THE KILLERS: day & age

10 Dec

untitled

se premes na imaxe poderás escoitar o disco, para logo, se che presta, mercalo.

Nestes tempos que corren os amantes dos mega-concertos en estadios ateigados están un pouco orfos. Se repasamos rapidamente as bandas que son quen de meter cincuenta mil ou máis persoas nun recinto, ¿quen se nos ven ao maxín? U2 (of course), os incombustíbeis The Rolling Stones, Bruce Springsteen, e poucos máis; sendo todos eles xa veteranos. Semella logo que os novos grupos que van xurdindo, sexa polo que sexa, non posúen ese poder de convocatoria.

Este mesmo ano Coldplay fixo un intento de ocupar ese espazo baleiro coa fichaxe de Brian Eno para a produción de Viva La Vida, coa implícita intención de magnificar o son da banda; o experimento resultou errado, sempre ao meu xuízo.

Outro dos grupos que se sinala pode encher ese oco a medio/longo prazo é The Killers. No seu segundo e anterior traballo, Sam´s Town, xa tentaran unha aproximación a ese rock máis épico e colosal que os emparentaba máis, por exemplo, coa E Street Band que coas bandas indies británicas dos 90 das que eran debedores no Hot Fuss.

A crítica, desconcertada, bateu inxustamente con pau de tonto neste traballo do que agora, pousada a poeira, pódense extraer algún dos mellores temas da curta carreira do cuarteto de Las Vegas.

Con este Day & Age (Island Records, 2008) The Killers apertan media volta máis o parafuso da súa evolución musical para trasladarnos, con morriña, a outros tempos e lugares. Duran Duran, A-Ha, Alphaville, Ultravox, os grandes New Order,… todo o Synth Pop dos oitenta está presente ao longo dos 41 minutos e 49 segundos de duración do disco.

O resultado por desgraza é moi irregular, mesturando intres de enorme beleza e calidade con pasaxes totalmente prescindíbeis.

O disco comeza forte; Losing Touch é unha boa apertura, efectista tratado de desamor onde agroma en forma de ventos a variedade instrumental presente ao longo do disco. Sen ser un tema rotundo é ideal para quentar motores.

Human semella non deixar indiferente a ninguén: ou se odia, ou se ama. A min persoalmente encántame, e realmente cumpre o seu obxectivo como primeiro sinxelo: ser un resumo da nova proposta da banda. Pop bailábel de raíces oitenteiras, con dúbidas existenciais incluídas.

Spaceman, o segundo sinxelo, apoiase na forza do seu retrouso, moi poderoso. Dáme a sensación que está acelerada de máis e por intres satura, pero é tamén unha boa canción.

En Joy Ride preséntase o primeiro e máis grande baixón do disco, un chanzo que non serán quen de volver subir. É este un tema raro, de feituras funk, para o que se precisan varias escoitas antes de comezar a aprecialo.

A Dustland Fairytale non remata de callar. O piano faise protagonista nun comezo de balada clásica que acelera a partir do primeiro minuto; xa no segundo minuto estoupa a batería para botarlle máis sal ao pote, pero o resultado fica na indefinición. Prescindíbel.

Uns coros e o baixo abre This Is Your Life, onde a voz leva a batuta dun dos cortes que máis lembran a pasados The Killers, para pasaren de súpeto a unha nova rareza a ritmo de bossa nova, I Can´t Stay; os distintos instrumentos (piano, saxo, violíns,…) van aparecendo un a un para logo esvaecer sen deixar pegada. Interesante.

Con Neon Tiger, Brandon Flowers tentou, segundo as súas propias verbas, sonar como MGMT. O tema, tendo partes boas, dá demasiados chimpos sen saber onde dirixirse.

Outro exercicio de pop bailábel de pegañento retrouso preséntase con The World We Live In, aínda que ao meu xuízo está a anos luz de Human.

O disco (bonus-track aparte) fecha con Good Night, Travel Well. O seu inicio tebroso semella anticipar outro Tranquilize; inquietante si que é, pero non ao xeito que procuraban. Outro tema que fica, como os malos porteiros, a media saída.

Veremos cara onde leva a The Killers esta nova aposta, e algúns veremos tamén proximamente (¡importante!) como sona en directo. O resultado non é todo o compacto que quizais sería desexábel, pero si deixa na distancia curta intres inesquecíbeis.

Advertisements

2 Respostas to “THE KILLERS: day & age”

  1. vintxu 11 Decembro 2008 ás 16:24 #

    Alá imooos!!!! The Killers e Les Luthiers a mesma semana.

  2. Sabela 15 Decembro 2008 ás 13:51 #

    Gorgeeeouus!! encántame It’s a bit Complicated de ART BRUT especialmente a canción de People in Love.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: