2012: 15 new records from the outer space!

4 Xan

Aquí estamos, nun curruncho do mundo, a procurar un abeiro que nos protexa até que marche o ballón, tentando non erguer moito balbordo non vaia ser que nos batan na testa ainda máis ao saberen da nosa existencia. E como podemos sobrelevar mellor estes tempos de xeral melancolía? Pois a música pode ser un bo analxésico (que non mediciña) para podermos sobrevivir no medio de tanta estupidez planetaria.
Velaquí vos deixamos 15 dos traballos discográficos máis agardados que irán facendo a súa aparición durante este 2012 ao que vimos de sacarlle a rolla.

15. Porcelain Raft
Strange Weekend será o nome do primeiro traballo do compositor e cantante italiano residente en Londres Mauro Remiddi (aka Porcelain Raft). Este debut ven precedido de varios EP que crearon unha grande expectación, o último deles titulado Gone Blind e publicado no 2011. Strange Weekend, que sairá baixo o amparo do selo Secretly Canadian, promete unha mestura equilibrada de nostalgia pop evocada por unha voz hipnótica e dunha electrónica que o emparenta con xente coma M83.

14. Scissor Sisters
Veñen de dar a coñecer Shady Love, unha colaboración coa emerxente Azealia Banks que costitúe o adianto do seu cuarto disco. Falta agora saber se este tema, co que semellan abandoar o revival disco marca da casa, é un adianto de intencións do que será un novo son da banda ou só un tiro ao aire para despistar. Haberá que permancer atentos.

13. The Cramberries
A banda de Dolores O´Riordan publicará o vindeiro 14 de febreiros o seu novo disco, cun nome tan floral e tan acorde coa data coma Roses. Máis de 10 anos levaban sen sacar material novo do estudio desde que no 2001 publicaran Wake Up and Smell the Coffee. O novo traballo constará de de 11 temas, e axiña saberemos se esta década de inactividade relaxou para sempre o músculo creativo dos irlandeses.

12. Garbage
Outros que levaban tempo sen dar sinais de vida eran Garbage, que presentarán tamén durante este 2012 o seu quinto álbum de estudio. Os de Wisconsin publicarán este novo traballo a través da súa propia compañía discográfica, polo que todo o proceso de creación áchase directamente na súas mans. Non valen escusas.

11. Bruce Springsteen
Haberá que agardar como mínimo até primavera para podermos escoitar o novo traballo do músico de New Jersey, o primeiro tras o pasamento de Clarence Clemmons. Unha macro-xira marca da casa que o levará polos escenarios de toda Europa acompañará a súa saída.

10. Love of Lesbian
O selo Music Bus adiantou mediante unha nota de prensa que en abril vería a luz o novo traballo dos barceloneses Love of Lesbian. A gravación estana a realizar nos estudios La Casamurada, en Banyeres del Penedés, e contan con Ricky Falkner, Santos Berrocal e Flurenci Ferrer na producción.

9. Miike Snow
Desde o 2009 non gozábamos de novo material de Miike Snow, cando deron a coñecer o seu persoal electropop. Agora a banda sueca anuncia que o seu novo traballo, Happy to You, publicarase o vindeiro 26 de maio. Según Pontus Winnberg  “antes deste álbum éramos unha idea. Agora somos unha banda”. O traballo será autoproducido.Estamos impacientes.

8. Metallica
Tras o fracaso do seu traballo compartido con Lou Reed, semella que a banda voltará axiña ao estudio para gravar temas novos. O seu batería Lars Ulrich declarou recentemente que está desexando poñerse mans á obra e compoñer novos temas.

7. Mumford & Sons
Un dos fortes dos de Londres é a forza do seu directo malia ser unha banda de clara vocación folk, e así o podemos atestiguar os que ao longo de 2011 poidemos asistir a algún dos seus recitais. Sigh No More foi un dobre CD en directo onde tentaron recoller esa virtude.
No 2012 teñen previsto a saida dun novo traballo de estudio, mais polo intre pouco se sabe do mesmo: nin data, nin tracklist, nin posíbel xira de presentación están confirmados aínda.

6. Pearl Jam
O vindeiro mes de marzo a banda do señor Eddie Vedder rematará a gravación do seu novo traballo, que é probable que saia á luz entre o verán e o outono. Agardemos que continúen na liña do seu anterior traballo e que poidamos gozar de novo do seu directo.

5. Azealia Banks
Un dos debuts máis agardados deste 2012 será o traballo da novaiorquina Azealia Banks, que sairá na vindeira primavera e aínda non conta con nome. Veremos se se cumpren as grandes expectativas que a sinalan con apenas 20 anos como unha nova figura do hip hop.

4. The Killers
Catro anos hai xa que The Killers se reinventaron novamente no seu terceiro traballo Day & Age, catro anos nos que a proxección da banda de Brandon Flowers como fenómeno mediático non deixou de medrar, nin sequera tras a súa separación temporal da convivencia para empreder proxectos persoais en solitario. As declaracións dos seus compoñentes apuntan a que voltarán a sons máis próximos ao rock´n´roll dos dous primeiros traballos. Este hipotético novo disco debería, se se cumpren os desexos da banda, sair o vindeiro verán.

3. Lana del Rey
Moitísimo máis se sabe de Born to Die, o agardadísimo debut discográfico de Lana del Rey. A autodenominada Nancy Sinatra Gangsta publicará o 27 de xaneiro o seu primeiro traballo, unha vez que aínda non pousou a nube de area que ergueron os adiantos do mesmo, en especial a hipnótica Video Games.

2. Muse
O desexo dos británicos é sacar á venda en outrubro o seu novo traballo. Este será xa o sexto álbum do trío de Devon, que en declaracións de Chris Wolstenholme á revista Kerrang será totalmente diferente ao visto até a data, e dalgún xeito nacera do estilo marcado nalgún dos seus primeiros traballos. Agardamos que así sexa, sería un bo sinal.

1. Radiohead
Thom Yorke and friends preparan tamén novo traballo para 2012, que pode que conteña o par de temas inéditos que xa circulan pola rede. Este promete ser un ano movido para os de Oxford, xa que á aparición deste novo traballo súmaselle unha xira mundial e a saida dun DVD en directo con temas do seu (prescindíbel?) anterior traballo The King of Limbs.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: