DELUXE no Teatro Colón (A Coruña): crónica do concerto

3 Mar

deluxe-no-colon.jpg

Xoel López saíu o pasado venres 29 de febreiro ao escenario dun ateigado Teatro Colón (A Coruña) cun obxectivo ben claro: sentar cátedra. Por se esta circunstancia non fose dabondo para cargalo dunha responsabilidade que podería derivar nun nerviosismo supino, confluíron esa noite varios factores máis que facían aínda máis difícil a súa labor:

O primeiro deles foi o propio lugar elixido, que supón un pasiño máis na carreira dun home que ten pateado todos os garitos da súa cidade; tampouco é o mesmo tocar ante o público que se xuntou o pasado verán en Riazor, armados con litros de cervexa ou kalimotxo e cos motivos da súa presenza divididos entre as outras bandas que completaban o cartaz e a propia carallada estival, que facelo diante dunha audiencia que pagou 20 eurazos por velo nun auditorio de luxo para escoitar música.

Outro factor a ter en conta foi a estrea esa mesma noite dun novo membro da banda, Miguel Rivera, ao baixo; Xoel declarouse admirador do seu traballo á fronte de Maga.

A derradeira das circunstancias que se me antollan decisivas para subir o nivel de esixencia do músico coruñés foi a presentación de novos temas (tocou cinco) que formarán parte dun novo traballo que sairá á luz este mesmo mes. Precisamente a primeira novidade en soar foi Reconstrucción, tema que lle dará nome ao álbum e que Deluxe finalizou en directo cun anaco de Ticket To Ride seguido dunha confesión: “É un bo truco rematar unha canción nova cun clásico de The Beatles, así sempre aseguras un aplauso”. Logo foron caendo de vagar El Cielo de Madrid, Pájaros Negros, Historia Universal (El Amor no es lo que piensas) e Es Verdad (boísima, por certo).

Sen dúbida superou cada unha destas probas con éxito e puido conseguir o seu obxectivo de xeito sobrado. A clave foi entregarse por completo a un público que o coñece de sobra e o trata como a un fillo brillante a quen se lle esixe o máximo. O concerto non diminuíu a súa intensidade desde De Tanto Callar, tema que abriu a noite, ata que se extinguiu o son do derradeiro aplauso e a xente abandonou o teatro cun amplo sorriso producido pola sobredose de rock´n´roll que viña de experimentar. Os temas do seu último traballo, Fin de un Viaje Infinito, foron caendo un tras outro, coa única excepción do tema homónimo deste LP. Polo medio fóronse mesturando as xa citadas novidades con clásicos imprescindibles do seu repertorio como Que No, Bienvenido al final (esta case improvisada), Extraña Habitación ou Caetano Veloso. Iso si, permaneceron desterrados completamente os temas en inglés, tan habituais nos seus primeiros tres discos. Un dos intres máxicos da noite produciuse cando se fixo acompañar no escenario polo virtuosismo de Xosé Manuel Budiño, para interpretaren entre os dous un electrizante duelo gaita-guitarra que rematou sen vencedores nin vencidos.

Así que Deluxe, en efecto, sentou cátedra; e unha das probas máis claras disto foi a evolución duns espectadores que comezaron acomodados nas súas cadeiras e remataron de pé cantando, bailando e dando palmas, amosando que calquera recinto é bo se o espírito é o axeitado.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: