CARRERO BIANCO: blister

17 Abr

Nesta tarde chuviosa nin un triste raio de sol alumea entre as nubes grises que cubren o ceo da Coruña. Se fose doutro xeito, talvez algún feixe luminoso podería interactuar coas pingas de auga e crear esa arcada policromática tan evocadora de viaxes e fuxidas, ese arco da vella visto coma ponte entre dúas realidades: unha gris e terreal, chea de dor, ansiedade e data de caducidade; e outra eterna, analxésica, alumeada en technicolor situada somewhere over the rainbow. Mais este mesto teito gris non permite a fuxida, convertendo o noso ámbito nunha paisaxe morta fechada nunha bola de cristal. Porén, lonxe de amosar desesperanza, procuramos ferramentas para crebar esa cúpula e estricar as nosas entumecidas extremidades noutros universos. A radio ben podería ser unha desas armas, como sinalan os Carrero Bianco no posibelmente máis afortunado corte de Blister, o seu último EP.

Estes ferroláns namorárannos no 2010 co son sucio, de verme que se arrastra polo chan, daquel Oferta de Lanzamiento (A Regueifa). Agora, dous anos despois, racharon a cápsula para voltaren amosarse mutados nunha bolboreta coas ás tinguidas de cores de luminosa melancolía, mais co corpo a conservar toda a rixidez  e a arquitectura androide máis kraftwerkiana.

Mentres no seu primeiro traballo as cancións deixaban ao seu paso un rego de baba que ficaba gravado no chan dos teus tímpanos de xeito inmediato, para esta segunda entrega é preciso unha maior dedicación e paciencia para cachar as enigmáticas ecuacións que rixen o voar dese melancólico lepidóptero electropop.

Blister componse de catro temas orixinais e dúas remesturas. Abre o traballo o tema homónimo, unha canción marcada por un retrouso machucador envolto polo celofán de electrónica new wave marca da casa. Pola contra en El Río, o segundo orixinal, o son da guitarra eríxese como áspero protagonista e preciso contrapunto a unha letriña naif relatada a xeito de diálogo rapaz/rapariga. Radio é, no meu modesto e iletrado entender, o cumio deste breve traballo, tanto na clásica suntuosidade da súa electrónica como na letra, quen de transladarnos a cabalo de ondas electromagnéticas a través do aire e do baleiro. Pecha a colección de novos temas Reza lo que sepas, un caldeiro de escuros ritmos bailábeis aferrados como percebe na rocha á cosmogonía vital da banda. Completan o EP dúas remesturas de Blister e Radio, respectivamente.

Os  cambios na aliñación, fechados coas incorporacións de ToniCable, que xa colaborara coa banda desde o exterior, e de Erika como referencia vocal feminina, poden colocar esta proposta no terreo do provisorio. Só o tempo dirá se o centro de gravidade do son de Carrero fica no que en Blister se expón. Pola miña parte, unha vez rematada estas liñas, vou a gozar de novo da música destas Dorothys ferrolás; e aínda que o ceo siga encapotado vou proteger os meus ollos cunhas gafas de sol.

Podes escoitar blister en: http://carrerobianco.bandcamp.com/

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: