PROJECTO MOURENTE: a pior

24 Mai

Hoxe erguinme cedo. Non sei se é pola primavera ou polo clima global, mais o certo é que ultimamente acordo cansa e coa sensación de que, para o que vou atopar fóra, mellor fico nese cálido neo-útero protector que é a miña cama; unha vez venzo a atracción das sabas o tedio permanece canda min polo menos até que á media mañá vou recuperando os azos devagariño.

Porén hoxe esquecín ese cansazo. O pasado martes saiu A Pior, o novo e agardado traballo de Projecto Mourente. Sen dúbida un feliz acontecemento no panorama musical galego. Así que, tras o almorzo, conectei coa súa bandcamp e dinlle ferro ao cacharro. De súpeto, e para o meu conforto e tranquilidade, encontreime mellor. Mentres facía as cotiás tarefas domésticas os meus pés flotaban pola casa, seguindo as melodías ingrávidos e lixeiros.

E así, en plan I Want To Break Free, fun deixando a casa máis limpa ca unha patena onde depositar a Santa Hostia. E falando de hostias: unha vez rematado o aseo diario, cavilei na de hostias que nos están a dar; e certamente sempre nolas deron, mais antes polo menos disimulaban! E así, fiando unha cousa coa outra e perdéndome nos océanos de divagación dos meus miolos (un pequno universo off-topic) lembrei aquel inquietante filme dirixido por Sydney Pollack en 1969: They Shoot Horses, Don’t They?, que no estado español (sempre tan gráficos) traduciuse como Danzad, danzad, malditos. A historia, ambienta nos EE.UU. da Grande Depresión, narraba como persoas desesperadas se apuntan a un maratón de baile coa esperanza de poderen gañar o premio final: 1500 dólares de prata. Mentres os concursantes agonizan alén da súa resistencia física, unha manchea de xente divírtese de xeito enfermizo contemplando o sufrimento dos danzantes. Esta historia podería servir de alegoría da situación que nos tocou vivir: bailamos até a extenuación a música que outros tocan, e mellor será que non protestemos nin nos deteñamos, porque ficaremos sen o premio final. E que imos a pior! Projecto Mourente teno claro, e así quere manifestalo neste traballo.

Catro longos anos pasaron desde a aparición de Kara.o.ke até que no presente mes de maio o proxecto musical de Carlos Valcárcel agromou nesta nova flor de pop electrónico. Os seus dez fermosos pétalos foron gravados entre o 2010 e o 2012 nun apartamento da compostelá Almáciga, para seren logo mesturados e masterizados por Tomás Ageitos nos Estudios da Ponte.

Carlos Valcárcel é o encargado das músicas, letras, voz, coros, programacións e teclados; é dicir, de case todo. Mais conta para este A Pior cunhas axudas tan inestimábeis coma importantes, que pouco a pouco iremos esmiuzando.

Abre o traballo Afilia-te!, un chamamento a deixar de facer o parvo e perder o tempo: a afiliciación a un partido político pode ser a solución a moitos (que a moitos! A todos!) dos teus males. Así que “este é o partido de idiotas unidos, afilia-te”. Neste primeiro corte é o homen Martín Wu quen pon as guitarras, Roi o baixo e Cristovo os teclados.

Vou para pior é unha brillante reflexión electro-pop sobre o fracaso da asunción da idade e a identidade. Aquí as guitarras corren a cargo de Álex López e Yolanda Valcárcel é a encargada dos coros.

E agora unha peza familiar, xa que Ao teu redor adiantárase na rede o pasado 16 de xaneiro de 2012 acompañado dunha nova versión do clásico mourentista Baixo os eucaliptos. Guitarras de Quincho Araujo para esta oda ao egocentrismo.

Paranoia, falsetes heavys e de novo as guitarras de Quincho Araujo no comezo dun dos temas máis electrizantes e bailábeis do traballo: A revolta dos cosmopailães. “Sente-se em Garcia Barbom…” a quen poden referirse? Un misterio bilingüe, sen dúbida.

Un requintado sentido do humor naif  liga Quando vás a Portugal, un dos meus temas favoritos de A Pior. Andrés Boado fai os coros nunha peza que fluctúa entre a aventura domingueira en terras lusas e o distrito nipón de  Shibuya.

Beleza que escorrega entre repetitivos synths é o que ofrece Feliz assim, toda unha declaración vital de principios na que Andrés Boado volve por os coros, como tamén fai en Lei e ordem, tema no que Valcárcel bate cunha boa labazada de retranca no neo-falanxismo instalado hoxe nas cadeiras do poder do estado. Máis represión, por favor, que nos comen! “Queremos corpos especiais, Mais agentes da polícia, Mais escoltas, mais fiscais, Um em cada esquina…” As guitarras de Quincho Araujo matizan un dos, para esta sinxela danzante, mellores cortes do álbum.

En Se caio abandonamos transitoriamente os solleiros prados polos que até o de agora bailamos para internarnos nunha espesa e escura fraga de árbores post-punk e distorsión. Un contrapunto preciso no intre axeitado.

Por quê es tam falso? non chega a fuxir completamente dese territorio tenebroso. Encontramos aquí un reproche feito canción, que conta cunha nova colaboración de Álex López nas guitarras.

E así, case sen darnos conta, chegamos ao fin deste A Pior, que pasou voando. Mentres está a sonar Alguém que me queira xa estou pensando en volver darlle ao play. Os meus pés non acatarían outra decisión, xa que Projecto Mourente se confabulou co próximo verán para incitalos á troula e ao baile. Así que danzade, malditos, porque a ledicia e das poucas cousas que aínda non foron quen de arrebarnos; e porque ao contrario que no filme de Pollack, poder ver as súas facianas rabiosas mentres nos meneamos será o noso mellor premio.

 

Advertisements

Unha resposta to “PROJECTO MOURENTE: a pior”

  1. lavesedo 26 Maio 2012 ás 23:49 #

    Moi bo artigo. Incita a escoitar o disco

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: