TRAJANO!: terror en el planetario

12 Xul

pica na imaxa para acceder á bandcamp de Trajano!

Pouco a pouco gusto de ir pagando as vellas débedas (que xa se sabe: quen paga o que debe, desempeña o que ten). E Trajano! formaba parte da lista das cousas pendentes neste blogue, xa que dun tempo a esta parte o seu EP de debut, Terror en el Planetario, é case un clásico permanente no meu reprodutor.

A banda está formada polos galegos Lois Brea (guitarra e voz) e Juan Cea (guitarra), o pucelano Carlos Mun (batería) e o madrileño Álvaro Naive (teclados). Segundo propia confesión a idea era mesturar nun caldeiro sonoro melodías escuras con guitarras brillantes, o que semella fixar o remite da tenda que lles vende as especias para o pote no sombrío norte inglés; xa sabedes: rollo The Cure, Joy Division e demais bandas que tanto me prestan. É certo e indubidábel. Mais como gusto de tirarme á piscina (aínda que esta se atope máis seca que a miña lingua un domingo pola mañá) vou sinalar tamén (non como influencia, mais si como burbullas de lembranza na miña mente) a Germán Coppini e aos primeiros Radio Futura. Pois si, temas como Discopatía lévanme a eses parámetros, non tan afastados (todos o sabemos) das influencias oficiais.

Mais deixémonos de divagacións e vaiamos á miga.  O pasado Nadal foron as especiais datas escollidas polos Trajano! para fecharse no estudio de gravación e rexistrar algúns dos temas cos que xa levaban tempo enchendo salas de concertos. Roberto Mallo (Triángulo de Amor Bizarro) foi o encargado de producilo.

Seis temas, 16 minutos, conforman esta viaxe polos non sempre apreciados dabondo páramos  post-punk, auto-definindo a súa orografía cunha impoñente liña de baixo e unhas guitarras densas coma o aire dun pantano.

Instintos asasinos, evasións sen retorno, vinganzas teens, medos espaciais e frikieparanoias, danse a man nunhas letras de marcado carácter punk (pureza 99%) que aboian no escuro beberaxe como as pesadas talladas que farán a nosa dixestión auditiva máis intensa.

O malo é que sabe a pouco. Trajano! ofrécenos unha gorentosa lupanda no primeiro menú que elaboran, e iso que o elaboraron cuns ingredientes que o noso padal rexeita ás veces polo abuso xeneralizado que deles se adoita facer. Vai resultar que non importa tanto o que lle botemos ao pote como o intre e a proporción que empreguemos. E que para todo hai que saber!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: