TERBUTALINA: broncodilatador

3 Xan

A terbutalina é un fármaco do grupo dos agonistas dos receptores adrenérxicos β2  con accións broncodilatadoras, polo que se indica en medicina no tratamento a curto prazo da asma (si, correcto, lino na Wikipedia).
A outra Terbutalina é unha banda de gastropunk creada en Muros no 2010 e integrada por catro asmáticos (colledes a retranca?): Miguel (cantante), Mon (guitarra), Brais (batería) e Samuel (baixo). Teñen como lema “O punk morreu e comémolo nos”. E pode que así sexa; comérono sen pasar sequera pola depuradora, sen capar, cheirando ao bravo; e tan mal lles sentou que case se deshidratan nas 15 deposicións breves e líquidas que forman Broncodilatador, o seu primeiro traballo de estudio aparecido a finais do pasado ano e co que en Malas Músicas inauguramos as recomendacións discográficas para este 2012 (máis vale tarde que nunca).
Broncodilatador é un recompilatorio de hostias ofrecidas cos ollos pechados ao máis puro estilo Blitzkrieg e na que chupa tododiós, desde os modernos (“deixan bijote por non ter barba, parese que todo o mundo toca nunha banda“), aos metrosexuais (“que juapo son! Que abdominales teño!“) pasando, por exemplo,  polos curas ou polo mesmo Mariano Rajoy Brey, a quen lle declaran o seu amor incondicional (“Rajoy, yo te quiero, pero no te lo digo en gallego“). Cancións breves coma labazadas (so tres delas superan brevemente os dous minutos de duración), letras artelladas como mensaxes claras, cargadas de retranca cuspidas directamente á faciana do oínte; e melodías simples e pouco feitas. A que vos sona todo isto? Pois iso, puro punk.
Nunha entrevista no blogue RockIsomE refírense a Novedades Carminha como “un bo grupo para escoitaren os modernos do panorama español” Isto lino despois de imaxinar que se Novedades Carmiña cantasen en galego e fosen de Muros, é probábel que se chamasen Turbutalina. Da que pensar.

Escoitade online ou descargade Broncodilatador  na súa bandcamp a través da seguinte ligazón:

http://terbutalina.bandcamp.com/

Se vos presta en breve poderedes adquirilo en formato vinilo, segundo anuncia ContraSurco na súa web.
E se queredes escoitalos en directo (opción máis que recomendábel), acompañados de Metralletas Lecheras, anotade sitio e data:
20 de xaneiro de 2012, 22:00 horas na Sala 600 de Melide. Prezo: 5 €

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: