JANE JOYD: shy little jane presents: the dramatic tale of her animals

3 Xul

Jane Joyd está feita para o inverno. Coas súas agullas foi quen de confeccionar un lene patchwork de anacos de elegancia e calidez, que te aperta, que te tapa, que te cura. Aloumíñache o coiro do pelello coa suavidade do veludo, mais sabes que hai algo máis, unha composición máis grosa, de la do norte, que te abriga e conforta por moito que zoupen a chuvia e o vento máis alá dos cristais da túa xanela.

Ese desbocado e á vez calmo torrente de sensacións acádao a partir de só catro fabulados retais folk confeccionados coas febras orquestrais de 16 músicos (sección de vento incluída) tinguidas coa cor do sureña da voz de Elba Fernández e a notábel presencia do percusionista e co-productor Xulio Vázquez.

Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale Of Her Animals é o nome do EP resultado da súa primeira colaboración con Origami Records. Poderiamos debullar as cancións para sacalas da vaíña común que as acolle, mais sería deturpar un conxunto que semella non ter sido concebido para resistir a acción dun bisturí, ideado como un todo, un estanque de quente elegancia onde filtran as profundas fontes de negros nomes coma Smith, Holiday, Flack… ou verten augas máis contemporáneas como as de PJ Harvey, Sufjan Stevens ou Bon Iver (este último confesa influencia da coruñesa, a quen mesmo adoita versionar en directo).

Mais o traballo non aboia tan so con virtuosismo vocal e elegancia; danlle o pouso preciso de calidade poética para fechar o traballo unhas letras cheas de dobres sentidos e arrevesadas metáforas que falan da dor e da morte, representadas na imaxe dun paxaro fechado nunha xaula, dun cabalo que non ten corazón, dun peixe morto e de Renard, o pérfido raposo da literatura infantil.

Hai tempo que un debut non nos batía no tímpano con tan poderosa forza, que non nos deixaba unha sensación tan doce na língua. E pensamos: se o desfrutamos así a finais de primavera, que non faremos en inverno!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: