CLOUD NOTHINGS: attack on memory

28 Feb

A xeito de advertencia quero suliñar que o comentario de hoxe vaise centrar en dúas citas bíblicas. Con isto non pretendo ser didáctico nin plasmar nestas liñas a miña ampla bagaxe intelectual xudeo-cristiana (os que queirades gozar das miñas ensinanzas nese eido podedes lerme sempre que quixer no blogue Circunloquios sobre o Apocalipse; por suposto en blogspot, a plataforma que mellor se adapta para este tipo de caralladas).

A primeira cita quere facer referencia ao bautismo de pedra e area que sufriu Saulo camiño de Damasco, símbolo antonomásico do renacemento a través da dor. No caso do Cloud Nothings descoñecemos a natureza dese iniciático desacougo que desviou a hedonista carreira duns adolescentes clevelandienses cara a esta escura corredoira inzada de toxos e insectos que é Attack on Memory (con algunha flor no medio, como veremos máis adiante). Talvez o propio nome do disco poida darnos algunha indicación sobre o carácter rotundamente voluntario desa desviación; porén non aporta nada de claridade sobre o porqué desa decisión.

No seu primeiro LP estes rapaces xogaban ao “agora me enfado e non respiro” nuns temas urxentes de almibarada raiba teen-punk (non sei se existe esta denominación chorra, tan digna coma as outras parvadas que soen lerse nas críticas musicais). Mais agora semella que chegaron á madurez tendo conciencia da súa propia, futura e ineludíbel morte.

Attack on Memory comeza en cumio con dúas enormes cancións: No Future/No Past e Wasted Days, mais o resto da viaxe fana costa abaixo, insinuando ás veces que non levan freos. Son estes temas iniciais dous balazos eternos e elásticos de nihilismo underground con altas doses de calidade plasmada na voz e na guitarra de Dylan Baldi (Alma Mater deste proxecto) e no resto do acompañamento. Máis adiante chegarán seguindo esta liña Separation e Our Plan, mais sen rozar sequera o fino desacougo destilado no comezo do traballo.

Mais non todo e desolación e nihilismo. Os ecos da inocencia perdida agroman en pezas como Fall In ou Stay Useless (por certo que nesta última lembran un feixe a The Strokes); o que descoñecemos é se estamos ante auténticos intres de lucidez en medio do delirium tremens que é este Attack on Memory, ou pola contra son o reflexo da falta de cohesión xeral do traballo. O rollo este da desesperación existencial xa o espremeron até a saciedade as bandas grunge alá nos 90, mais polo menos eran consecuentes e non andaban a acanear a pereira a ver se cae unha pera, a ver se cae un pexego.

É neste punto onde acudo á miña segunda cita bíblica: a da promesa de Deus a Abraham de que salvaría a cidade de Sodoma se atopaba alí unha cuota mínima de persoas xustas. Pois este traballo, malia os seus moitos pecados e dislates, sálvase aínda que só sexa polos dous excepcionais temas iniciais que, acompañados ou non, son un luxo divino.

Nota: 6,75/10

O que máis nos presta: No Future/No Past, Wasted Days.

Semellanzas: The Vaccines, Ted Leo and the Farmacist…

Podes escoitalo en Spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: