10º aniversario de Ataque Escampe

24 Abr

En que ano foi? Teño unha memoria pésima, sobre todo para as datas. Coido que foi na Semana Santa do en apariencia afastadísimo 2009 cando percorrimos a estrada entre Edimburgo e Inverness, un camiño conformado por rectas eternas que, a medida que a latitude viraba máis norte, trocaba as verdes pradeiras nas que pacían, tranquilas e ausentes, as famosas ovellas escocesas, por unha paisaxe máis escarpada e salvaxe, cun verdor escuro nas cotas máis baixas e as montañas cubertas de neve.

Naquel carro alugado de volante invertido viaxabamos catro galegas e unha francesa rubia; esta fora agasallada, como lembranza das súas compañeiras de odisea, co CD que soaba no reproductor e que, co paso dos quilómetros e das repeticións, até ela mesma era quen de tatarexar. “Galicia es una mierda” foi a banda sonora daquela viaxe, e cada unha de nós tiña un tema favorito para o que reclamaba a honra merecida esixindo un aumento do volume no intre preciso da súa reproducción. Había para todos os gustos: unha siareira incondicional da pegadiza consigna que nomea o álbum, unha namorada do Serafín que desexaba no seu interior que este lle falase en inglés, outra de gustos máis bizarros que se declaraba a prol de Nadina, empoleirada ao máis alto do podio por preguntarse “canto amor cabe no rock en basco”. A francesa semellaba gustar de todas e non entender ningunha. A miña favorita seguía a ser A Granxa de Alexandre e a súa atmósfera de suor e desacougo animal. Eu sonche así, misteriosa e policromática.

Toda esta prédica ben a conto dun concerto, o que celebrou o décimo aniversario dos Ataque Escampe o pasado 20 de abril na Sala Moon  de Compostela, e ao cal non puiden asistir malia desexalo moito. Unha mágoa. Talvez no 15 aniversario, ou no 20 non teña compromisos ineludíbeis que impidan a miña presencia. Aínda que non lin (polo de agora) ningunha crónica sobre o mesmo, coido que tampouco debeu notarse en demasía a miña falta, xa que confío na existencia de varias ducias (xa non digo centos nin milleiros) de persoas con bo criterio musical, acorde aos tempos de tan magnífica serie B que estamos a vivir; a existencia dun feixe de heroes calados do resistencialismo musical que se declaren siareiros dun grupo que promete continuar ata que escampe a treboada, que como promesa xa non é pouco poidendo só laiarse, ben fodidos, e berrar: “outra vez caldo!”. A cousa non é sinxela! Pois deben (e debemos) estar preparadas para que o que en aparencia pode semellar o noso mellor aliado baixo a chuvia se transforme, polas malas artes dun refacho de vento, nunha caste de paraugas asasino que persiga con saña arrincarnos un ollo da súa conca e deixarnos co aspecto dun zombie sacado dun vello filme de Ed Wood. Así, mollados e cun ollo de fóra, rematariamos por inchar os nosos pulmóns como se o fol dunha gaita se tratase e berrarmos, resentidos: Una mierda, Galicia es una mierda! E xa se sabe que todas aquelas que vivimos esa epifanía de auto-noxo decidimos marchar de aquí; mais non coma antes, nun Seat 600 cheo de xamón, chourizos e garrafas de aceite para ir á procura de cartos á Suiza ou á Alemaña; agora a nosa grande evasión comeza sempre almorzando no buffet do restaurante de Lavacolla. E así pasará unha década antes de decidir por de novo os pés na terriña. Dez anos cargados da violencia estructural que asulaga a sociedade da Europa Central, onde por mor da grande depresión actual e a prohibición do Prozac, pasamos de seren os simpáticos amigos do sur a unha sorte de novos turcos que comen porco e berran ailalelo (ailalalo).

Pregúntome que sería daquel CD… na viaxe de volta desde aquela septentrional vila escocesa até a senlleira Edimburgo non voltou soar, diso estou seguro. Talvez a cabrona da gabacha non gustaba realmente do disco e, durante a noite, agochou o seu agasallo no fondo do macuto. Talvez agora esté pendurado da pola dalgunha maceira dalgunha leira dalgunha vila da Lorena espantando paxaros (aínda que dubido que os franceses teñan esa capacidade para a reciclaxe creativa que temos nós). Heille preguntar á moi cadela, non fico coa dúbida!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: