MANEL NO PLAYA CLUB (coruña 16/12/11): pintar cando non chove

23 Dec

Fai hoxe exactamente unha semana que varios amigos acudimos ao concerto que os barceloneses Manel ofrecían no Playa Club. Algúns virámolos pouco tempo atrás nas festas do San Froilán, polo que ainda conservabamos sobre nós os restos da súa saliva sonora, que extenderan por toda a nosa carrocería lambendo suavemente a nosa epiderme naquela outonal noite entre as murallas.

Ceamos sen presa, tomamos unhas copas e fomos dispostos a seguir gozando. Isto (o da cea e as copas) pode resultar unha parvada que o conte eiquí, mais nada máis afastado da realidade, pois é importante para ser quen de bosquexar a atmósfera que alí se respiraba: iamos asistir a un concerto nun pub e cun son non de todo bo (tampouco pretendo facer sangue co Playa, que son quen me suministran parte da miña metadona conciertil durante a invernía); e iamos asistir a un concerto ás 00:00 horas dun venres, polo que moitos dos alí presentes levaban horas chumando (e continuaban a facelo, of course).

Por iso lembrei aquilo de que cando chove non se pode pintar. Todo ten o seu intre e o seu espazo, e o concerto do venres non cumpría ningún destes dous parámetros. No terceiro tema parte da xente comezou a desconectar e a darlle ao palique (evidentemente con forza, para que se lles escoitase), outros amoreábanse sobre algunha das dúas barras do local e, os máis túzaros, adicáronse a berrarlle improperios a Guillem Gisbert cando entre tema e tema ceibaba algunha das súas lerias sobre a banda.

Mais como soe dicirse, ao mal tempo: carapucha. Con profesionalidade e temperanza (talvez consecuencia do tan socorrido seny catalá) conseguiron trenzar unha tras outra fotografías acústicas de grande beleza, que por intres facían esquecer que non estabamos, por exemplo, nun teatro á hora do serán ou nunha agradábel praciña nun outono morno de máis.

As fotografías máis celebradas estiveron divididas; algunhas foron de Els Millors Professors Europeus, como Ai, Dolors ou En la que Bernat se´t troba. Nesta última, e aproveitando a cesura marcada no disco pola entrada dos ventos, conseguíu a colaboración do público dividindo ao mesmo en tres partes que executarían cadansúa voz dos metais. Por suposto tamén foi aplaudida até coas orellas Al mar!, o tema máis demandado da noite e co que moitos aproveitaron para lucir o seu memorizado catalán.

Porén outras das que conseguiron un maior feedback pertencían a 10 Milles per Veure una Bona Armadura, quente ainda do forno do 2011 e dos focos mediáticos que o alumearon desde o parto; “fixeron as delicias do respectábel” ( o bo de escribir nun blogue é poder por estas conachadas) Benvolgut, Boomerang e Aniversari.

Mais sen dúbida a miña preferida, a que máis me prestou a título persoal e totalmente subxectivo, intransferíbel, parcial e mesmo egoísta foi… ben, non volo direi! Agardarei a que me deixen de novo, nunha vindeira ocasión, un mellor sabor na língua para confesarme.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: