Arquivo | concertos RSS feed for this section

ANIVERSARIO DE 1,2,3,4!!!!

10 Mai

Hoxe desde Malas Músicas queremos anunciar un evento poderoso e xubiloso a partes iguais: a festa do primeiro aniversario da web  1, 2, 3, 4!!!!  O día 25 de abril de 2011 esta páxina de actualidade e antigüidade musical iniciou a súa andaina, na que nos recrearon con información e opinión sobre as súas bandas favoritas de aquí de de aló. O vindeiro sábado 12 de maio celébrano en na viguesa Sala Playmóvil. Deixámovos a información da súa propia man sobre o evento (quen mellor que eles para falarvos do que andan a argallar). Nós pola nosa parte só dicir:

MOITOS PARABÉNS!!!!

FASENUOVA + MALANDRÓMEDA
Sala Playmovil (Antiguo Vademecwm) – Vigo
Sábado 12 de mayo
23:00 h.

Entrada: 6 €

 1, 2, 3, 4!!!! Despois dun ano de actividade no que temos achegado ata a nosa terra a algúns dos artistas de fóra que máis nos gustan e tamén ter difundido as músicas das formacións galegas que máis admiramos, agora celebramos o noso primeiro aniversario e para festexalo temos preparada unha velada moi especial con dous pratos do máis suculento.

Por un lado, representando o que se fai aquí, estarán Malandrómeda, o dúo compostelán que cada día lle dá unha volta máis á súa espiral; Hevi e Caldeirada rebasan as barreiras da estratosfera do rap, dando forma á unha das mellores mesturas de estilos que se viu nunca na civilización occidental. E dende  Asturias, temos a Fasenuova, que despois de case 20 anos de proxectos diversos, culminaron no 2011 un dos discos máis impactantes, salvaxes e poéticos da historia da música rock en castelán, e sen usar guitarras.

MALANDRÓMEDA levan xa seis anos publicando as súas creacións en varios 7”, 10” e 12” nos que Hevi  (o mellor MC do estado?) esculpe rimas cheas de loucura que mesturan o autóctono e o universal sobre vellos beats porcallentos aos que Caldeirada mete mán por diante e por detrás. Atrévense con todo con tal de menear a mente do espectador, churrasco sonoro con rocanrol, cumbia atlética, métrica canalla e experimental, unha festa malandrómica chea de graves e delay.

FASENUOVA pola súa banda nacen coma unha evolución natural doutras formacións anteriores nas que Ernesto Avelino e Roberto Lobo liberaban as súas paixóns polo ruido, a retroalimentación e os sóns industriais. O seu aclamado “A la quinta hoguera” (Discos Humeantes, 2011) supuxo a culminación a toda esta traxectoria, unha alegoría dos misterios da vida, do amor, a morte e a linguaxe que conectan ó ser humano có descoñecido, coma se dun libro de poemas se tratase, xograresco e industrial ó mesmo tempo. Pop con espiñas perfecto para desatar os instintos máis primitivos de calquera mente. Ninguén colocara antes o ruido nun lugar tan carnoso, coma se do más puro rock’n’roll se tratase.

10º aniversario de Ataque Escampe

24 Abr

En que ano foi? Teño unha memoria pésima, sobre todo para as datas. Coido que foi na Semana Santa do en apariencia afastadísimo 2009 cando percorrimos a estrada entre Edimburgo e Inverness, un camiño conformado por rectas eternas que, a medida que a latitude viraba máis norte, trocaba as verdes pradeiras nas que pacían, tranquilas e ausentes, as famosas ovellas escocesas, por unha paisaxe máis escarpada e salvaxe, cun verdor escuro nas cotas máis baixas e as montañas cubertas de neve.

Naquel carro alugado de volante invertido viaxabamos catro galegas e unha francesa rubia; esta fora agasallada, como lembranza das súas compañeiras de odisea, co CD que soaba no reproductor e que, co paso dos quilómetros e das repeticións, até ela mesma era quen de tatarexar. “Galicia es una mierda” foi a banda sonora daquela viaxe, e cada unha de nós tiña un tema favorito para o que reclamaba a honra merecida esixindo un aumento do volume no intre preciso da súa reproducción. Había para todos os gustos: unha siareira incondicional da pegadiza consigna que nomea o álbum, unha namorada do Serafín que desexaba no seu interior que este lle falase en inglés, outra de gustos máis bizarros que se declaraba a prol de Nadina, empoleirada ao máis alto do podio por preguntarse “canto amor cabe no rock en basco”. A francesa semellaba gustar de todas e non entender ningunha. A miña favorita seguía a ser A Granxa de Alexandre e a súa atmósfera de suor e desacougo animal. Eu sonche así, misteriosa e policromática.

Toda esta prédica ben a conto dun concerto, o que celebrou o décimo aniversario dos Ataque Escampe o pasado 20 de abril na Sala Moon  de Compostela, e ao cal non puiden asistir malia desexalo moito. Unha mágoa. Talvez no 15 aniversario, ou no 20 non teña compromisos ineludíbeis que impidan a miña presencia. Aínda que non lin (polo de agora) ningunha crónica sobre o mesmo, coido que tampouco debeu notarse en demasía a miña falta, xa que confío na existencia de varias ducias (xa non digo centos nin milleiros) de persoas con bo criterio musical, acorde aos tempos de tan magnífica serie B que estamos a vivir; a existencia dun feixe de heroes calados do resistencialismo musical que se declaren siareiros dun grupo que promete continuar ata que escampe a treboada, que como promesa xa non é pouco poidendo só laiarse, ben fodidos, e berrar: “outra vez caldo!”. A cousa non é sinxela! Pois deben (e debemos) estar preparadas para que o que en aparencia pode semellar o noso mellor aliado baixo a chuvia se transforme, polas malas artes dun refacho de vento, nunha caste de paraugas asasino que persiga con saña arrincarnos un ollo da súa conca e deixarnos co aspecto dun zombie sacado dun vello filme de Ed Wood. Así, mollados e cun ollo de fóra, rematariamos por inchar os nosos pulmóns como se o fol dunha gaita se tratase e berrarmos, resentidos: Una mierda, Galicia es una mierda! E xa se sabe que todas aquelas que vivimos esa epifanía de auto-noxo decidimos marchar de aquí; mais non coma antes, nun Seat 600 cheo de xamón, chourizos e garrafas de aceite para ir á procura de cartos á Suiza ou á Alemaña; agora a nosa grande evasión comeza sempre almorzando no buffet do restaurante de Lavacolla. E así pasará unha década antes de decidir por de novo os pés na terriña. Dez anos cargados da violencia estructural que asulaga a sociedade da Europa Central, onde por mor da grande depresión actual e a prohibición do Prozac, pasamos de seren os simpáticos amigos do sur a unha sorte de novos turcos que comen porco e berran ailalelo (ailalalo).

Pregúntome que sería daquel CD… na viaxe de volta desde aquela septentrional vila escocesa até a senlleira Edimburgo non voltou soar, diso estou seguro. Talvez a cabrona da gabacha non gustaba realmente do disco e, durante a noite, agochou o seu agasallo no fondo do macuto. Talvez agora esté pendurado da pola dalgunha maceira dalgunha leira dalgunha vila da Lorena espantando paxaros (aínda que dubido que os franceses teñan esa capacidade para a reciclaxe creativa que temos nós). Heille preguntar á moi cadela, non fico coa dúbida!

Axenda de Concertos Marzo

29 Feb

Xa está aquí a axenda de concertos do Malas Músicas para o mes de marzo. Lembrade que se queredes publicitar algún directo ou corrixir algo do aquí anunciado podedes porvos en contacto connosco a través do enderezo malasmusicasweblog@gmail.com

1 de marzo, xoves:

– Karysum (A Reserva, Carballo)

– Skarmento + Rejected Youth (Sala Moon, Compostela)

– Cooper (Sala Capitol, Compostela)

2 de marzo, venres:

– Nacho Vegas (CC Ágora, A Coruña)

– Los Deltonos (Mardi Gras, A Coruña)

– Ith (O Recuncho, Arzúa)

– Sés (Pub D´Antón, A Laracha)

– Soziedad Alkoholika + Twenty Fighters + Primitive (Sala Capitol, Compostela)

– Los Pilotos (Sala Karma, Pontevedra)

– Os Vacalouras (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Coque Malla (El Ensanche, Vigo)

– Verry Brava (La Iguana Club, Vigo)

– Dr. Queen (Sala La Vaca, Ponferrada)

3 de marzo, sábado:

– Esquelas + Ocler Delalün II (Sala Filomatic, A Coruña)

– Nhió! + Txistpunk (CSOA de Palavea, A Coruña)

– Coque Malla (Le Club, A Coruña)

– Eric Fuentes & El Mal (A Reserva, Carballo)

– Zurrumalla (A Rebusca, Manzaneda)

– Heredeiros da Crus (Disco LP, Ordes)

– Sés (Actos pola Igualdade, Teo)

– Luís Eduardo Aute (CS Caixanova, Pontevedra)

– Nacho Vegas (Teatro Principal, Ourense)

– Skarnio (CS A Revolta, Vigo)

– Dawes + Robert Ellis (La Iguana Club, Vigo)

4 de marzo, domingo:

– Leilía Consentimento (Auditorio, Ourense)

6 de marzo, martes:

– José Lovano (Auditorio de Galiza, Compostela)

7 de marzo, mércores:

– Phantom Club + Los Mighty Calacas (Sala Capitol, Compostela)

8 de marzo, xoves:

– La Familia Árbol (Cachán, Compostela)

9 de marzo, venres:

– Telephones Rouges + Ocler Delatün (Sala Moon, Compostela)

– Dios Ke Te Crew (Aturuxo, Boiro)

– The Soul Jacket (La Iguana Club, Vigo)

– Templeton (Mondo Club, Vigo)

– La Familia Árbol (La Casa de Arriba, Vigo)

– The Brew (Sala La Vaca, Ponferrada)

10 de marzo, sábado:

– La Familia Árbol (Café Maltés, Ferrol)

– Terbutalina + Kasoaparte (CSOA de Palavea, A Coruña)

– Sés (Sala Garufa, A Coruña)

– Templeton (Sala Karma, Pontevedra)

– The Brew (Auditorio Municipal, Ourense)

– Telephones Rouges + Wild Balbina (Sala Mondo, Vigo)

– Crisix + The Eyes (Sala La Vaca, Ponferrada)

11 de marzo, domingo:

– The Brew (Clavicémbalo, Lugo)

13 de marzo, martes:

– Willie Nile (Le Club, A Coruña)

16 de marzo, venres:

– Ataque Escampe (Dublín, Carballo)

– The New Raemon + Francisco Nixon + Ricardo Vicente (Café&Pop Torgal, Ourense)

– Shotta (La Iguana Club, Vigo)

17 de marzo, sábado:

– Unicornibot + Lendrone (Sala Filomatic, A Coruña)

– Shotta (Le Club, A Coruña)

– The Sadies (Mardi Gras)

– Sés (CS Artabria, Ferrol)

– Dios Ke Te Crew (Aturuxo, Bueu)

– Bakin Blues Band + Mama Funko (Sala Capitol, Compostela)

– Porretas (Sala La Vaca, Ponferrada)

18 de marzo, domingo:

– Simon Finn con Joolie Wood + Maja Elliott (Current 93) (Teatro Principal, Compostela)

– Tony MacAlpine + Daniel Piqué + Agent Cooper (El Infierno, Vigo)

– Leiva (Sala La Vaca, Ponferrada)

21 de marzo, mércores:

– Palabra de Muller: Rebeca Jiménez + Cardigan Bridge + Jane Joyd + Patricia Moon (Teatro Principal, Compostela)

22 de marzo, xoves:

– Grupo de Expertos Solynieve (Sala Capitol, Compostela)

– Ludovico Einaudi (Centro Cultural Caixanova Teatro, Vigo)

23 de marzo, venres:

– Terbutalina + Familia Caamagno (La Radio, Compostela)

– Grupo de Expertos Solynieve (Mondo Club, Vigo)

24 de marzo, sábado:

– John Cale (Palexco, A Coruña)

– Iván Ferreiro (Sala Capitol, Compostela)

– Terbutalima + Novedades Carmiña + Telephones Rouges (Sala 600, Melide)

– Sés (Bar A Ventana, Laxe)

– Dios Ke Te Crew (Sala Karma, Pontevedra)

– Unicornibot + Haecceidad (Café Cultural Auriense, Ourense)

– Keltoi + Falperrys (Torreiro da Festa, Vigo)

– Cosmen Adelaida + Mendetz + Pin&Pon djs (La Iguana Club, Vigo)

28 de marzo, mércores:

– Mark Lanegan (Sala Capitol, Compostela)

29 de marzo, xoves:

– Low + Rauelsson (Sala Capitol, Compostela)

30 de marzo, venres:

– Maryland (Café&Pop Torgal, Ourense)

– Capsula + Luger (Sala La Vaca, Ponferrada)

31 de marzo, sábado:

– Sés (Pub A Ceca, Santa Comba)

– Ruxe Ruxe + Medomeda (Sala Capitol, Compostela)

– Linda Guilala + When Nalda Became Punk (Liceo Mutante, Pontevedra)

Un concerto para esta fin de semana: MACHINA + BERRI TXARRAK

10 Feb

Podedes procurar na Axenda Febreiro de Malas Músicas un concerto para esta fin de semana que se adapte ao voso gusto musical, circunstancia xeográfica ou mesmo situación económica. Mais a nosa proposta para gozar do que promete ser un impresionante doble directo é: Machina + Berri Txarrak, na Sala Capitol (Compostela).
Machina é unha banda de Cerceda que levan xa dez anos espallando polo mundo o seu hardcore cantado en galego. Despois de varios cambios, no ano 2006 chegan a súa configuración actual, formada por Gonzalo, Anxo, Martín e Ángel. Despois dun primeiro EP, Acouga (2007), no 2009 publican o que será o seu debut no longa duración: Post-Bravú. No 2010 Machina xa acompañaran os Berri Taxrrak na xira galega de presentacíón do seu disco Payola.
Machina están a piques de presentar o seu terceiro traballo discográfico e o seu segundo LP, Ensaio sobre o Silencio. O pasado 8 de febreiro presentaron na Radio Galega Apandar, primeiro adianto deste novo traballo. Ensaio sobre o Silencio foi producido por Pablo Iglesias, responsábel dos traballos de bandas como Lagartija Nick, Killer Barbies ou The Blows.

Berri Txarrak (Malas Noticias en euskera) é unha banda formada en 1994 en Lekunberri (Nafarroa). Nos seus primieros traballos (Berri Txarrak, Ikasten e Eskuak/Ukabilak) mesturaban punk, hardcore e metal alternativo, mais a partir do seu disco Libre © a compoñente melódica foi gañando traballo tras traballo, facéndose máis evidente en Jaio.Musika.Hil, disco que presentaron en directo por todo o mundo, levándoos mesmo a talonear a Rise Againts no ano 2007. Deste primeiro contacto surxiu a colaboración con Tim McIlraht, vocalista da banda de Chicago, nun par de temas de Payola, o seu sexto disco.

Nesta xira presentarán, ademais dos seus clásicos, os temas de Haria (Kaiowas Records), o último traballo até o de agora dos navarros e que viu a luz o pasado 2011.

Lugar: Sala Capitol (Compostela)
Prezo: Anticipadas 12,00 € / Despacho de billetes 15,00 €
Apertura de portas: 20:30
Comezo do concerto: 21:15

 

Un concerto para esta fin de semana: Los Santos + Le Cûl

3 Feb

Chegamos sans e salvos á sexta feira (yahooooo!) polo que temos unha nova fin de semana por diante. “Buf, non sei” dirán algúns “e que vai un frío do carallo, é máis: un frío siberiano do carallo”. Pois non, esa non é a actitude; contra o frío: rock´n´roll! E non será por que falten propostas, algunha das cales podédelas consultar na Axenda de Concertos Febreiro aquí, no Malas Músicas.
Mais como por desgraza non posuímos o don da ubicuidade, temos que escoller. Para a noite do sábado a nosa proposta anticonxelante é a acción conxunta de dúas bandas: Los Santos e Le Cûl, que vos darán dúas posibilidades para espantar os aires siberianos: ou bailades, o vos corren o frío a ostia limpa!
A cita é no Garufa (r/ San Francisco 8. Cidade Vella-A Coruña) a partir das 23:30 horas.
Para animarvos a deixarvos caer por alí lembramos o que xa a estas alturas todos deberiades saber: Los Santos naceron en Sada e autodenomínanse “a mellor banda de rock and roll de Galiza”; levan arredor de catro anos paseando os seus tres acordes “alí onde nos paguen máis de 150 euros” co obxectivo de “desbancar aos Rolling Stones, xa que estes non son tan bos como se di”. Consideran que a escena musical galega “fede” e as súas influencias van “desde Cañita Brava a G.G. Allin”. Los Santos están formados por Cucaracha (guitarra e voz), Bule Bule (batería) e o misterioso The Phantom Ripper (baixo).
Le Cûl son unha banda de punk-pop que, segundo as súas propias palabras, se xuntaron unha tarde “para zafarlle 400 pavos ao Concello de Chantada”. Son frescos, irreverentes, guapos e derrochan actitude. A súa aliñación titular está formada por Lúa (baixo e canto coral), Javi (Sintetizadores e voces), Luis (Guitarra), Sálamo (ruídiños) e Iván (batería).
Coma sempre Malas Músicas só propón, e en ningún caso se responsabiliza do que alí poida pasar.

Febreiro, os concertos que veñen

27 Xan

Estes son algúns dos directos dos que poderemos gozar neste mes de febreiro que está a piques de comezar. Lembrade que se queredes publicitar algún directo ou corrixir algo do aquí anunciado podedes porvos en contacto connosco a través do enderezo malasmusicasweblog@gmail.com

2 de febreiro, xoves:

– The Gift (Teatro Principal, Compostela)

– Snatch (Glasgow, Sanxenxo)

3 de febreiro, venres:

– Silvia Penide (Sala Garufa, A Coruña)

– Smile (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Carlos Chaouen + Cesar de Centi (Le Club, A Coruña)

– Leilía (Teatro Rosalía, A Coruña)

– Warhead + Bulldozer (Sala Filomatic, A Coruña)

– Cats and Monkeys (Club Cachán, Compostela)

– Ellos y las Orgánicas (La Iguana Club, Vigo)

– Polock (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Dúo Kie (Sala La Vaca, Ponferrada)

4 de febreiro, sábado:

– Anterga + Mimo (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Le Cûl + Los Santos (Garufa, A Coruña)

– Sidonie (Sala La Vaca, Ponferrada)

6 de febreiro, luns:

– Instrumental… Querido Watson (A Reixa, Compostela)

– Duo Kie + Track Asedio + Bertoh, Senico & DJ.Frasi + As (El Infierno, Vigo)

– Zenttric + DJ Mister Teaser (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Kain + To Nowhere + Skydancer (La Iguana Club, Vigo)

– Kambotes (Besto Bravo, Chantada)

– Nhio + Santos Morcegos (Pub Carteles, Ferrol)

7 de febreiro, martes:

– The Fleshtones (Sala Mardi Gras, A Coruña)

8 de febreiro, mércores:

– The Last Vegas (Sala Mardi Gras, A Coruña)

–  The Fleshtones (Sala Moon, Compostela)

9 de febreiro, xoves:

– Rivulets (Cachán, Compostela)

– Misfits (Sala Capitol, Compostela)

– B.B. David & The Smokers (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

10 de febreiro, venres:

– Big City + Artista Invitado (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Corizonas (Sala Capitol, Compostela)

– Franc3s + Sector de Agitadas (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Fantasmage + Srasrsra (La Iguana Club, Vigo)

– Dakidarría + Skandalo Gz (Sala Nueve Nueve, Ponteareas)

11 de febreiro, sábado:

– Russian Red + Jane Joyd (Centro Cultura Ágora, A Coruña)

– Pülsar + Elvira (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– The Buzzos (A Reserva, Carballo)

– The Idan Raichel Project (Auditorio de Galiza, Compostela)

– Machina + Berri Txarrak (Capitol, Compostela)

– Hamlet (Mondo Club, Vigo)

– Eladio y los Seres Queridos (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Ñu (Sala La Vaca, Ponferrada)

12 de febreiro, domingo:

– Thin Lizzy (Sala Capitol, Compostela)

15 de febreiro, luns:

– Algodón Egipcio (La Casa de Arriba, Vigo)

16 de febreiro, xoves:

– Tarja (Sala Capitol, Compostela)

– Leilía (Auditorio Gustavo Freire, Lugo)

17 de febreiro, venres:

– Samesugas + The Fuzzbombs (Sala Mardi Gras, A Coruña)

– Nada Surf + Maryland (Sala Capitol, Compostela)

– Telephones Rouges + Disco Las Palmeras! + Colectivo Oruga (Sala Karma, Pontevedra)

– II Air guitar Contest – Bacstage (La Iguana Club, Vigo)

18 de febreiro, sábado:

– Sidonie (Sala Capitol, Compostela)

– Pito de Pikasso + SinArreglo (Sala Moon, Compostela)

– Linda Guilala + When Nalda Became Punk (Playmovil, Vigo)

– Dune + Dr. Bourbon + Xeomantica (La Iguana Club, Vigo)

20 de febrero, luns:

– The Vegabonds (Sala Mardi Gras, A Coruña)

21 de febreiro, martes:

–  Sights & Sounds + Constants (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

22 de febreiro, mércores:

– Circio (Teatro Principal, Compostela)

– La Pegatina (Café Cultura Auriense, Ourense)

23 de febreiro, xoves:

– La Pegatina (Sala Capitol, Compostela)

– Bigott (Cafe & Pop Torgal, Ourense)

24 de febreiro, venres:

– Nach  (Ola Green, A Coruña)

– Silvia Penide (Sala Clavicémbalo, Lugo)

– Standstill (Sala Capitol, Compostela)

– La Pegatina (La Fábrica de Chocolate, Vigo)

– Bigott (Mondo Club, Vigo)

– Saldos Arias + Rocking for Tangas (La Iguana Club, Vigo)

– Kambotes (Pub Osíxeno, Celanova)

25 de febreiro, sábado:

– Bigott (Le Club, A Coruña)

– Kiko Veneno + Iván Ferreiro (Teatro Jofre, Ferrol)

– Tora Tora Tora + Fantasmage + Los Cafres (Sala Karma, Pontevedra)

– Diamond Dogs + Artista Invitado (Sala Capitol, Compostela)

– Silvia Penide (Café La Historia, Vigo)

– Oker + Soldier + 2 bandas locais (La Iguana Club, Vigo)

– Nach (Mondo Club, Vigo)

– Soziedad Alkoholika (Sala La Vaca, Ponferrada)

29 febreiro, mércores:

– Neuman (La Kasona, Pontevedra)

NANCYS RUBIAS NO PLAYA CLUB (a coruña 20/01/2012): merda catódica

23 Xan

Tiven a tentación de comezar o post procurando algunha escusa coa que xustificar a nosa presencia o venres ás 00:30 horas no Playa Club: sentounos mal a hamburguesa e tivemos que entrar a vomitar, botáronos droja no colacao ou mesmo que a cidade se inclinara e caéramos alí. Mais imos ser un pouco afoutos, supoño que acudimos atraídos por unha curiosidade morbosa para asistir en directo (ai, que escacho co riso!) á revelación do fenómeno mediático. A penitencia xa a pagamos de sobra.
Unha reflexión: se Mario Vaquerizo interpreta full-time un papel, hai que recoñecerlle o seu esforzo e profesionalidade, pois ten moito mérito manterse dentro da pel dun oligofrénico terminal vintecatro horas ao día e sete días á semana. Se non o interpreta e realmente é o que se ve, deberiamos pensar en lobotomías masivas ou campañas estatais de esterilización, porque empoleirar á condición de star of entertaiment a semellante macaco anoréxico é para que esta sociedade comece un éxodo colectivo e consciente cara a súa extinción.
Mais hoxe estou positivo e quero dicir tamén algo positivo do espectáculo: foi curto, apenas un cuarenta minutos de tedio e ridículo. Polo demáis que dicir: unha banda que non toca conformada por un guitarrista con pose ramonil, unha tipiña en roupa interior a aporrear un triángulo en pleno furor epiléptico, un macarra con gafas de sol apoiado nun teclado e a rock-star máis cutre que abortou ninguén dando tumbos despistado polo escenario adiante, que o único que provocaba era herpes nas retinas e que nin sabía mover a tempo a boca para seguir o play-back.
Do repertorio non vou falar, pois nin moito menos era o peor da noite. Iso si, en tan delirante posta en escena alguén se trabucou varias veces ao darlle ao botón, e comezaban cancións que non debían comezar nese intre e mesmo repetiron temas de xeito case continuado. Un cromo!
Non condeno para nada a ausencia de virtuosismo, moitas bandas xeniais eran uns auténticos patáns coma músicos ou letristas (be-ba-bu-lu-ba, she’s my baby…), así que non é ese o pecado que lles atribúo. Nin sequera (mirade o que vos digo) que toquen en play-back, circunstancia que nunca negaron e da que mesmo están orgullosos. O peor é a falta total de contido da proposta, non é música (é evidente), non é humor (non ten graza), non é teatro, nin cabaret… en resumo, é un enorme zurullo conceptual e unha tomadura de pelo cósmica. Mais aí están, estirando a goma do negocio! E xa levan uns cantos anos.

Nota: 0/10
O que máis nos presta: O malo se breve
Semellanzas: algún choqueiro borracho da rúa da Torre