AMPARO ARIAS: todo lo que no pasó

10 Xul

Se decidimos decorar un cuarto cun estilo ecléctico podemos rematar no máis absoluto desastre. Hai que ter moito tento e talento para non acabar por compor unha marfallada charramangueira que acoitele os ollos; pois tento e talento (viralle de familia?) invirteu Amparo Arias (cantautora, de Limodre) nos tres longos anos que lle levou rematar a composición desta estancia chamada Todo lo que no Pasó (Autoeditado, 2012), tempo no que construíu os doce recantos sonoros e persoais que ennobrecen este oco entre catro paredes, con porta e xanela. O que primeiro ía ser un pequeno cuarto a xeito de EP correu os seus muros e adobiou a súa alma até converterse nunha marabillosa suite onde ficar enfeitizada.

A estrea discográfica de Amparo Arias foi gravada e mesturada baixo o amparo de Óscar Quant (e por proposición deste) nos ferroláns Estudios Sausalito, e masterizada posteriormente na Fábrica Dalton por Josema Dalton. De feito, a sutil luminosidade de vagalume pop que desprende o traballo de Óscar Quant aboia dalgún xeito na atmósfera do cuarto, axudando a evitar calquera tipo de innecesaria estridencia. Quincho (Carrero Bianco), Roge Arias (aka Roger de Flor, irmá da decoradora), Kobe e outros coñecidos nomes ferrolterráns axudaron no transporte dos mobles, parte precisa do proceso e non sempre recoñecida. O pintor Leandro Lamas encargouse do deseño exterior. Todo un luxo.

O resultado de todo este proceso está recollido nas 500 copias do LP, que podedes adquirir ao módico prezo de 5 euros. Onde? Pois polo momento (e que nós saibamos) en El Cafelito de Gloria (Rúa do Sol, Ferrol) e Cardebelle (Narón).

Conta o cuarto cun aire lixeiro e retro, con influencias que lembran os estilos decorativos da Inglaterra de hai catro ou cinco décadas. A súa arquitectura apoiase en dous elementos: o primeiro son unhas letras sólidas, que determinan os espazos baleiros e a distribución de mobles e complementos; e o segundo a perfecta destilación da saudade presente na beleza, na lembranza da infancia e do próximo, representada por unha caixiña de música encol dunha cómoda ou unhas cortinas a abanear co aire dunha mañá fresca.

Díficil destacar elementos. Talvez No…Yes, por ser a porta de entrada que anticipa a serenidade do conxunto; Enfeitizada, que é quen colga nas paredes os cadros de Leandro Lamas;  a retranqueira ollada das vivencias fóra do cuarto que é Limodre; o medo a avanzar reflectido nas curvas de El Color Púrpura; ou pode que o Tren das 6, unha cama onde repousan as realidades de dous estraños e se erguen os seus sonos. Iso só por lembrar os elementos que primeiro che pengan no ollar; porque pouco a pouco van chegando o resto, e cada un ten o seu sitio e a súa importancia.

Recomendación absoluta a visitar este Todo lo que no Pasó de Amparo Arias e a admirar a súa arquitectura interna. E unha promesa: se entras unha vez, repetirás seguro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: