THE TWIN SETS

3 Abr

Un twin-set é un conxunto formado por unha chaqueta de punto e un xersei de manga curta. Os primeiros twin-sets apareceron na década de 1940. Os siareiros da serie Mad Men acho que saben perfectamente de que falo.

The Twin Sets son tamén unha banda da Coruña que veñen de sacar a súa primeira maqueta titulada Take Your Rest. Este ano están a dar os seus primeiros concertos de presentación da maqueta, mentres xa preparan material para unha nova gravación.

Desde Malas Músicas puxémonos en contacto con eles para que nos falasen un pouco sobre a banda, proxectos, influencias… Isto é o que nos contaron:

A finais do pasado 2011 gravastes a vosa primeira maqueta; como foi o proceso compositivo dos temas que compoñen este Take Your Rest?  

Litus: As cancións parten de Borja, alma compositiva dos Twin, logo no local Denis dalle forma a nivel vocal e a base rítmica intenta dar enerxía e solidez aos temas.

Denís: Borja dalle a vida ás cancións cunha base harmónica de acordes, arpexos… eu fago a melodía e as letras; normalmente a melodía empeza a sair no local, probo a ver como soa todo xunto e as letras…varias noites de escribir o que me suxire o momento ou a música. Todo madura e se van cambiando cousas, sempre facendo que nos sintamos máis a gusto co que tocamos.

– Desde os primeiros acordes de calquera das cancións que vos levamos escoitado os patróns do power-pop semellan  rexer a música de The Twin Sets; as vosas referencias saen estritamente deste mundo ou son máis amplas?

Litus: Todos escoitamos todo tipo de música, pero compartimos o gusto polas melodías pop e a musica “poderosa” desde os Who até os Beatles, desde Badfinger aos Buzzcocks, desde Red Kross até os Byrds…

Borja: Buscamos cancións coma as que nos gustaría escoitar na casa. A melodía por enriba de todo; depois diso, a música ás veces sae máis pop e outras máis “power”. As referencias son moi variadas, pero intentamos acoutar o estilo.

Denís: A cultura musical dos meus conxéneres e moi ampla e eu me deixo empapar ben por ela; as referencias do power-pop están aí, pero toda a música que escoitamos acaba influíndo.

En directo interpretades versións de bandas míticas como The Byrds ou The Nerves; facédelo máis coma homenaxe ou simplemente para poder gozar interpretando estes temas?

Litus: Non pretenden ser unha homenaxe, tocamos estas versións porque nos gustan e porque dalgún modo son unha forma de aprender certos patróns do xénero que practicamos.

Denís: Propoñemos varias versións e logo eliximos as que nos parecen interesantes, aprendémolas e algunhas as acabamos deixando, quedámonos con aquelas que nos gusta como soan, non por homenaxe, se non polo gusto de tocalas.

– Aínda que cantades maioritariamente en inglés, tamén facedes un tema en español, “We won´t turn it back”; é algo anecdótico ou pensades seguir a combinar ambos os dous idiomas?

Denís: Xa temos novos temas en castelán; non é algo premeditado, van saíndo segundo se perfila a música; non se trata de forzar nada.

Borja: Cantar en castelán esixe un especial coidado nas letras, pero o resultado paga a pena. Depende do que pida a canción e a melodía; eu creo que seguiremos combinando os dous idiomas.

– Que é, en xeral, o que máis vos satisface de Take Your Rest, o que vos fai sentir máis fachendosos?

Denís: O tema que máis me gusta como soa é What I Want Never Comes, tamén foi o último en compoñerse da maqueta…

Litus: The Twin-Sets é en realidade un proxeto de longo percorrido, un parto doloroso que partiu da alma das composición en soidade de Borja e da procura de “músicos” dispostos a tocar un xénero “escuro”, que non é nin punk-rock, nin pop comercial… Despois de tocar con outro vocalista e guitarrista que decidiu abandonar o proxecto (gañamos un colega, non perdimos un vocalista) topamos con Denis, para min, un autentico diamante en bruto como vocalista e un grande compañeiro nesta viaxe.

Take your rest gravouse en 6 horas. 4 de gravación e dúas de mestura. Ese si foi un parto con dor! O resultado en xeral da gravación faime sentir moi orgulloso da banda e moi afortunado de tocar cos meus compañeiros.

Borja: Como punto de partida eu creo que está moi ben. A partir de aquí, xa temos a formación estable e o estilo definido, e podemos avanzar nesta liña, pero mellorando moitos aspectos.

Esta primeira maqueta gravástela nos coruñeses Estudios Bonham de José Martínez. Como se desarrollaron as sesións de gravación?

Litus: Os tres temas foron gravados en directo, agás a voz e algún arranxo de guitarra, a gravación foi moi rápida por mor das limitacións económicas, pero estamos moi orgullosos do resultado tendo en conta as circuntancias e que foi un dos primeiros pasos do grupo cando Denis se incorporou á formación.

Denís: Un erro que cometín é non gravar antes na casa os temas, de xeito que quedasen claros, poder cantar con soltura e meter arranxos.

 The Twin Sets sodes Borja, Denís, Nacho e Lito; mais contastes con algunha colaboración extra para a gravación de Take Your Rest?

Litus: Nesta ocasión non contamos con ningun músico adicional, agás da inestimable axuda e “savoir fair” do Sr Bonjam, co que contaremos nunha próxima gravación de data indeterminada pero próxima, desta vez traballaremos máis os temas e pretendemos acadar un mellor resultado; a min a nivel particular gustariame traballar o tema das melodías a varias voces ademais da incorporación puntual dalgún teclado.

– Faládenos algo dos concertos que tendes programados para dar a coñecer o voso traballo.

Denís: Para empezar as ganas son moi grandes, até o de agora tivemos moita sorte, trataronnos moi ben todos, tanto os grupos como os donos dos locais; eu non sei moi ben cales son os próximos, pero de saber algo aparecerá no noso facebook.

Litus: Neste momento estamos na procura de datas para seguir presentando esta gravación que xa foi presentanda en Ferrol e na Coruña en duas ocasións. Próximamente anunciaremos novas datas no noso facebook.

www.facebook.com/thetwinsets

Borja: Esperamos que Asturias e León sexan as próximas datas de cara ó verán, pero aínda non temos nada confirmado.

E xa para rematar, comentástesnos nun anterior contacto que xa estades a traballar de cara a gravar novo material. Cando tendes pensado voltar a fecharvos no estudio e, sobre todo, tedes decidido o formato do que ides facer?

Litus: A data de gravación é indeterminada pero próxima; temos moitas ilusións nos novos temas e en realizar a gravación cun pouco máis de tempo, levando claro o tema antes de gravar, pero deténdonos máis en mellorar a nivel de execución e a nivel de arranxos.

Borja: O formato será dixital seguro, pero tamén intentaremos editar algunha pequena edición física, preferiblemente en vinilo se a economía o permite!

Denís: As próximas gravacións levarémolas con máis ganas e coidando os detalles; podo asegurarvos que a nosa aspiración sempre é a de mellorar.

Podedes escoitar a música de The Twin Sets a través do seu bandcamp.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: