HOWLER: america give up

6 Feb

Teño que admitir que en poucos concertos rematei tan defraudado coma no de The Strokes o pasado verán. Certo é que as condicións “ambientais” non eran as máis adecuadas (non lle recomendo a ninguén asistir a ningún tipo de espectáculo arrodeado dunha turba de fillos da Gran Bretaña borrachos que farían pogo até con Laura Pausini), mais o que aconteceu enriba do escenario deixoume frío coma un témpano de xeo. Non se pode dicir que musicalmente non estiveran ben, ou que presentaran un setlist deses “raros” co que as veces incordian as bandas consagradas, ou mesmo que sonaran mal. Nada diso. Non foi nin moito menos cuestión de aptitude, mais si de actitude. Nin un aceno cómplice aos milleiros de seareiros que ateigaban o recinto desde facía horas, nin un saudo, nin unha variación dos temas. De feito Julian Casablancas nin sequera chegou a quitar a cazadora de coiro, e iso que estabamos nunha abafante noite de agosto na provincia de Castellón. En resumo, un directo que destilou cansanzo pola profesión e unha perda total da frescura que caracterizou desde o seu nacemento a carreira dos novaiorquinos.
Vaia, e por que soltei todo este rollo? Ah si, polo que hoxe me toca comentar, o álbum de debut de Howler. O magazine NME encheu de hype a estes postadolescentes de Minnesota, encumiándoos como unha das bandas a seguir durante o 2012. Isto fixo que todos os focos mediáticos se centraron desde aquela no seu traballo de debut que ven de aparecer: America Give Up. Levo xa unhas cantas escoitas deste disco e teño que admitir que me debuxou un sorriso parvo na boca, lembrándome en cada pista a aqueles primitivos e marabillosos Strokes de antano (por iso todo o rollo do comezo!), cuxa presencia está presente na alma de cancións como Back of Your Neck ou Told You Once. Quero tamén desmentir a todos aqueles que se apresuraron a sinalar a Howler coma un clon perfecto de The Vaccines, banda á que telonearon o pasado ano. É innegábel que o son é moi semellante, sobre todo nalgúns cortes, mais acho que os londinenses teñen moito máis claro “de que van”, mentres que os de Minneapolis divagan máis ao expoñer o seu discurso que, ainda que sempre perto do post-punk de herdanza ramoniana (America poderíaa asinar o mesmo Joey), ás veces se achega até melodías surf (Beach Sluts), outras até propostas máis próximas ao garage (Pythagorean Fearem, Black Lagoon) e mesmo ao pop-noise oitenteiro de bandas como The Jesus and Mary Chain (Too Much Blood); talvez dúbidas lóxicas do desexo de explorar propio da idade.
Non escoitaredes en America Give Up sintetizadores, loops nin requintados arranxos vocais.Todo é máis sinxelo, inmediato e fresco, once pílulas pegadizas que incitan ao baile. Non atoparedes tampouco dentro del ningún novo invento, así que se demandades orixinalidade a cachón ou un novo túnel na escuridade do underground o disco pareceravos unha morea de esterco. Agora se vos deidades embargar pola nostalxia dun son que hai unha década eclosionaba no terreo baldío entre o indie e o mainstream gozaredes abondosamente deste traballo.

Nota: 7,25/10
O que máis nos presta: America, Pythagorean Fearem, Back of Your Neck
Semellanzas: The Strokes, The Drums, The Vaccines.
Podes escoitalo en Spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: