Entrevista con Trapallada

17 Xul

Trapallada non só son da Coruña (o que xa sería moito), senón do mesmísimo bairro de Monte-Alto, orgullosa proa desa nave indomábel que día a día bate de fronte contra o Océano Atlántico. Pasado combativo, refuxio de artistas, camiño da Torre… un micro-universo baixo a sombra dun depósito de auga e o perenne son das gaivotas que deixa pegada se medras alí. Trapallada son Jorge, Pedro, Marcial, Rafa, Inés, Arnaud e Pablo. Despois de Trapallada: O Peor de cada Casa e 15002: Espíritu de Loita, veñen agora de presentar o seu novo e refulxente terceiro traballo: Pedras no Camiño.

En Malas Músicas falamos con Jorge e Pedro deste traballo e outras cousas que se nos ocurriron. Velaquí a conversa.

Malas Músicas: Graváchedes Pedras no Camiño a finais do 2011 nos Estudios Amil da Coruña: Como foi a gravación? Ficastes satisfeitos?

Jorge: A gravación comezamola no mes de novembro, e a verdade é que se prolongou mais do que nos tivese gustado. En xeral Amil fixo un gran traballo coa gravación e posteriormente Tomás Ageitos nas misturas axudou a mellorar algunhas cousas. Aínda que contentos co resultado, todo é mellorable e de cada disco aprendes que facer e que non para outros traballos. Tentamos non repetir erros do pasado e penso que o conseguimos. En xeral ficamos contentos.

Pedro: A nosa idea era facer unha gravación máis profesional, empregando máis tempo e medios. Contamos con grandes colaboracións: Xurxo Souto, os irlandeses (Caitriona, Ken e Pádraic) A presenza de máis instrumentos e ademáis a novidade de Rafa ao saxo alto e Jrenhas a batería, por outro lado Arnaud, o noso trombonista, que vive en Berlín, enviounos a sua parte via e-mail. Fran Amil foi un excelente guía en todo o proceso de gravación, temos que agradecerlle a sua paciencia e consellos, sen el “Pedras no Camiño” non existiría. Ficamos satisfeitos ca gravación, ainda que como ocurre xeralmente, un nunca queda de todo satisfeito e sempre pensa: igual podiamos variar un detalliño aquí, outro alí, en fin, cousas normales dentro da música e as gravacións supoño.

MM: Que diferencias atopades (se é que as hai) entre este novo traballo e o anterior 15002: Espíritu de Loita?

J: En “15002 Espirito de Loita” fixemos unha compilación de temas vellos que tiñamos na nosa primeira maqueta xunto con temas que fóramos creando dende aquela e quedounos un CD de 16 temas bastante heteroxéneo, tanto en son como en calidade musical. Neste disco as cancions son todas novas e feitas nun periodo de tempo mais curto. Quizais teña un toque mais melódico tirando mais cara o punk pero sen perder o ska, que é o estilo que mais nos representa.

P: Como comentaba antes, creo que a xente notará máis calidade no son en xeral, creo tamén que é un traballo máis homoxéneo que o anterior, hai que ter en conta que “Espírito de Loita” ten moitos temas compostos e gravados en diferentes anos, polo que evidentemente nótase a diferenza entre uns e outros, non é o caso de “Pedras no Camiño”. Por último penso que na nosa habitual mistura de ska con punk, neste caso a proporción de ska e máis grande que no anterior, dito de forma máis sinxela, é un disco máis festeiro, iso si, sen renunciar a nosa temática habitual nas letras e estilo trapalleiro e ademáis aportamos novos matices balcánicos, irlandeses, surf…

MM: Conta Pedras no Camiño con varias colaboracións de luxo, mais chama especialmente a atención ese intre poderoso de comunión pancéltica tanto en nomes coma en intrumentos. Faládenos un pouco de cómo surxiu e como se levou a cabo esta idea.

J: Pedro, o noso baixista , xoga o fútbol gaélico e conseguiu liar a uns compañeiros do equipo que estaban estudando de Erasmus en Coruña. Propusémosllo e o resto foise dando no estudio. Nós tiñamos certas ideas, pero deixámoslle carta branca para colaborar co que lles parecese oportuno. De esta colaboración saiu o tema “Eterna noite de pedra”, onde ademais colabora Xurso Souto coa sua voz poderosa. A verdade é que foi un luxo contar con todos eles e a experiencia foi moi positiva.

P: A verdade é que nesta parte teño bastante “culpa”, son un gran seguidor do chamado irish-punk, dende os comezos cos Pogues, ata hoxe en día con bandas como Flogging Molly ou Dropkick Murphy’s. Por outro lado coñecín a estos tres irlandeses que mencionaba antes xogando ao fútbol gaélico, o deporte nacional irlandés por excelencia, no equipo dos Fillos de Breogán da Coruña, así que todo foi tomar unhas pintas con eles, e enterarme de que tocaban acordeón, concertina, uillean pipe, tin whistle, etc. Polo que penséi en coller unha canción tradicional irlandesa, neste caso “The Rare Auld Times”, e versionala, ca aportación destes 3 grandes músicos, e a gorxa do mestre Xurxo Souto, así surxiron tanto “Eterna Noite de Pedra” como os dous interludios taberneiros.

MM: Como se organiza Trapallada á hora de parir unha canción? Quen pon as letras, quen a melodía…?

J: No que se refire as letras a maioria son miñas, pero sempre coa colaboración dos demais. Se algo non nos convence a todos cambiámolo ou adaptámolo. As melodía teñen algo máis de complexidade. Ás veces un tema comeza por unha base rítmica que se lle ocorreu ao baixo. Aínda que na maioría partimos da base ritmica das guitarras. E da melodía dos ventos encárganse Rafa (Saxo alto) e Inés (Trompeta).

P: As letras son exclusividade de Jorge, aínda que é certo que as veces suxerímoslle por onde nos gustaría que tirase a temática da canción. Tamén quero mencionar a Iván García Campos, escritor e amigo que fixo a letra da “Revolución Pendente”. No tema da melodía xa aportamos máis todos, aínda que xeralmente a base a trae Jorge xa ca letra e despois imos modificando o tema en conxunto.

MM: A vosa música orbita principalmente arredor do ska e do punk. Aínda que sodes unha banda de sete compoñentes, cales son os vosos comúns denominadores, as bandas de referencia das que todos gustades?

J: As referencias son moi variadas. Temos gustos musicais dispares. Hai quén lle molan bandas do tipo de Rage Against The Machine, Queens of Stone Age, etc….e logo a base común de todos é o ska, punk, reggae, oi!…O principio as nosas grandes referencias eran Kortatu, Diplomáticos, Xenreira,etc… e aínda que as seguen sendo pouco a pouco evolucionamos buscando o nóso propio son, pero sempre tendo presente a base do ska e o punk.

P: Pois creo que todos admiramos a grupos como Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos, Lamatumbá, Xenreira, Dandy Fever, Kortatu, Manu Chao/Mano Negra, Skatalites e moitas máis.

MM: Que outras bandas galegas actuais destacaríades?

J: Cada un de nos diriache unha ou varias porque en Galiza hai nestes momentos moi boas bandas. Eu, persoalmente, estou escoltando moito a Bastards on Parade, Falperrys e Skarnio como gran referente.

P: Agora mesmo as miña bandas galegas favoritas son Samesugas e Bastards On Parade, principalmente.

MM: E xa para rematar: Tedes xa confirmadas datas para vindeiros concertos?

J: Temos aínda algunha sen confirmar. Confirmada temos o 21 de Xullo en Narón: Festival da Terra e da Lingua, xunto con Betagarri e Cuchufellos. En setembro hai algo polo baixo Miño e esperamos que sain moitas máis.

P: Ademais do “Festival da Terra e Lingua” temos pensado presentar o novo traballo por todo o país ao longo deste ano.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: