MACHINA: ensaio sobre o silencio

27 Mar

Vivimos arrodeados dun inmenso deserto de resignación, e o peor diso é que ese eido ermo de desesperanza  foi desolado aos poucos ante o impávido ollar dun exército de cándidos prometeos aos que día a día lles comían o fígado mentres gastaban cartos que non tiñan en cousas que non precisaban. Agora ese exército arrástrase sen folgos sobre croios que lle abren as carnes mentres botan de menos o vodevil do seu pasado e se laian pola súa ausencia de futuro.

Ante este panorama semella ás veces inútil e fatuo erguer a voz para clamar no deserto, arrincar o xugo que nos prende a un sistema esclavista que colou na nosa fronte a etiqueta de lumpen-humanidade e berrar con todas as nosas forzas, baleirandonos de folgos como se fose posíbel a milagre.

Mais eles si se baleiraron! Machina (Gonzalo, Anxo, Martín e Ángel) vestiron o seu traxe máis metaleiro para este Ensaio sobre o Silencio e encheron de xenreira unhas cancións que peneiran sobre distintos temas de total actualidade. Uns intrumentos ben traballados e unhas letras escupildas sobre granito cun cincel de sinceridade produciron un resultado dunha solidez exquisita. Os de Cerceda baten forte, mais baten con xeito, confeccionando o traballo máis aquelado da súa carreira.

Os trece temas de Ensaio sobre o Silencio graváronse a finais do 2011 nas instalacións de Javier Abreu en Vigo, baixo a producción de Pablo Iglesias, responsábel do traballo de bandas como The Killer Barbies ou The Blows; e foron  masterizados polo sueco Pelle Henricsson (The Hives, Refused…).

Contaron os Machina cun pequeno feixe de pulmóns inquedos que quixeron sumarse a este berro. Así colaboran no traballo Nacho Goris no Prólogo, o inefábel  Leo I Arremecaghona en Desescribir e César Ríos, Diego Carreira e Juan Gabriel Prego en Cada un o seu.

Ensaio sobre o Silencio estará disponíbel nunha edición especial de 250 unidades (que hai que solicitarlle ao grupo a través do enderezo electrónico tenda@machinagz.com),  cun deseño feito polos propios Machina, ademáis doutra edición máis convencional.

Neste disco de trincheira, que loita por suxeitar e reter o que nos están a roubar, até unha balada romántica como Equilibrio evoca calquera cousa menos amor. A memoria histórica en Cada un o seu, a sinxeleza vital en Gato Branco, Gato Negro, a manipulación da historia en Desescribir, os instintos animais que nos controlan en 20 segundos e o medo, sempre o medo a amordazarnos, en Medocracia, son algún dos temas sobre os que vira esta buxaina de punta de ferro que non se deixa avasalar.

 “Rompe o silencio co que te estás a afogar”, así remata este Ensaio Sobre o Silencio, cun berro que esperta a chaira; mais non é o ouveo desesperado dun can atado a unha cadea, senón o laio cheo de esperanza de quen tenta crebar esa atadura aínda que teña que deixar as forzas todas na tentativa, bourando teimudo até onde sexa posíbel.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: