Arquivo | entrevistas RSS feed for this section

Entrevista con Mack Paramo

19 Xul

Unha das raras avis máis prolíficss do panorama musical galego presentou novo traballo: Martín González aka Mack Paramo aka Mack “Barracuda” Paramo. O que outrora fora vocalista e guitarra de Zoophilia e actual membro de Los Thyssen leva xa sacado xa varios disparos no que vai deste 2012: Sounds Of… (febreiro), Lover Dude (xaneiro), Electric Hair (maio), The Mack Paramo EXP (xuño) e Barracuda, o último. En Malas Músicas quixemos falar con el, e isto é o que nos contou:

Malas Músicas: Para comezar con bo pé, explícalle á xente de que vai o teu último traballo: Barracuda, asinado como Mack ”Barracuda” Paramo Fuzzy Blues.

Mack Paramo:   Por comodidade á hora de poder levar a miña musica o directo, convertinme nun home orquestra, tocando guitarra, armonica, kazoo, bombo, pandereta e cantando.  A miña musica basase no delta blues, no garage punk, no rockabilly e no swamp blues.   Mack querevos moito e desexabos un bo nadal.

MM: Pode que sexas unha das figuras máis prolíficas da música galega? De onde sacas tanta creatividade (e tanto tempo tamén, claro)?

MP: A creatividade…non sei de onde a saco, supoño que nacin con ela, aínda que hai cousas que me inspiran, como a priba e as chicas bonitas.  O tempo que teño son os ratos libres, pois traballo 8 horas e media diarias e so teño libre os sábados pola tarde e domingos.

MM: Ademais do teu traballo en solitario es unha das patas desa mesa chamada Los Thyssen e participaches antano nos xeniais Zoofilia: mellor só ou acompañado?

MP: Non eramos Zoofilia eramos Amphibius, uns adolescentes desfasados o borde do alcoholismo.  Creo que mellor acompañado sempre que se compartan os mesmos gustos e que a todos lles apetezca tirar polo mesmo camiño. Se hai discusións e líos e mellor estar so que a desgusto.

MM: De onde ven o nome de Mack Paramo (se é que ven dalgures)?

MP: Mack Paramo ven das antípodas.

MM: Gustaríanos saber como é o proceso creativo de Mack Paramo. Parte da improvisación ou é un proceso máis estructurado?

MP: En Mack ”Barracuda” Paramo Fuzzy Blues, algunhas cancions son compostas con dias de antelacion, outras xa as tocaba con zoofilia-a-a, e o resto xurden mentras me deixo levar. Con Mack Paramo o meu proceso de creación e o seguinte: toco a guitarra 5 minutos e penso – esto esta way – despois fago un ritmo co ordeñador ou co que teña a man, gravo a guitarra ritmica e despois o resto. Algunhas veces as cancións xa lles levaba dando voltas un tempo ou compóñoas mentres a xente o pasa ben de festa e eu estou calado mirando ao baleiro.

MM: Semellas moverte no blues máis clásico (principalmente na túa faciana como “Barracuda”), máis tamén picas no punk, surf, funk, moita liserxia…: que música escoita Mack Paramo e cales son as súas principais influencias?

MP: Pois adoito escoitar blues dende os anos 20 ata os 40, rockabilly, rythm & blues, garage, punk, blues punk chatarrero, rock & roll, psychedelia…  Como principais Influencias citaría a Muddy Waters, The Jimi Hendrix Experience , Johnny Winter, Slim Harpo, Johnny Thunders, New York Dolls, Charlie Feathers, Iggy &  The Stooges, Link Wray, Buddy Holly, Chuck Berry, Johnny Guitar Watson, Blind Willie Johnson, Blind Willie Mcteel, Robert Johnson, the velvet underground… e moitas máis cousas, son moi influenciábel.

MM:  Supoño que este proxecto persoal será difícil levalo ao directo, non?

MP: Pois non moito, só se trata de marcar un ritmo co bombo, e tocar a guitarra e a harmónica por enriba. A única complicación e perderte ou que o rollo que suxeita a harmónica se aflouxe e caia para abaixo, cousa que pasa constantemente e que me pon dos nervios.

MM: Destacarías algunha outra banda ou músico galego? (Non vale dicir Los Thyssen)

MP:  Pois para o meu gusto e por non querer ser un pelota, hai poucas cousas en Galicia que me molen realmente… Thee Boas, Thee Blind Crows, Tumbitas, SRASRSRA, Zoofilia-A-A e algunha outra cousa máis haberá.  Jrucho, Matitas Auch e Rubena Domingues son persoas creativas e de talento ás que respecto.

MM: E falando doutras bandas: como foi a experiencia no Galician Bizarre con Los Thyssen?

MP: Way, pero nestes momentos non me sinto identificado con isto e gustariame moverme por outros ambientes.

MM: E xa para rematar: Que carallo pasa no Grove?

MP:  Que pasa no Grove???? O JROVE E TOPE LUMPEN. Cabezas de cabalo que aparecen e desaparecen, estrañas caveiras que non son o que crees, Braulio, o volcán da Toxa, motoratos, maquinetos a máis non poder, un ambiente nocturno que vai máis aló do noxo, monólogos de merda, festivais horríbeis. Por sorte hai algo bo no Grove: Pimple, Tajo, os amigos que volven aló para pasar o verán, a miña familia, o monte do Sineiro, a guitarra que deixin, A Toxa Pequena, o Metropol, o Twist & Shout, Tule e Manita… Mentras poida non penso volver a vivir alí. Foi largarme dese burato e empezarme a ir ben as cousas.

Entrevista con Trapallada

17 Xul

Trapallada non só son da Coruña (o que xa sería moito), senón do mesmísimo bairro de Monte-Alto, orgullosa proa desa nave indomábel que día a día bate de fronte contra o Océano Atlántico. Pasado combativo, refuxio de artistas, camiño da Torre… un micro-universo baixo a sombra dun depósito de auga e o perenne son das gaivotas que deixa pegada se medras alí. Trapallada son Jorge, Pedro, Marcial, Rafa, Inés, Arnaud e Pablo. Despois de Trapallada: O Peor de cada Casa e 15002: Espíritu de Loita, veñen agora de presentar o seu novo e refulxente terceiro traballo: Pedras no Camiño.

En Malas Músicas falamos con Jorge e Pedro deste traballo e outras cousas que se nos ocurriron. Velaquí a conversa.

Malas Músicas: Graváchedes Pedras no Camiño a finais do 2011 nos Estudios Amil da Coruña: Como foi a gravación? Ficastes satisfeitos?

Jorge: A gravación comezamola no mes de novembro, e a verdade é que se prolongou mais do que nos tivese gustado. En xeral Amil fixo un gran traballo coa gravación e posteriormente Tomás Ageitos nas misturas axudou a mellorar algunhas cousas. Aínda que contentos co resultado, todo é mellorable e de cada disco aprendes que facer e que non para outros traballos. Tentamos non repetir erros do pasado e penso que o conseguimos. En xeral ficamos contentos.

Pedro: A nosa idea era facer unha gravación máis profesional, empregando máis tempo e medios. Contamos con grandes colaboracións: Xurxo Souto, os irlandeses (Caitriona, Ken e Pádraic) A presenza de máis instrumentos e ademáis a novidade de Rafa ao saxo alto e Jrenhas a batería, por outro lado Arnaud, o noso trombonista, que vive en Berlín, enviounos a sua parte via e-mail. Fran Amil foi un excelente guía en todo o proceso de gravación, temos que agradecerlle a sua paciencia e consellos, sen el “Pedras no Camiño” non existiría. Ficamos satisfeitos ca gravación, ainda que como ocurre xeralmente, un nunca queda de todo satisfeito e sempre pensa: igual podiamos variar un detalliño aquí, outro alí, en fin, cousas normales dentro da música e as gravacións supoño.

MM: Que diferencias atopades (se é que as hai) entre este novo traballo e o anterior 15002: Espíritu de Loita?

J: En “15002 Espirito de Loita” fixemos unha compilación de temas vellos que tiñamos na nosa primeira maqueta xunto con temas que fóramos creando dende aquela e quedounos un CD de 16 temas bastante heteroxéneo, tanto en son como en calidade musical. Neste disco as cancions son todas novas e feitas nun periodo de tempo mais curto. Quizais teña un toque mais melódico tirando mais cara o punk pero sen perder o ska, que é o estilo que mais nos representa.

P: Como comentaba antes, creo que a xente notará máis calidade no son en xeral, creo tamén que é un traballo máis homoxéneo que o anterior, hai que ter en conta que “Espírito de Loita” ten moitos temas compostos e gravados en diferentes anos, polo que evidentemente nótase a diferenza entre uns e outros, non é o caso de “Pedras no Camiño”. Por último penso que na nosa habitual mistura de ska con punk, neste caso a proporción de ska e máis grande que no anterior, dito de forma máis sinxela, é un disco máis festeiro, iso si, sen renunciar a nosa temática habitual nas letras e estilo trapalleiro e ademáis aportamos novos matices balcánicos, irlandeses, surf…

MM: Conta Pedras no Camiño con varias colaboracións de luxo, mais chama especialmente a atención ese intre poderoso de comunión pancéltica tanto en nomes coma en intrumentos. Faládenos un pouco de cómo surxiu e como se levou a cabo esta idea.

J: Pedro, o noso baixista , xoga o fútbol gaélico e conseguiu liar a uns compañeiros do equipo que estaban estudando de Erasmus en Coruña. Propusémosllo e o resto foise dando no estudio. Nós tiñamos certas ideas, pero deixámoslle carta branca para colaborar co que lles parecese oportuno. De esta colaboración saiu o tema “Eterna noite de pedra”, onde ademais colabora Xurso Souto coa sua voz poderosa. A verdade é que foi un luxo contar con todos eles e a experiencia foi moi positiva.

P: A verdade é que nesta parte teño bastante “culpa”, son un gran seguidor do chamado irish-punk, dende os comezos cos Pogues, ata hoxe en día con bandas como Flogging Molly ou Dropkick Murphy’s. Por outro lado coñecín a estos tres irlandeses que mencionaba antes xogando ao fútbol gaélico, o deporte nacional irlandés por excelencia, no equipo dos Fillos de Breogán da Coruña, así que todo foi tomar unhas pintas con eles, e enterarme de que tocaban acordeón, concertina, uillean pipe, tin whistle, etc. Polo que penséi en coller unha canción tradicional irlandesa, neste caso “The Rare Auld Times”, e versionala, ca aportación destes 3 grandes músicos, e a gorxa do mestre Xurxo Souto, así surxiron tanto “Eterna Noite de Pedra” como os dous interludios taberneiros.

MM: Como se organiza Trapallada á hora de parir unha canción? Quen pon as letras, quen a melodía…?

J: No que se refire as letras a maioria son miñas, pero sempre coa colaboración dos demais. Se algo non nos convence a todos cambiámolo ou adaptámolo. As melodía teñen algo máis de complexidade. Ás veces un tema comeza por unha base rítmica que se lle ocorreu ao baixo. Aínda que na maioría partimos da base ritmica das guitarras. E da melodía dos ventos encárganse Rafa (Saxo alto) e Inés (Trompeta).

P: As letras son exclusividade de Jorge, aínda que é certo que as veces suxerímoslle por onde nos gustaría que tirase a temática da canción. Tamén quero mencionar a Iván García Campos, escritor e amigo que fixo a letra da “Revolución Pendente”. No tema da melodía xa aportamos máis todos, aínda que xeralmente a base a trae Jorge xa ca letra e despois imos modificando o tema en conxunto.

MM: A vosa música orbita principalmente arredor do ska e do punk. Aínda que sodes unha banda de sete compoñentes, cales son os vosos comúns denominadores, as bandas de referencia das que todos gustades?

J: As referencias son moi variadas. Temos gustos musicais dispares. Hai quén lle molan bandas do tipo de Rage Against The Machine, Queens of Stone Age, etc….e logo a base común de todos é o ska, punk, reggae, oi!…O principio as nosas grandes referencias eran Kortatu, Diplomáticos, Xenreira,etc… e aínda que as seguen sendo pouco a pouco evolucionamos buscando o nóso propio son, pero sempre tendo presente a base do ska e o punk.

P: Pois creo que todos admiramos a grupos como Diplomáticos de Monte Alto, Papaqueixos, Lamatumbá, Xenreira, Dandy Fever, Kortatu, Manu Chao/Mano Negra, Skatalites e moitas máis.

MM: Que outras bandas galegas actuais destacaríades?

J: Cada un de nos diriache unha ou varias porque en Galiza hai nestes momentos moi boas bandas. Eu, persoalmente, estou escoltando moito a Bastards on Parade, Falperrys e Skarnio como gran referente.

P: Agora mesmo as miña bandas galegas favoritas son Samesugas e Bastards On Parade, principalmente.

MM: E xa para rematar: Tedes xa confirmadas datas para vindeiros concertos?

J: Temos aínda algunha sen confirmar. Confirmada temos o 21 de Xullo en Narón: Festival da Terra e da Lingua, xunto con Betagarri e Cuchufellos. En setembro hai algo polo baixo Miño e esperamos que sain moitas máis.

P: Ademais do “Festival da Terra e Lingua” temos pensado presentar o novo traballo por todo o país ao longo deste ano.

Entrevista a Terbutalina

31 Mai

Terbutalina é unha banda de gastropunk creada en Muros no 2010 e integrada por cinco asmáticos: Miguel (cantante), Mon (guitarra e voces), Brais (teclado e voces), Samuel (baixo e voces) e Carlos (batería). Teñen como lema “O punk morreu e comémolo nos”. E pode que así sexa; comérono sen pasar sequera pola depuradora, sen capar, cheirando ao bravo. A comezos do 2012 decidiron fuxir a Portugal e alí gravaren un EP chamado Hostias Para Todos, cunha aquelada capa deseñada por Arinspunk e o vídeo do tema Suisidarse acompañando a súa presentación. Desde o pasado 24 de maio pódese escoitar ou descargar desde estas webs:

http://terbutalina.bandcamp.com/releases

terbutalina.blogaliza.org/files/2012/05/Terbutalina-Hostias-para-todos.zip

komunikando.net

Desde Malas Músicas quixémonos poñer en contacto con eles para preguntarlles sobre este novo traballo. Isto foi o que nos contaron.

Malas Músicas: Este último traballo que vides de presentar fóstelo gravar a terras portuguesas: cal foi a razón? E non val responder o bacalhau nin as toallas.

Terbutalina: Tiñamos que gravar o tema para o Galician Bizarre II dentro dun determinado prazo. Comezamos a mirar estudos e todos cos que contactamos (e responderon) estaban ocupados; estaban todas as bandas do país gravando!

A posibilidade de gravar en Portugal xurdiu de Víctor Manelson, cantante dos Funk’N Bastards quen nos mesturou estes temas e xa nos gravara e mesturara o Broncodilatador. Estaba gravando coa súa banda alí e comentounos de ir. Así vos foi.

MM: Como foi a gravación? Ficastes satisfeitos?

T: Non somos moi esixentes con respecto ao son, a verdade. Temos 98 problemas e ese é un máis. Con todo, pensamos que estes temas si se aproximan máis ao que nos gusta, en comparación co ton que destilaba o Broncodilatador.

MM: Foi unha gravación moi rápida. Significa iso que levábades moi mallados os temas? Tiñades moi claro o que queriades?

T: Foi nun domingo a cabalo entre a borracheira do sábado e a resaca. Pola mañá gravamos batería, baixo e guitarras e á tarde teclados e voces. Tiñamos estudio para un só día e o certo era que contabamos con gravar 2 ou 3 temas, nada máis. Despois vimos que nos ía dando na volta e tiramos para adiante. Chegar e encher.

MM: Como furrulan os Terbutalina á hora de compor unha canción?

T: Non furrulamos. Somos uns plaxiadores natos, malia usarmos un sofisticado sistema de copia. Normalmente, Miguel e Carlos encárganse do apartado musical. Para preparar a estrutura das cancións baséanse nos diferentes organigramas laborais seguidos polos albaneis encargados de rematar os diferentes edificios da Cidade da Cultura. Despois, o que sería a melodía obtéñena a través da observación pseudocientífica da involución da curvatura abdominal das fichaxes fallidas de Augusto César Lendoiro (Toro Acuña, Djokovic, Renaldinho…).

Das letras encargámonos Mon, Brais e mais eu (Samuel). Os tres somos uns grandes lectores de prosa tardomedieval. Polo xeral, extraemos a estrutura sintáctica de certas pasaxes de tratados de príncipes e empregámola para os versos das cancións. Despois o traballo é sinxelo, só temos que ir collendo un substantivo para onde fai falla un substantivo, unha preposición por alá, unha conxunción por acolá. As diferentes palabras ímolas extraendo das actas fundacionais dos partidos galegos sen representación parlamentaria. Fainos chiste así.

E así nos vai.

MM: Ides participar no compilatorio Galician Bizarre II, que se está a cocer. Como chegastes ao proxecto e que agardades del?

 T: Chegamos a el porque lle pagamos ao Zé, dos Metralletas Lecheras, tres ceas nunha mesma noite en restaurantes de diferentes cidades inexistentes de Galicia. Isto confundiuno e accedeu a nos incluír no recopilatorio.

A nosa máxima aspiración dentro do Galician Bizarre II é que o noso tema non sexa o peor do disco.

MM: O voso é o gastro-punk. Imaxínovos tranquilamente engulindo o corpo incorrupto de Joe Strummer (por exemplo). De que outros músicos gustaríades de tragar o seu espíritu?

T: Non nos gusta a idea de tragar espíritos porque non hai onde mollar co pan. Gustaríanos comer, fisicamente falando, a músicos fofainas e con untiño como Meat Loaf, Tonhito de Poi ou Xurxo Souto.

MM: Que outras bandas galegas das que están a dar guerra actualmente destacaríades?

T: Familia Caamagno, John Happy Driver, Deseqilibrio Mental, Monstruo, Glorieta y los Bilingües, Chotokoeu, Gendebeat… Música que nos presta de vez.

MM: Á par de “Hostias para Todos” sacastes tamén un vídeo para o tema “Suisidarse” realizado por Lucas Nadal (na que por certo saídes moi guapos). Faládenos un pouco da experiencia.

T: Foi mala. A escaseza de recursos fixo que non puidésemos empregar efectos especiais para todas as escenas de cortes coas coitelas de afeitar. Houbemos morrer!

MM: Pregunta de entrevista de traballo: onde vedes aos Terbutalina dentro de cinco aniños.

T: Dentro duns meses retirarémonos, dentro de cinco anos volveremos e tocaremos nunha discoteca en Ordes, pero só venderemos cinco entradas, iso si, a 3000 euros cada unha. Pasaremos do gastropunk ou gastrocapitalismo. A xogada é redonda.

MM: E xa para rematar: Que datas tedes confirmadas para vindeiros concertos?

T: O 2 de xuño tocamos no Millo Verde, en Redondela; o 8 de xuño na Romaría Galician Bizarre, na Sala Rock Palace de Madrid; o 23 de xuño no Festival Psicotroita, en Sigüeiro; o 29 nas Festas do Barrio de Sanpetersburgo, en Compostela; o 30 na Sala Karma de Pontevedra… Quen queira que vaiamos tocar á súa parroquia que nos chame. E se non teñen un peso, que nolo digan, que habemos chegar a un acordo. Para catro veciños que somos…

Entrevista a Silvia Penide

15 Mai

foto: Antía García Sendón

Silvia Penide é unha artista difícil de catalogar. É certo que poderiamos chamarlle cantautora, xa que canta e compón as súas propias cancións, mais o tópico que envolve este termo fica demasiado pequeno para abranguer todo o seu talento. Silvia é máis ben unha arquitecta de atmósferas; atomósferas que deseña, crea e adobía cunha voz cálida e moi persoal. Todos aqueles que tivemos a sorte de escoitala en directo así podemos testemuñalo.

Esta semana desde Malas Músicas quixemos falar con ela para pornos un pouco ao día dos distintos proxectos nos que está a traballar. Isto é o que nos contou.

Malas Músicas: Olá Silvia! Escoitamos por aí que este verán que se achega fecharaste de novo no estudio para gravar novo disco. Será material inédito ou unha extensión do EP Las Erres Dobles?

Silvia Penide: Ola! Pois serán todo temas novos. Estou escribindo, rematando arranxos e dando os últimos retoques.

MM: Que máis nos podes anticipar dese traballo? Onde o gravarás, con quen…?

SP: Imos gravar con Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios. Xa traballara con el en discos anteriores e paréceme a persoa idónea para darlle forma. O que busco e facer un disco con  matices, con cancións densas, ben perfiladas.

MM: É evidente a evolución que experimentou a túa música desde os primeiros traballos até o universo sonoro onde reside actualmente; cara onde intúes que pode evolucionar no futuro?

SP: Estou contenta con como vou levando a miña traxectoria, creo que hoxe por hoxe, chego a un público amplo seguindo as miñas conviccións. Cada disco novo é un mundo diferente, permítome traballar libremente e iso é unha sorte. Creo que vou cara un pop de autor, moi persoal, que segue chegando á xente. Hai moito camiño por andar, cada paso é importante.

MM: Despois de tres álbumes editados por Falcatruada, no teu último traballo até o de agora (O EP Las Erres Dobles) aventuráchestes na autoedición. Como resultou a experiencia?

SP: Moi boa. Da moito vértigo asumir ese tipo de responsabilidades, pero aprendín a levar moitos temas de oficina, moitas cousas entre bambalinas… Agora son máis forte e máis libre no escenario porque sei o que sucede con “Silvia Penide” en todo momento.

MM: Queriamos tamén preguntarche polo teu proxecto en común con Félix Arias, “Canciones Ajenas”, onde ambos os dous versionades algúns dos vosos temas favoritos. A experiencia resulta tan gratificante como transmitides desde o escenario?

SP: A verdade e que é unha sorte traballar con alguén da talla de Félix Arias. Desfrutamos moito de “Canciones Ajenas” porque é un proxecto moi libre, naceu das ganas de aprender o un do outro e deixar de lado un pouco as nosas respectivas carreiras. Desfrutamos os concertos, os ensaios e as viaxes. É unha bonita etapa para mín.

MM: Seguindo con “Canciones Ajenas”: que tema che gustaría ter versionado e que, por unha razón ou outra, non poido ser?

SP: Temos varios pendentes que queremos incluír no repertorio. Unha das miñas apostas persoais, que é un reto, é “Perfidia” entre outras.

MM: Ficará algunha testemuña gravada deste proxecto compartido e, de ser así, en que formato?

SP: Sí, xa estamos poñendo en marcha a “Demo Canciones Ajenas” na que se inclúen varias das versións e dos temas nosos en CD cun envoltorio moi artesanal.

MM: E xa para rematar, onde te poderemos ver en directo nas vindeiras datas?

SP: Pois estarei o día 26 de maio en La Tuerka27. O 10 de xuño no Baba Bar con “Canciones Ajenas”, todo en Coruña. A partir de aí estamos plantexando unha serie de concertos acústicos de despedida de “Las Erres Dobles” antes de entrar en estudio, pero non hai datas concretas todavía. Iremos informado dende www.silviapenide.com.

Entrevista a Christ Divides

30 Abr

FOTO: http://dailydavit.tumblr.com/

Christ Divides é unha novísima dupla viguesa cunha proposta propia que promente facer convulsionar o panorama garaxeiro. Hiram O. Lugosi (batería/voz) e Christian Sen (guitarra/voz) xuntáronse en setembro do pasado ano, mais en xaneiro xa sacaron á luz o seu primeiro EP, Holy Ghost.

En Malas Músicas quixemos falar con eles, e isto foi o que nos contaron:

Malas Músicas: Malia ser Chirst Divides un proxecto aínda moi novo no tempo, a vosa actividade foi frenética, con diverso material gravado e algún directo importante, eliminando ese periodo inicial que sofren moitas bandas de “imos definir ben o que queremos facer”. É iso un síntoma de que cando decidistes xuntarvos xa tiñades as cousas moi claras?

Christ Divides: Si, temos moi claras as nosas intencións desde un principio e pouco a pouco crecemos como músicos, mais sen deixar atrás iso de “queremos que bailedes coa nosa música” que é a idea principal do grupo.
Vas quitando cousas que non che gustan, engadindo cousas novas para probar que crees que poidan quedar mellor… mais á fin e ao cabo seguimos sendo Christ Divides.
Gústanos tocar todo o que poidamos e facer a música que nos gustaría poder escoitar, non ficamos quietos nunca e, a verdade, cremos que é algo moi bo que nos diferencia doutros grupos.

MM: Escoitando o voso traballo da a impresión que orbitades no universo do garage e do punk; cales son as vosas referencias, a nivel individuais e como dúo?

CD: Si, orbitamos no universo do garage e o punk, mais realmente temos influencias de todo tipo e gústanos probar cousas novas. Influencias como dúo hai máis ben poucas, porque realmente o que nos fai ser o que somos é a mestura das nosas influencias individuais, que choquen os Black Lips, Ty Segall ou Jacuzzi Boys (Chris) con Mudhoney, Dinosaur Jr. ou Melvins (Hiram). Cando picamos música ademais de todo iso poñemos a Juan Pardo, Isabel Pantoja ,Notorious Big…

MM: En xaneiro presentáchedes o EP Holy Ghost, e hai uns días sorprendíchedes cun novo sinxelo, Heidnik; como é o proceso compositivo de Christ Divides?

CD: No piso de Christian en Vigo cunha guitarra española que ten chea de flores moi hippy e escoitando discos de música rexional mexicana como o de Los Tigres del Norte, que nos flipa moito o narco-corrido que agora se leva entre esas bandas.
Gústanos facer as cousas espontaneamente, e non tratalo coma un exame psicolóxico no que tes que pensar e estudalo todo moi ben.

MM: Tedes pensado voltar a gravar axiña e, sobre todo, decidido o formato do que ides facer no futuro? 

CD: No futuro próximo, se todo sae ben, sacaremos un split cos nosos colegas Las Ardillas (Puerto Rico, membros de Dávila 666). Encantaríanos sacar un vinilo, mais polo de agora non hai presuposto para autoeditalo. Así que se xorde a oportunidade gustaríanos sacalo nese formato.

MM: Estades cómodos coa vosa configuración actual como dúo, ou botades de menos outro tipo de formación máis ampla?

CD: Estamos moi cómodos como dúo, é posíbel que tamén se empecen a escoitar graves a partir de agora… A ver que sucede.

MM: Sodes unha das bandas colaboradoras do que será o compilatorio Galician Bizarre II. Como chegastes a este proxecto e que é o que máis vos chama del?

CD: Sacamos o EP e nos dixeron que nos puxéramos en contacto cos organizadores. Malia estar fóra de prazo, decidiron incluírnos no recompilatorio, e a verdade é que estamos encantados con como nos están a tratar até o de agora.

MM: Tívechedes xa algún concerto importante, entre eles un na Nasti de Madrid. Como foron?

CD: En Madrid o público recibiunos moi ben. Tamén levamos uns bos amigos de alí e a verdade é que moi ben todo. Logo semanas despois tocamos con Novedades Carminha en La Iguana Club (Vigo) e na Sala Super8 (Ferrol), e foron dúas noites moi especiais nas que non faltou bailoteo, festa e rock and roll. Foi estupendo compartir dúas reunións con eles, xa que son moi boa xente e querémolos moito.

MM: E xa para rematar: Que máis datas tedes confirmadas?

 CD: Pois ímonos agora o xoves 3 de maio a Santiago, á Sala Moon a tocar cos mallorquinos Beach Beach e ao día seguinte ao Bar Labranza en Bueu con Die Fritzels.

THE TWIN SETS

3 Abr

Un twin-set é un conxunto formado por unha chaqueta de punto e un xersei de manga curta. Os primeiros twin-sets apareceron na década de 1940. Os siareiros da serie Mad Men acho que saben perfectamente de que falo.

The Twin Sets son tamén unha banda da Coruña que veñen de sacar a súa primeira maqueta titulada Take Your Rest. Este ano están a dar os seus primeiros concertos de presentación da maqueta, mentres xa preparan material para unha nova gravación.

Desde Malas Músicas puxémonos en contacto con eles para que nos falasen un pouco sobre a banda, proxectos, influencias… Isto é o que nos contaron:

A finais do pasado 2011 gravastes a vosa primeira maqueta; como foi o proceso compositivo dos temas que compoñen este Take Your Rest?  

Litus: As cancións parten de Borja, alma compositiva dos Twin, logo no local Denis dalle forma a nivel vocal e a base rítmica intenta dar enerxía e solidez aos temas.

Denís: Borja dalle a vida ás cancións cunha base harmónica de acordes, arpexos… eu fago a melodía e as letras; normalmente a melodía empeza a sair no local, probo a ver como soa todo xunto e as letras…varias noites de escribir o que me suxire o momento ou a música. Todo madura e se van cambiando cousas, sempre facendo que nos sintamos máis a gusto co que tocamos.

– Desde os primeiros acordes de calquera das cancións que vos levamos escoitado os patróns do power-pop semellan  rexer a música de The Twin Sets; as vosas referencias saen estritamente deste mundo ou son máis amplas?

Litus: Todos escoitamos todo tipo de música, pero compartimos o gusto polas melodías pop e a musica “poderosa” desde os Who até os Beatles, desde Badfinger aos Buzzcocks, desde Red Kross até os Byrds…

Borja: Buscamos cancións coma as que nos gustaría escoitar na casa. A melodía por enriba de todo; depois diso, a música ás veces sae máis pop e outras máis “power”. As referencias son moi variadas, pero intentamos acoutar o estilo.

Denís: A cultura musical dos meus conxéneres e moi ampla e eu me deixo empapar ben por ela; as referencias do power-pop están aí, pero toda a música que escoitamos acaba influíndo.

En directo interpretades versións de bandas míticas como The Byrds ou The Nerves; facédelo máis coma homenaxe ou simplemente para poder gozar interpretando estes temas?

Litus: Non pretenden ser unha homenaxe, tocamos estas versións porque nos gustan e porque dalgún modo son unha forma de aprender certos patróns do xénero que practicamos.

Denís: Propoñemos varias versións e logo eliximos as que nos parecen interesantes, aprendémolas e algunhas as acabamos deixando, quedámonos con aquelas que nos gusta como soan, non por homenaxe, se non polo gusto de tocalas.

– Aínda que cantades maioritariamente en inglés, tamén facedes un tema en español, “We won´t turn it back”; é algo anecdótico ou pensades seguir a combinar ambos os dous idiomas?

Denís: Xa temos novos temas en castelán; non é algo premeditado, van saíndo segundo se perfila a música; non se trata de forzar nada.

Borja: Cantar en castelán esixe un especial coidado nas letras, pero o resultado paga a pena. Depende do que pida a canción e a melodía; eu creo que seguiremos combinando os dous idiomas.

– Que é, en xeral, o que máis vos satisface de Take Your Rest, o que vos fai sentir máis fachendosos?

Denís: O tema que máis me gusta como soa é What I Want Never Comes, tamén foi o último en compoñerse da maqueta…

Litus: The Twin-Sets é en realidade un proxeto de longo percorrido, un parto doloroso que partiu da alma das composición en soidade de Borja e da procura de “músicos” dispostos a tocar un xénero “escuro”, que non é nin punk-rock, nin pop comercial… Despois de tocar con outro vocalista e guitarrista que decidiu abandonar o proxecto (gañamos un colega, non perdimos un vocalista) topamos con Denis, para min, un autentico diamante en bruto como vocalista e un grande compañeiro nesta viaxe.

Take your rest gravouse en 6 horas. 4 de gravación e dúas de mestura. Ese si foi un parto con dor! O resultado en xeral da gravación faime sentir moi orgulloso da banda e moi afortunado de tocar cos meus compañeiros.

Borja: Como punto de partida eu creo que está moi ben. A partir de aquí, xa temos a formación estable e o estilo definido, e podemos avanzar nesta liña, pero mellorando moitos aspectos.

Esta primeira maqueta gravástela nos coruñeses Estudios Bonham de José Martínez. Como se desarrollaron as sesións de gravación?

Litus: Os tres temas foron gravados en directo, agás a voz e algún arranxo de guitarra, a gravación foi moi rápida por mor das limitacións económicas, pero estamos moi orgullosos do resultado tendo en conta as circuntancias e que foi un dos primeiros pasos do grupo cando Denis se incorporou á formación.

Denís: Un erro que cometín é non gravar antes na casa os temas, de xeito que quedasen claros, poder cantar con soltura e meter arranxos.

 The Twin Sets sodes Borja, Denís, Nacho e Lito; mais contastes con algunha colaboración extra para a gravación de Take Your Rest?

Litus: Nesta ocasión non contamos con ningun músico adicional, agás da inestimable axuda e “savoir fair” do Sr Bonjam, co que contaremos nunha próxima gravación de data indeterminada pero próxima, desta vez traballaremos máis os temas e pretendemos acadar un mellor resultado; a min a nivel particular gustariame traballar o tema das melodías a varias voces ademais da incorporación puntual dalgún teclado.

– Faládenos algo dos concertos que tendes programados para dar a coñecer o voso traballo.

Denís: Para empezar as ganas son moi grandes, até o de agora tivemos moita sorte, trataronnos moi ben todos, tanto os grupos como os donos dos locais; eu non sei moi ben cales son os próximos, pero de saber algo aparecerá no noso facebook.

Litus: Neste momento estamos na procura de datas para seguir presentando esta gravación que xa foi presentanda en Ferrol e na Coruña en duas ocasións. Próximamente anunciaremos novas datas no noso facebook.

www.facebook.com/thetwinsets

Borja: Esperamos que Asturias e León sexan as próximas datas de cara ó verán, pero aínda non temos nada confirmado.

E xa para rematar, comentástesnos nun anterior contacto que xa estades a traballar de cara a gravar novo material. Cando tendes pensado voltar a fecharvos no estudio e, sobre todo, tedes decidido o formato do que ides facer?

Litus: A data de gravación é indeterminada pero próxima; temos moitas ilusións nos novos temas e en realizar a gravación cun pouco máis de tempo, levando claro o tema antes de gravar, pero deténdonos máis en mellorar a nivel de execución e a nivel de arranxos.

Borja: O formato será dixital seguro, pero tamén intentaremos editar algunha pequena edición física, preferiblemente en vinilo se a economía o permite!

Denís: As próximas gravacións levarémolas con máis ganas e coidando os detalles; podo asegurarvos que a nosa aspiración sempre é a de mellorar.

Podedes escoitar a música de The Twin Sets a través do seu bandcamp.