CHROMATICS: kill for love

19 Abr

Hai cancións que te fan pequeniño, músicas que actúan coma a beberaxe de Alicia e te encollén até o tamaño dun insecto. Algo diso ten este primeiro traballo en cinco anos de Chromatics; e semella que tiñan ganas de sair de novo ao campo, de recuperar o tempo perdido, se nos atemos á mastodóntica resposta que nos deron con Kill For Love (Italians Do It Better, 2012), máis de 90 minutos de delirio introspectivo, eléctrico e hipnotizante, a oscilar entre produccións máis próximas ao ambient e outras máis do eido do post-punk, entre as que se move como un peixe no mar o xenio creativo de Mike Jewell.

Dous fitos foron determinantes no crecente achegamento dos de Portland ao grande público durante estes cinco anos de silencio:  a declaración de amor que The XX lles fixeron á súa música, e a súa afortunada participación na BSO do filme Drive, para a que cederon o tema Tick of the Clock.

Teño que confesar que para o meu feble e vello corazón abrir o traballo cunha versión de Neil Young é unha chantaxe emocional das que funcionan, sobre todo se está feita con tanta delicadeza. Into the Black actúa como un alambique que conserva todo o pouso melancólico da orixinal, vertendo pinga a pinga toda a súa grandeza melódica nun recipiente etéreo de contemporaneidade.

O traballo concentra toda a artillería pesada no que a posíbeis hits se refire nos seus primeiros cortes. Exhiben músculo no corte homónimo Kill For Love, en Back From The Grave e The Page, temas que, coma ceremonias fugaces dirixidas pola lene voz de Ruth Radelet, apenas superan os 3 minutos e poderían mesmo soar en calquera emisora de radio (agás Radio María, talvez). Chegamos entón a dous importantísimos portos de categoría especial: Lady, co seu trance evocador da década dos oitenta, e a enorme These Streets Will Never Look The Same, que podería catalogarse mesmo como sublime se non fose polo abuso indiscriminado do vocoder.

Porén, despois deste titánico esforzo, toca descansar, estricar as pernas, relaxar músculos e engulir algún alimento. Os temas vóltanse viscosos e escuros, recreando sensacións de burato negro. Así Candy está cociñada cuns sintetizadores xusto no punto exacto de desolación, mentres en The Eleventh Hour pásanse co lume e rozan un desacougo baleiro de propostas. Entre estes dous puntos oscilan tódolos cortes até o final do traballo; uns de xeito máis afortunado, como nos sensuais punteos de guitarra en Birds Of Paradise e The River, e outros que non rematan de callar até chegar a ese fermoso epílogo tripartito que é No Escape.

Chromatics xamais se desvían durante esta hora e media da súa traxectoria; xogan co tempo e coa velocidade sen abandonar en ningún intre o seu propósito: facernos pequenos, insignificantes até que esvaecemos por completo. Eu xa nin estou.

Nota: 8,5/10

O que máis nos presta: Into the Black, Kill for Love, Lady, These Streets Will Never Look The Same Again, No Escape.

Semellanzas: Desire, FM Attack…

Podes escoitalo en http://soundcloud.com/johnnyjewel/chromatics-kill-for-love-album

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: