MULLET: salmonete

26 Xul

pica na imaxe se desexas escoitar o disco

Para o meu persoal abraio o pasado sábado pola mañá, unha mañá límpida e luminosa de xullo, dispúñame a gozar dunha agardada xornada praieira; coas lagañas habitando aínda no contorno dos meus ollos decidín aproveitar o tempo do almorzo, xa na sala, polo que procurei en google o bandcamp de Mullet (banda formada por Óscar Vilariño, Raúl García e Olalla Caamaño, cos nomes de guerra de Burguer, El Ano e Bragochas) e, saboreando un gorentoso té inglés con leite, relaxado e ausente, elixín como banda sonora Salmonete (Ediciones Efepé, 2011).

Noutras ocasións tentara xa (sen excesivo éxito) achegarme positivamente á musica destes lugueses. Porén, atribuín este fracaso ao meu artificial interés derivado das “excesivas” loanzas e recomendacións dun amigo meu cara a súa música “conceptual”, “experimental”, “libre”… Xa que eu con estas cousiñas adoito andar con moito tino.

Mais esa mañá todo cambiou. Estaba no meu salón. A luz entraba pola xanela e ouvíase remoto o rumor do mar a bater incansábel contra as rochas que sustentan a torre. Escoitei Salmonete sen esixencias, deixando inconscientemente que fose a música a que se achegase a min en lugar de forzar eu a incursión nos temas. Comezou a internarse polos meus poros cando ía xa fóra a metade de Yo Confieso, o seu primeiro primeiro tema.

A experiencia foi agradábel e potente, así que seguinlle o rollo. Con Hola Rafaella! apropiouse xa de min, provocándome reaccións corporais manifestamente físicas. Puerto del Sonido e Congelados y Mascotas alumearon o camiño cara a catarse,  a purificación emocional, corporal, mental e espiritual. Vaya si entiende freou esa viaxe cara o abismo emocional (e lembroume que eu tampouco entendo “un cagao” de bricolaxe). Aínda que tan só foi unha desaceleración temporal, xa que as breves Pequeño Cohete Dirigiéndose hacia tu Padre e Curas + Mierda = 2 volveron arrastrarte cara o remuíño da liserxia, a distorsión e a mala baba. Sobre todo a segunda, co seu final estilo Hare Krisna. Non gustei tanto de Pelo o Camiseta, paranoica e teimuda distorsión capaz de crisparme os nervios. Teño que dicir que preferiría non ter escoitado almorzando El Dilema de Margarita, o tema que fecha o traballo. A música non está mal, mais non era hora nin lugar de escoitar segundo que teorías.

Hoxe, mentres escribía estás liñas, volvín escoitar Salmonete tentando basearme naquel intre matunino.  Comprobei que a complexidade da mente unida aos axeitados estímulos, por moi estraños que estes ás veces nos parezan, son quen de facernos viaxar alén das nosas realidades, complexos e prexuízos. Bravo!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: