YOUTH LAGOON: the year of hibernation

16 Xan

Cun pouco de retraso queremos hoxe falar de Youth Lagoon, o proxecto dun rapaz de 22 anos chamado Trevor Powers, que nun abraiante pinchacarneiros do destino pasou en meses de traballar como dependente en Idaho a asinar un dos mellores debuts do pasado ano.
Debedor da súa propia mitoloxía, que afirma que Powers o gravou no seu cuarto, The Year of Hibernation zumega lirismo lo-fi a cachón. É este un traballo dunha enorme sensibilidade, completamente preñado de nostalxia adolescente e que debería ser escoitado cos ollos fechados para gozalo desde todos os ángulos. Máis que música, o que nos ofrece son sucesivas atmósferas onde respirar ben fondo. No medio duns arranxos impecábel e abraiantemente coidados, as voces son elementos de tramoia, conscientemente afastadas do primeiro plano fílmico, a ocupar tan só a parte alícuota de protagonismo que lle corresponde nun elenco tan plural co único obxectivo de sumar elementos á narración, mais nunca de secuestrala.
Abre o disco Afternoon, onde podemos aínda atopar unha boa cantidade de raios de luz previos ao ton crepuscular que presidirá todo o acto; ton no que comezamos a mergullarnos en Cannons, consecuencia quizais do seu ritmo sinxelo e efectista, do seu transparente piano e do onirismo dos seus coros.  No terceiro corte do traballo Powers fai cumio: Daydream destila beleza en cada unha das súas partículas elementais. A voz retírase para estorbar o menos posíbel e desfaise paseniño na mestura de sintetizadores, beats e guitarras. Conta ademais cunha precisa ponte que divide o conxunto en dúas partes que encaixan perfectamente. Unha xoia.
July danos a pausa que precisamos para continuar o percorrido, para encher os pulmóns cunha melodía que deixa recendos estivais nas nosas pituitarias e que medra devagar até o épico final. Montana é outro dos intres máis elevados do álbum, mais ao contrario do que ocurría con Daydream chega até a cúspide dun xeito seco, desértico, evocando paisaxes menos esperanzadoras e máis cargadas de desacougo. Posters é un pesadelo (mais dos que merecen ser lembrados), unha fuxida rara cara ningures, intensa e afastada de delicados ritmos. En Seventeen o rei é o piano, transparente coma un lago de augas xélidas, que é como semella evocar o autor a súa recén fuxida adolescencia. E remata a viaxe con The Hunt, un resumo de todo traxecto e que pecha un traballo redondo, sen altos e baixos, sólido coma o granito e lixeiro coma unha pluma abaneando na brisa; un disco abraiante desde a súa concepción até a súa execución.
The Year of Hibernation foi, sen dúbida, unha agradábel sorpresa para comezar o ano.

Nota: 8/10
O que máis nos presta: Daydream e Montana.
Semellanzas: Foals, Perfume Genius…
Podes escoitalo en Spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: