Ruxe-Ruxe: máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras

7 Xuñ

Carallo, é que dezaseis anos son moitos anos do noso señor! Ruxe-Ruxe naceu cando aquela gamela bravú que semellaba ía conquistalo todo, sobrepasando mesmo o infranqueábel dique de Pedrafita, se esnafrou contra as rochas e crebou en mil anacos por mor da invisibilidade atroz que seguimos a padecer. E é que a industria musical galega non é, como algunha vez oín, unha crianza que agatuña en cueiros, senón unha criatura que sufríu unha asfixia no parto que lle provocou cegueira, raquitismo e febleza para toda a vida.

Dezaseis anos facendo rock en galego! Oito discos! Buff, son moitos. Camiñar pola Coruña e ver ao Xurxo Souto dos Diplomáticos empurrar un carriño con crianzas, ou ao Benxa dos Impresentables de Vimianzo (aqueles que cando chegaban á festa coas súas parkas mods lles preguntaban se viñan da guerra) tomando unha caña antes do partido do Dépor, ou algún ex-Papaqueixos tocando nalgunha foliada tasqueira en Monte-Alto; é sentir o tempo apousar nos teus ombreiros. E pesa, carallo se pesa!

Mais o comando de Vituco Neira e compañía non só resiste valentemente en Aríns, senón que pasa ao ataque cun traballo dunha madurez sublime que nin sequera roza o conformismo, policromático no seus sons e peneirado por unha manchea de colaboradores procedentes de proxectos tan distintos coma Berrogüetto, Skacha, Zenzar, Quempallou ou Dios Ke Te Crew.

Aqueles rapaces que en 1996 decidiron perseguir o camiño marcado por bandas como Kortatu ou The Clash hoxe seguen a mesturar nos seus molotovs o vello e bo punk-rock coa música tradicional galega, conseguindo explosións tan grandes como a que estoupa dentro do peito ao escoitarmos temazos como a morriñenta A Deshora (a miña favorita), o estandarte vital Adiante, o ritmo ska de Preas, o punk sucio de Carabuñando, o himno tabernario Que o Demo me Leve, ou calquera outro dos 17 que compoñen este Máis Cancións sobre Toxos, Cardos e Silveiras.

Dezaseis anos hai que adolescentes de todo o país faciamos surfing a pelo por enriba dos penedos impulsados por aquela colección de grupos que se auto-denominaron bravús. Despois viría todo o demais: o Xabarín, as bandas que se declararon anti-bravús, uns sobrevalorados rapaces do Barbanza  que declararon que o seu era o grunje galego… en fin. Parafernalia rock´n´roll. Moito barullo e despois silencio. Hoxe en día en Galiza hai máis bandas ca daquela, e sen lugar a dúbida tocan moito mellor; mais a escuridade segue a ser a mesma que guiou a aquela gamela de antano contra os penedos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: