OF MONTREAL: paralytic stalks

10 Xan

O rococó foi unha volta de torca ao pretencioso barroco, un estilo caracterizado pola opulencia e a cor; en contraposición ao seu predecesor, o rococó pretendía agradar á vista e fuxir do escurantismo relixioso.
Un burato negro é un obxecto celeste cunha densidade tal que a curvatura do espazo adxacente está pregada sobre si, polo que están illados do universo exterior e nin sequera a luz pode fuxir.
Dous conceptos antagonistas, mais que se os combinamos intrépidamente poden darnos unha idea das intencións de Of Montreal neste novo traballo: erguer unha enorme catedral rococó no interior dun burato negro. E non ofrece un resultado agradábel aos sentidos, senón unha estructura helicoidal, retorta e estirada cara o infinito, que deixa poucos intres de acougo onde podermos encher os pulmóns de aire e sacar un pano do peto para secar a nosa castigada fronte.
Metafísica aparte, debemos preguntarnos se ese repetido exercicio de arquitectura funambulista funciona? Sinto dicir que non. Mais vaiamos por partes:
Abre o traballo Gelid Ascents, tema que coma un vello coche diesel tarda en arrancar e ainda por riba faino a golpes. Mais cando se centra deixanos un tema na máis clara tradición pinkfloydiana, con guitarras moi altas e voz distorsionada. Quizais, ainda que de novedoso ten o mesmo que o ioió, das mellores do disco.
Se deterse bota a soar Spiteful Intervention, un exercicio nostálxico do gusto de Kevin Burnes polos formatos próximos ao vodevil e o cabaret. Tras as acostumadas e ás veces innecesarias pontes melódicas comeza Dour Porcentage, que xa coñeciamos por ser o anticipo publicado do álbum. Neste (e quizais por iso o escolleron como mascarón de proa) ofrécese a visión máis agradábel do traballo, combinando un falsete ao máis puro estilo Scissor Sisters cunha frauta alegre e un piano simpático.
We Will Commit Wolf Murder é unha cocteleira tecno, cunha base rítmica que estorba máis que axuda e uns coros que saturan e que semellan marcar un camiño ao abismo que non chega nunca. Tiro fallido.
O folk máis naif e sinuoso aparece con Malefic Dowery, onde a omnipresente frauta nos guía polo laberinto máis repousado do conxunto e deixanos na entrada do mellor intre deste Paralytic Stalks, o corte número 6: Ye, Renew the Plaintiff. Semella (falsamente) que de aquí en diante todo irá mellor, xa que a cousa comeza a funcionar a base de ritmos bailabeis, pontes androides e ecos heavy-metal nas voces.
Así que xa estamos relaxados cando comeza Wintered Debts; por fin algo de paz! De feito Barnes comeza cantando nun suave murmurio, mais este vai increscendo e, tras invocar a Queen, acaban redundando nunhas paisaxes esquizofrénicas debuxadas só con piano e voz, á que se suman violíns e sintetizadores que conforman un desacougante conxunto que se mantén durante case 7 minuntos de fuxida cara o máis repousado final. O noso gozo nun escuro pozo!
En Exorcismic Breeding Knife os sintetizadores están xa en ningures, as voces son escuras que nunca, as percusións non saben que facer e, de cando en vez, soan unhas campaiñas non se sabe a conto de que… Se o tomamos coma un resumo da proposta, resulta que esta só nos ofrece unha batidora dura e absurda que crispa os nervos e que semella unha brincadeira sen gracia. Outra vez máis de 7 minutos de terror.
Pecha o disco Authentic Pyrrhic Remission, ritmos afrobeats e vellos vicios repetidos desta vez un chisco máis afastados do burato negro habitual; ou iso semella! xa que, maldición, a gravidade do baleiro volta estirar a melodía en elásticas notas sen final. Rexurde a partires do minuto 8 (si, 8!!!), onde a voz acompañada do piano frota ao chou no reverso do espello.
E neste limbo descoñecido decidimos ficar, e non ter que voltar sufrir esas absurdas dores do parto, ese xogar a ser Deus ao borde do abismo, mais sen conseguilo. Apagamos o reproductor e tentamos esquecer este Paralytic Stalks, non custará demasiado. Outra vez será.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: