FLORENCE + THE MACHINE: ceremonials

25 Xan

Ben, pois aquí estamos con Ceremonials, o agardadísimo segundo traballo de Florence Welch (aka Florence + The Machine), a soar de novo no reproductor, e eu a pensar se realmente se pode dicir algo novo sobre esta muller que tanto deu que falar desde que o 6 de xullo de 2009 vira a luz Lungs, o seu debut.
Alguén unha vez, a xeito de descalificación, díxome que escoitar a Florence + The Machine era como escoitar a Bonnie Tyler cantando temas de Dido. “Xenial” resposteille “gusto de ambas as dúas”; o despiadado crítico marchou facendo cruces e botando xuramentos, vese que Total Eclypse of the Heart non é moi trendy en 2012.
Para comezar, unha pequena reflexión, que non un reproche (quen son eu, humilde seareiro, para reprocharlle nada a unha das novas deusas da música popular, que conta ademais coa beizón unánime de público e crítica!): Florence, cantas de pinga, xenial, abofé! Tes unha voz preciosa, polo que non é preciso que tentes demostralo continuamente (por exemplo en Never Let Me Go) xa que acabarás convertindo unha virtude nun defecto, en plan Anastasia ou calquera merda así.
Mais metámonos en fariña! Destaca en Ceremonials, ademais da evidente forza vocal de Welch, unha espectacular producción a cargo de Paul Epworth (co que repite); valendo para “espectacular” calquera das acepcións que coñezades da palabra. Como diría o outro: non foron ao barato. Contén respecto de Lungs a mesma épica, ainda que callada nunha tona máis pegañenta, máis sucia se se quere, ficando ás veces coa sensación de que algún tema gañaría se non fose polo overbooking de intrumentos e coros (Seven Devils é un exemplo)
Porén esa épica está preñada tamén dunha atractiva semente espectral, unha fantasmagoría etérea que se manifesta na viaxe astral que supón Heartlines ou en Spectrum, que semella o resultado de gravar no Studio 54 unha vella producción da Hammer.
Os omnipresentes coros de ánimas axudan a remarcar todo ese ambiente, ese halo que percorre Ceremonials de principio a final, dándolle unha solidez que non tiña Lungs. Aquí todos os temas suman, ainda que cada un o fai en función das súas posibilidades.
Malia o alto nivel amosado en todos os temas (cos seus defectos e as súas virtudes), si quero suliñar algún deles en vermello. O primeiro é Shake It Out, un emocionante exercicio de pop épico que te enchoupa desde a primeira nota. Tamén erguín as miñas orellas co pop psicodélico de Lover To Lover, un exercicio de fusión de Aretha Franklin coa Jefferson Airplane. E, como non, a evocadora Breaking Down, que auna a dozura duns crepusculares Fleetwood Mac coa elegancia dos Eurythmics. Gustei abondo da recreación da morte de Virginia Woolf en What the Water Gave Me, mais causoume ao mesmo tempo un grande desacougo, talvez polo que narra.
Rematan de soar os temas engadidos da edición deluxe do disco (que recomendo) e acabo eu tamén de menear o lapis.
Vouno escoitar de novo, que engancha!

Nota: 7,5/10
O que máis nos presta: Shake it Out, Lover To Lover, Breaking Down.
Semellanzas: PJ Harvey, Bjork, Eurythmics, Dido…
Podes escoitalo en Spotify ou Grooveshark

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: