SHEARWATER: rook

18 Set

preme na imaxe; vai coma sempre

“Por min vaise á cidade doente,

Por min ingrésase na dor eterna,

Por min vaise coa perdida xente”

Estas palabras son as que poden ler Dante e Virxilio á súa chegada ao inferno en A Divina Comedia. O descenso ao averno dunha alma pura, coa ampla gama de antónimos que esta acción xera, podería ser o argumento estético elixido por Shearwater para o desenrolo de Rook (Matador, 2008); así a súa creatividade evocadora é quen de transportarnos ata extensas chairas cincentas; iso si, sempre permitíndolle ao peregrino destes infernais páramos ollar ao lonxe a lumieira esperanzadora dun faro.

O que comezou hai uns dez anos como o proxecto paralelo de Jonathan Meiburg chegou xa ao quinto episodio da súa traxectoria, que foi medrando en eco e calidade con cada paso que daba. Tanto é así que o propio Meiburg decidiu deixar a banda da que foi co-fundador, Okkervil River, para baleirarse de cheo nesta experiencia.

Tras o exitoso Palo Santo Shearwater presenta outro disco rotundo, 38 minutos onde expremen en cada nota o son do piano e a guitarra cun perfeccionismo milimétrico, topografía básica dunha paisaxe completada pola arpa e os ventos e iluminada pola voz dun Meiburg difuminado en mil falsetes.

O limiar a este mundo de sombras é a desoladora On the Death of the Waters, que comeza cun tenso diálogo de piano e voz para estoupar de súpeto nunha espectacular tronada instrumental; ao final, de novo o piano. Un inicio conmovedor e ilusionante.

Rooks (para o meu gosto a mellor peza deste traballo, honra que tan só lle podería disputar Snow Leopard) é un alambique que destila pinga a pinga sensibilidade. Piano, ventos, batería,… todo roza a perfección; e que dicir da voz, convertida nun laio agudo tras o repouso instrumental que parte en dous o tema.

O desenrolo desas paisaxes instrumentais ondulantes e volátiles ten dous dos seus maiores expoñentes en Leviathan Bound e Home Life, ámbalas dúas xeradoras de ambientes dun elegante desacougo.

Lost Boys é o desfile silencioso en dous tempos das diferentes sensibilidades presentes no traballo.

Na abraiante Century Eyes as guitarras fanse protagonistas, irrompendo cunha forza descoñecida ata ese intre.

Con I Was a Cloud recupérase a calma, permitíndonos a relaxación con este pequeno divertimento de cordas e voz.

Tras percorrer o longo corredor que é South Col, cheo de tensas distorsións eléctricas, chegamos a outro dos paraxes capitais no noso descenso: Snow Leopard, intensa como un pesadelo escuro de piano e cordas.

The Hunter´s Star condúcenos á saída deste universo creado á medida de Jonathan Meiburg; catro minutos que resume tódalas virtudes do traballo: piano como base, delicada voz e orquestración soberbia.

Con Rook Shearwater será de novo agasallada co parabén da crítica, e posibelmente figurará nas listas de “discos do ano”. Ben o merecen. Conseguiron integrar dez boas partes para facer un excelente todo, nunha viaxe arriscada a través dun árido inframundo que nunca, nin de lonxe, transmite monotonía.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: