LANA DEL REY: born to die

8 Feb

Non lin outras críticas sobre o debut (ou non, porque semella que hai por aí un “álbum perdido”) de Lana del Rey, mais seguramente moitos empregaron xa este retrouso no que non podo evitar caer eu: Born to Die? Será este título premonitorio da carreira musical desta muller?
O acontecido con Elizabeth Grant, o verdadeiro nome baixo a máscara, non é a primeira vez que o vemos; é xa unha sistematización do método dos medios contemporáneos: imos hypear a alguén anónimo até un lugar no que se vexa ben, alumeémolo logo con focos ben potentes e agora agochemos a man que termaba o carabel e saquemos a outra coa pedra. E veña! Que comece a lapidación!
É precisamente por esta secuencia polo que non quixen ler nada sobre o disco, xa que sabía que se leo como o cubren de esterco os que fai nada lavaban os seus sinxelos de anticipo cunha mestura de leite de burra e Chanel nº 5,  automaticamente o meu veredicto sería de absolución. Só pra contrariar.

Despois de un par de escoitas lembreime daqueles xogadores que empezan arrastrando de trufos; digo isto porque na súa maior parte o mellor do disco xa o escoitaramos, nunha especie de estratexia comercial blitzkrieg. Ademáis, decidiron colocar as mellores cancións (Video Games, Off To The Races, Blue Jeans, Born To Die, Diet Montain Dew ou mesmo a máis áspera National Anthem) na primeira parte do traballo, polo que este ficou tan nivelado coma o Titanic un segundo antes do mergullo. Isto non significa nin moito menos que o resto sexan refugallos para encher, pois o nivel non baixa nunca dunha moi decente cota de calidade tanto compositiva como interpretativa ao longo dos seus 15 cortes. Sobre todo cando se ten gardada algunha bala na recámara, como a absorvente e enfeitizante balada Million Dolar Man, que cun pouco que te deixes levar é quen de porche a pel de galiña.

Sobrevoando o disco sen porse demasiado repugnante é de xustiza afirmar que estamos ante un traballo agradábel, cunha notábel produción por parte de Emile Haynie que arrexunta con mestría clasicismo vintage con contemporaneidade, que insinúa epicidade e grandilocuencia no medio da brétema que o cubre en cada segundo. Certo tamén que decote cae na auto-parodia á hora de definir esta personaxe de Nancy Sinatra Gansta que se move por ambientes sórdidos gravados en branco e negro, onde o fume dos cigarros é o universo no que conviven matóns a soldo, mulleres fatais e vellas estrelas que perderon o seu brillo a base de bourbon.

Mais a pequena Elizabeth Grant xa está onde desexaba, conseguiu que o seu glamouroso álter ego metese os labios onde quería, no corazón do mainstream, un remuiño que pode impulsarte á eternidade do seu centro ou expulsarte coma un leproso ao seu extrarradio. As cartas están sobre a mesa e só o tempo dirá se Lana del Rey naceu para morrer ou para ficar connosco por moito tempo.

Nota: 7,75 /10
O que máis nos presta: Video Games, Born To Die, National Anthem, Million Dolar Man.
Semellanzas: Nancy Sinatra, Anna Calvi, Laura Veirs…
Podes escoitalo en spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: