AIR: le voyage dans la lune

22 Mar

Sendo franceses e conxugando sempre nos seus traballos verbos tan etéreos, acho que de primeiras foi acertada a elección de Air para a composición da moderna banda sonora  de Le Voyage Dans La Lune, un filme mudo de 1902 dirixido por Georges Méliès cuxa derradeira copia a cor foi atopada pola Filmoteca de Catalunya, restaurada, repintada e proxectada en varios festivais cinematográficos.

Os que, en maior ou menor medida, seguimos a traxectoria do dúo formado por Jean-Benoît Dunckel e Nicolas Godin sabemos do aquelado da súa proposta musical amosada en traballos como Moon Safari ou Talkie Walkie coas máxicas imaxes pintadas polo xenial pioneiro francés no celuloide.

E é por iso, por estarmos ilusionados polas posibilidades do proxecto, polo que tamén nos defraudamos moito máis. E non se pode dicir que fose porque Air decidise, nun ataque de xenios, escindirse de súpeto das súas esencias. Este Le Voyage Dans La Lune cheira a Air por todos os seus currunchos, mais a un Air descafeinado, vulgar, incapaces de tecer unha tela vaporosa e transparente que cubrise sutilmente cada un dos fotogramas, mais sen tornarse protagonista.

No canto diso argallaron unha esfiañada tela, con algún intre significativo, mais preñada dun rechamante e charramangueiro sopor.

Significativas  e meritorias colaboracións como a de Victoria Legrand, dos Beach House, en Seven Stars ou a de Au Revoir Simone en Who Am I Now?, fican algo desdibuxadas entre a falta de ambición do conxunto, mais son abondo reivindicabeis por separado, especialmente a primeira.

Compre dicir que  Dunckel e Godin sinalaron que esta viaxe á lúa non pretendía ser un fito na súa traxectoria, senón  un proxecto paralelo á mesma, un xeito de evasión. É por iso polo que só pode atoparse en formato físico acompañando ao DVD do filme nunha tirada mínima de 70.000 copias.

En resumo, este Le Voyage Dans La Lune fica ben lonxe da BSO de Virgins Suicides. Furrula só de cando en cando e a tumbos, sen seguir un plan deseñado previamente e seguindo instintos erróneos instintos de evocación dunhas imaxes das que sempre fica moi afastado. Por desgraza para moitos de nós os Air, mais que en aeronave, tentaron viaxar á lúa nun foguete de feira. Unha mágoa.

Nota: 4,5/10

O que máis nos presta: Astronomic Club, Seven Stars, Who Am I Now?

Semellanzas: Air

Podes escoitalo en Spotify

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: