THE VIRGINS: the virgins

1 Set

se queres escoitar o álbum, preme na imaxe

Un polo menos curioso virus de nihilismo hedonista parece ter infectado a parte de escena musical norteamericana nesta convulsa época actual, período que tivo a súa xénese na caída (televisada nos catro recunchos do mundo) deses enormes cornos de cristal e formigón que se erguían orgullosos no skyline de Manhattan. Se se podía agardar unha eclosión de tendencias baseadas na apocalipse tanto relixiosa coma militar, ou quizais outras que ondeasen a bandeira furiosa do activismo político, as novas expresións musicais semellan sorrirlle ao mundo con descaro e fachenda rebuldeira, e espallan sen complexos a súa mensaxe materialista e baleira.

Este é o caso de The Virgins, cuarteto neoiorquino composto por Donald Cummings, Nick Zarin-Ackerman, Wade Oates e Erik Ratensperger. Desde a súa formación no 2005 estes mozos compartiron escenario con xente como Sonic Youth ou Jet. O seu son, definido con excesiva sinxeleza como New Wave, é unha cómoda cocteleira onde mesturan con naturalidade o funk, a música disco dos oitenta, o punk e achas da indie-music norteamericana dos 90.

O seu traballo de presentación, The Virgins (Atlantic Records, 2008) é un resumo desa combinación. Orixinalidade cero en contraposición cunha efectividade dez. The Virgins non inventan a pólvora, pero tampouco se pode acusalos de nada xa que en ningún intre mostran unha mínima intención de facelo. O resultado: pop bailábel, coros optimistas e unha decena de cancións inmediatas e breves que nin defraudan nin emocionan.

A responsabilidade de avanzar o contido do álbum recaeu en Rich Girls, un corte pertencente á faciana máis disco da banda. Outros temas que poderiamos destacar son She´s Expansive, unha boa canción pop excelentemente resolta; One Week of Danger, que bebe sen complexos na fonte do punk-rock (¿New York Dolls?); Hey Hey Girl, chea de sombras de The Strokes ou Private Affair, pode que a mellor deste traballo.

Dicían os uruguaios El Cuarteto de Nos nun dos seus temas En el ángulo de la vida, yo he decidido ser la bisectriz. Pode que, musicalmente, The Virgins atópense nesa mesma diatriba.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: