no primeiro menú que elaboran, e iso que o elaboraron cuns ingredientes que o noso padal rexeita ás veces polo abuso xeneralizado que deles se adoita facer. Vai resultar que non importa tanto o que lle botemos ao pote como o intre e a proporción que empreguemos. E que para todo hai que saber!
AMPARO ARIAS: todo lo que no pasó
10 XulSe decidimos decorar un cuarto cun estilo ecléctico podemos rematar no máis absoluto desastre. Hai que ter moito tento e talento para non acabar por compor unha marfallada charramangueira que acoitele os ollos; pois tento e talento (viralle de familia?) invirteu Amparo Arias (cantautora, de Limodre) nos tres longos anos que lle levou rematar a composición desta estancia chamada Todo lo que no Pasó (Autoeditado, 2012), tempo no que construíu os doce recantos sonoros e persoais que ennobrecen este oco entre catro paredes, con porta e xanela. O que primeiro ía ser un pequeno cuarto a xeito de EP correu os seus muros e adobiou a súa alma até converterse nunha marabillosa suite onde ficar enfeitizada.
A estrea discográfica de Amparo Arias foi gravada e mesturada baixo o amparo de Óscar Quant (e por proposición deste) nos ferroláns Estudios Sausalito, e masterizada posteriormente na Fábrica Dalton por Josema Dalton. De feito, a sutil luminosidade de vagalume pop que desprende o traballo de Óscar Quant aboia dalgún xeito na atmósfera do cuarto, axudando a evitar calquera tipo de innecesaria estridencia. Quincho (Carrero Bianco), Roge Arias (aka Roger de Flor, irmá da decoradora), Kobe e outros coñecidos nomes ferrolterráns axudaron no transporte dos mobles, parte precisa do proceso e non sempre recoñecida. O pintor Leandro Lamas encargouse do deseño exterior. Todo un luxo.
O resultado de todo este proceso está recollido nas 500 copias do LP, que podedes adquirir ao módico prezo de 5 euros. Onde? Pois polo momento (e que nós saibamos) en El Cafelito de Gloria (Rúa do Sol, Ferrol) e Cardebelle (Narón).
Conta o cuarto cun aire lixeiro e retro, con influencias que lembran os estilos decorativos da Inglaterra de hai catro ou cinco décadas. A súa arquitectura apoiase en dous elementos: o primeiro son unhas letras sólidas, que determinan os espazos baleiros e a distribución de mobles e complementos; e o segundo a perfecta destilación da saudade presente na beleza, na lembranza da infancia e do próximo, representada por unha caixiña de música encol dunha cómoda ou unhas cortinas a abanear co aire dunha mañá fresca.
Díficil destacar elementos. Talvez No…Yes, por ser a porta de entrada que anticipa a serenidade do conxunto; Enfeitizada, que é quen colga nas paredes os cadros de Leandro Lamas; a retranqueira ollada das vivencias fóra do cuarto que é Limodre; o medo a avanzar reflectido nas curvas de El Color Púrpura; ou pode que o Tren das 6, unha cama onde repousan as realidades de dous estraños e se erguen os seus sonos. Iso só por lembrar os elementos que primeiro che pengan no ollar; porque pouco a pouco van chegando o resto, e cada un ten o seu sitio e a súa importancia.
Recomendación absoluta a visitar este Todo lo que no Pasó de Amparo Arias e a admirar a súa arquitectura interna. E unha promesa: se entras unha vez, repetirás seguro.
DOUTOR APERTAS: tributo a magín blanco
5 XulTrovador era como lle chamaban aos cantautores na Idade Media. Etimoloxicamente falando o máis que probábel orixe da palabra “trovar” é a de “inventar ou crear literariamente”. Os trovadores percorrían as vilas e aledaban ás xentes relatando musicalmente historias cotiás, de amor, de tristura ou mesmo épicas. A laboura principal dun trovador era entreter e facer feliz á xente; sen dúbida unha laboura de ouro, nunca suficientemente pagada nin recoñecida. Por iso, sen dúbida, son dignos de homenaxe. Así o entenderon tamén os compañeiros de profesión de Magín Blanco, e foi por iso que naceu este Doutor Apertas.
Magín Blanco é unha figura fundamental para entender a escena musical galega das últimas décadas, aínda que sempre se mantivera fóra do remuíño do mainstream. Desde a súa localidade natal da Rúa comezou durante os 70 a dar guerra en formacións como Purita, Alcatre ou Voyeur. Porén foi en La Rosa, a súa banda dos 80, onde publicou catro discos imprescindíbeis nas máis selectas discotecas galegas, catro discos que foron fonte de inspiración para moitos músicos contemporáneos. Desde que finalizou a súa andaina con La Rosa houbo que agardar unha década para gozar de novas cancións, esta vez xa publicadas co seu formato de solista e co verniz de madurez que da a experiencia e o paso dos anos. No verán do 2011 un accidente prívao da posibilidade de seguir a tocar a guitarra. Foi a partir de entón cando un grupo de xente considerou precisa a necesidade de homenaxear a súa carreira e lembrar o seu traballo. Axiña cristalizou nunha pléiade de máis de 30 músicos dispostos a versionar os seus temas, para máis tarde recollelos nun doble CD.
Participan neste proxecto nomes tan recoñecidos e de orixes tan dispares como Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uxía, Emilio Rúa, Manu Clavijo, Xoel López, Quant, Eladio & Los Seres Queridos, Magritte e un longo etcétera. Se hei de destacar algún deses nomes fareino por proximidade, tanto a proximidade afectiva coa que suliño a presencia da grande Silvia Penide, como xeográfica, plasmada nos nomes de Faltriqueira e Roger de Flor e os Silvestres.
Podedes escoitar algunha das cancións recollidas neste tributo na bandcamp de Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco o na páxina de crowdfunding Verkami, a través da cal se financiou o proxecto.
JANE JOYD: shy little jane presents: the dramatic tale of her animals
3 XulJane Joyd está feita para o inverno. Coas súas agullas foi quen de confeccionar un lene patchwork de anacos de elegancia e calidez, que te aperta, que te tapa, que te cura. Aloumíñache o coiro do pelello coa suavidade do veludo, mais sabes que hai algo máis, unha composición máis grosa, de la do norte, que te abriga e conforta por moito que zoupen a chuvia e o vento máis alá dos cristais da túa xanela.
Ese desbocado e á vez calmo torrente de sensacións acádao a partir de só catro fabulados retais folk confeccionados coas febras orquestrais de 16 músicos (sección de vento incluída) tinguidas coa cor do sureña da voz de Elba Fernández e a notábel presencia do percusionista e co-productor Xulio Vázquez.
Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale Of Her Animals é o nome do EP resultado da súa primeira colaboración con Origami Records. Poderiamos debullar as cancións para sacalas da vaíña común que as acolle, mais sería deturpar un conxunto que semella non ter sido concebido para resistir a acción dun bisturí, ideado como un todo, un estanque de quente elegancia onde filtran as profundas fontes de negros nomes coma Smith, Holiday, Flack… ou verten augas máis contemporáneas como as de PJ Harvey, Sufjan Stevens ou Bon Iver (este último confesa influencia da coruñesa, a quen mesmo adoita versionar en directo).
Mais o traballo non aboia tan so con virtuosismo vocal e elegancia; danlle o pouso preciso de calidade poética para fechar o traballo unhas letras cheas de dobres sentidos e arrevesadas metáforas que falan da dor e da morte, representadas na imaxe dun paxaro fechado nunha xaula, dun cabalo que non ten corazón, dun peixe morto e de Renard, o pérfido raposo da literatura infantil.
Hai tempo que un debut non nos batía no tímpano con tan poderosa forza, que non nos deixaba unha sensación tan doce na língua. E pensamos: se o desfrutamos así a finais de primavera, que non faremos en inverno!
DIRTY SOCKS: abandoned warehouse
26 XuñOs composteláns Dirty Socks dominan con mestría a dualidade espazo-tempo; só así se explica que, por unha parte, tivesen vivido tanto musicalmente en tan pouco tempo; e, por outra, que o seu novo paso adiante supoña básicamente un paso atrás dentro da cronoloxía da música popular contemporánea. Mais imos por partes, que diría o vello ciruxán de Whitechapel.
Malia a contaren tan só con 5 anos de vida o cuarteto composto por Anxo Rodríguez, Denis Suárez, Francisco Varela e Alberto Barreiros xa botou escamas no pelexo, curtíndose en bolos a carón de mitos vivintes como The Sonics, actuais aristócratas indies como These New Puritans ou fenómenos de masas como Placebo.
Xa nos seus primeiros anos de andaina resultaron gañadores dos certames Musicaxove no 2009 e o Levi’s Unfamous Music Awards no 2010; foi precismente no 2010 cando agasallaron a súa cada vez meirande grei de supporters co seu primeiro EP, ao que bautizaron co nome do pai: Dirty Socks.
Pois ben, dous productivos e intensos anos despois podemos xa gozar desde o pasado maio de catro novos temas presentados ao mundo baixo o título xenérico de Abandoned Warehouse (Vir, 2012) onde, nun novo exercicio de funambulismo temporal, retroceden até os tempos da psicodelia dos anos 60, sen deixar de adobiar ese chimpo con cachos rabuñados da súa matriz post-punk e coloristas fitas de experimentación sonora.
Máis estes rapaces, aínda que novos, non son parvos, polo que coñecen de sobra a importancia dun bo mecánico que prepare, manteña e repare se for preciso o seu vehículo temporal; esa necesidade levounos até o concello de Friol, onde Arturo Vaquero puliu con mim cada arista da máquina dentro do hangar dos Abrigueiro Estudios.
Esta viraxe sonora agradécese, por valente e polo que significa en canto á madurez da proposta. Mais tamén se agradece que cada vez que emprendan unha viaxe no tempo continúen a levar unha foto-carnet do vello Curtis gardada na carteira.