THE TING TINGS: sounds from nowheresville

16 Mar

Nin moral teño. No último mes acosáronme de xeito inmisericorde catarreiras, gripes e amigdalites varias; agora, tirado na cama, estou inmerso na última plaga vírica que percorre a cidade. Porca miseria!

Non semella de partida o mellor escenario para escoitar o novo disco de The Ting Tings. A dupla británica agasallara ao mundo un estupendo debut no 2008, e agora tódalas orellas estaban enfocadas cara esta nova proposta. Sendo como son declarado defensor das causas perdidas, teño que recoñecer que a primeira escoita fíxena cunha elevada dose de optimismo e receptividade, sabedor de que os gardiáns da revolución indie estaban xa a afiar as súas espadas para facer pinchos morunos con Sounds From Nowheresville antes de telo escoitado; e eu, claro está, pretendía humildemente tocarlles os xenitais de xeito molesto.

Porén, por desgraza non podo facer un amplo inventario de gabanzas. É certo que o disco posúe algún que outro notabilísimo corte, mais non remata de callar como un bloque homoxéneo, resultando máis un atrapallado conxunto de cancións que non son quen de aferrarse á rocha da coherencia e rematan arrastrados pola marea da indefinición. Un claro exemplo de que non sempre con bos vimbios se poden facer bos cestos.

Mais imos debullar un pouco polo miúdo todo isto.

Abre o traballo Silence, cun in crescendo coral que entronca coa mellor tradición do We Started Nothing. Até aquí nada raro, como tampouco nas detelladas de hip-hop resultón de Hit Me Down Sonny.. Mais axiña comezan os chimpos. Soa Hang It Up e aumenta o nivel da festa; xusto o preciso para facer o parvo cun vaso na man, exactamente o que agardaba de The Ting Tings: un retrouso a bater coma un martelo-pilón, aquelada resposta masculina na voz, ponte musical, punteo… mais ao final a suma de tanto elemento remata por converter a canción nunha recargada mistura tecno-rococó. Con Give It Back aumenta o macarreo, pero non supera o albor de excelencia preciso e a súa guitarra remata por se facer tediosa. Guggenheim é un aunténtico monólogo de Katie White, que dá como resultado unha das cancións máis viscerais do traballo. Por fin comeza Soul Killing. Palabras maiores! Ritmo suxerente marcado por un somier en plena fornicación, tempo ska e brillante sección de ventos. Do mellor do traballo. Continúa o disco con One By One, un prescindíbel e escuro tema que surfea sobre sintetizadores tecno-pop. A partir de aquí deciden afastarse totalmente do seu anterior camiño. Fico desconcertado tras escoitar Day To Day, un medio tempo que semella que fuxíu dun disco de Alicia Keys e que dá paso a Help, outro curioso experimento nas antípodas do seu antecesor, para pechar con In Your Life, un desacougante himno crepuscular cun violín e pleno ataque de paranoia a facerse dono da melodía.

Talvez a causa desta falta de puntería á hora de enfiar á agulla sexa unha obsesión auto-imposta de rachar de xeito manifesto co seu primeiro traballo, esquivando así as acusacións de clonar de novo a galiña dos ovos de ouro. Quen sabe! Algún dos temas do final pretendo esquecelos desde xa, mais aínda así estou desexando escoitar algúns outros nalgún garito escuro cun vaso na man.

Nota: 6/10

O que máis nos presta: Soul Killing, Silence.

Semellanzas: La Roux, The Sounds…

Podes escoitalo en spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: