Entrevista a Terbutalina

31 Mai

Terbutalina é unha banda de gastropunk creada en Muros no 2010 e integrada por cinco asmáticos: Miguel (cantante), Mon (guitarra e voces), Brais (teclado e voces), Samuel (baixo e voces) e Carlos (batería). Teñen como lema “O punk morreu e comémolo nos”. E pode que así sexa; comérono sen pasar sequera pola depuradora, sen capar, cheirando ao bravo. A comezos do 2012 decidiron fuxir a Portugal e alí gravaren un EP chamado Hostias Para Todos, cunha aquelada capa deseñada por Arinspunk e o vídeo do tema Suisidarse acompañando a súa presentación. Desde o pasado 24 de maio pódese escoitar ou descargar desde estas webs:

http://terbutalina.bandcamp.com/releases

terbutalina.blogaliza.org/files/2012/05/Terbutalina-Hostias-para-todos.zip

komunikando.net

Desde Malas Músicas quixémonos poñer en contacto con eles para preguntarlles sobre este novo traballo. Isto foi o que nos contaron.

Malas Músicas: Este último traballo que vides de presentar fóstelo gravar a terras portuguesas: cal foi a razón? E non val responder o bacalhau nin as toallas.

Terbutalina: Tiñamos que gravar o tema para o Galician Bizarre II dentro dun determinado prazo. Comezamos a mirar estudos e todos cos que contactamos (e responderon) estaban ocupados; estaban todas as bandas do país gravando!

A posibilidade de gravar en Portugal xurdiu de Víctor Manelson, cantante dos Funk’N Bastards quen nos mesturou estes temas e xa nos gravara e mesturara o Broncodilatador. Estaba gravando coa súa banda alí e comentounos de ir. Así vos foi.

MM: Como foi a gravación? Ficastes satisfeitos?

T: Non somos moi esixentes con respecto ao son, a verdade. Temos 98 problemas e ese é un máis. Con todo, pensamos que estes temas si se aproximan máis ao que nos gusta, en comparación co ton que destilaba o Broncodilatador.

MM: Foi unha gravación moi rápida. Significa iso que levábades moi mallados os temas? Tiñades moi claro o que queriades?

T: Foi nun domingo a cabalo entre a borracheira do sábado e a resaca. Pola mañá gravamos batería, baixo e guitarras e á tarde teclados e voces. Tiñamos estudio para un só día e o certo era que contabamos con gravar 2 ou 3 temas, nada máis. Despois vimos que nos ía dando na volta e tiramos para adiante. Chegar e encher.

MM: Como furrulan os Terbutalina á hora de compor unha canción?

T: Non furrulamos. Somos uns plaxiadores natos, malia usarmos un sofisticado sistema de copia. Normalmente, Miguel e Carlos encárganse do apartado musical. Para preparar a estrutura das cancións baséanse nos diferentes organigramas laborais seguidos polos albaneis encargados de rematar os diferentes edificios da Cidade da Cultura. Despois, o que sería a melodía obtéñena a través da observación pseudocientífica da involución da curvatura abdominal das fichaxes fallidas de Augusto César Lendoiro (Toro Acuña, Djokovic, Renaldinho…).

Das letras encargámonos Mon, Brais e mais eu (Samuel). Os tres somos uns grandes lectores de prosa tardomedieval. Polo xeral, extraemos a estrutura sintáctica de certas pasaxes de tratados de príncipes e empregámola para os versos das cancións. Despois o traballo é sinxelo, só temos que ir collendo un substantivo para onde fai falla un substantivo, unha preposición por alá, unha conxunción por acolá. As diferentes palabras ímolas extraendo das actas fundacionais dos partidos galegos sen representación parlamentaria. Fainos chiste así.

E así nos vai.

MM: Ides participar no compilatorio Galician Bizarre II, que se está a cocer. Como chegastes ao proxecto e que agardades del?

 T: Chegamos a el porque lle pagamos ao Zé, dos Metralletas Lecheras, tres ceas nunha mesma noite en restaurantes de diferentes cidades inexistentes de Galicia. Isto confundiuno e accedeu a nos incluír no recopilatorio.

A nosa máxima aspiración dentro do Galician Bizarre II é que o noso tema non sexa o peor do disco.

MM: O voso é o gastro-punk. Imaxínovos tranquilamente engulindo o corpo incorrupto de Joe Strummer (por exemplo). De que outros músicos gustaríades de tragar o seu espíritu?

T: Non nos gusta a idea de tragar espíritos porque non hai onde mollar co pan. Gustaríanos comer, fisicamente falando, a músicos fofainas e con untiño como Meat Loaf, Tonhito de Poi ou Xurxo Souto.

MM: Que outras bandas galegas das que están a dar guerra actualmente destacaríades?

T: Familia Caamagno, John Happy Driver, Deseqilibrio Mental, Monstruo, Glorieta y los Bilingües, Chotokoeu, Gendebeat… Música que nos presta de vez.

MM: Á par de “Hostias para Todos” sacastes tamén un vídeo para o tema “Suisidarse” realizado por Lucas Nadal (na que por certo saídes moi guapos). Faládenos un pouco da experiencia.

T: Foi mala. A escaseza de recursos fixo que non puidésemos empregar efectos especiais para todas as escenas de cortes coas coitelas de afeitar. Houbemos morrer!

MM: Pregunta de entrevista de traballo: onde vedes aos Terbutalina dentro de cinco aniños.

T: Dentro duns meses retirarémonos, dentro de cinco anos volveremos e tocaremos nunha discoteca en Ordes, pero só venderemos cinco entradas, iso si, a 3000 euros cada unha. Pasaremos do gastropunk ou gastrocapitalismo. A xogada é redonda.

MM: E xa para rematar: Que datas tedes confirmadas para vindeiros concertos?

T: O 2 de xuño tocamos no Millo Verde, en Redondela; o 8 de xuño na Romaría Galician Bizarre, na Sala Rock Palace de Madrid; o 23 de xuño no Festival Psicotroita, en Sigüeiro; o 29 nas Festas do Barrio de Sanpetersburgo, en Compostela; o 30 na Sala Karma de Pontevedra… Quen queira que vaiamos tocar á súa parroquia que nos chame. E se non teñen un peso, que nolo digan, que habemos chegar a un acordo. Para catro veciños que somos…

Advertisements

2 Respostas to “Entrevista a Terbutalina”

Trackbacks/Pingbacks

  1. Terbutalina: "Dentro duns meses retirarémonos, dentro de cinco anos volveremos e tocaremos nunha discoteca en Ordes" - 1 Xuño 2012

    […] Terbutalina: "Dentro duns meses retirarémonos, dentro de cinco anos volveremos e tocaremos nun… malasmusicas.wordpress.com/2012/05/31/entrevista-a-terbutalina/  por raxozorza hai 2 segundos […]

  2. terbutalina | Entrevista en Malas Músicas - 5 Xuño 2012

    […] xente de Malas Músicas entrevístanos. Podedes ler a entrevista na súa web clicando AQUÍ ou a […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: