Arquivo | General RSS feed for this section

Vémonos en setembro!

5 Ago

Outlaw Pete (Bruce Springsteen) vs I Was Made For Loving You (Kiss)

17 Feb

Achegámonos este xoves á derradeira entrega deste serie que titulamos Se copias non me enganas a min, engánaste a ti que tan bos intres nos fixo pasar ao lembrar casos de famosos copións (ou non) dentro da música popular contemporánea.

E xa que fechamos o cortello, imos facelo cuns grandes: Bruce Springsteen e os Kiss, entrando no que sen dúbida é un tema espinoso, xa que son moitos e bastante incondicionais os seareiros do Boss e expoñémonos a encontrar mañá un paquete con peixe morto no felpudo ou unha cabeza de cabalo na cama pola noite.

O 1 de febreiro de 2009 Bruce Springsteen actuou no intermedio da Superbowl, presentando ao mundo, entre outros temas, Outlaw Pete, que estaría incluido dentro de Working on a Dream, o seu decimosexto traballo que sairía á venda no seguinte mes.

Tan só uns minutos despois e en multitude de foros de Internet masas enfurecidas de seareiros de Kiss acusaban de plaxio ao Boss pola semellanza do tema con I Was Made For Loving You, tema de 1979 pertencente ao disco Dinasty. Se algún de vós traballou anos nunha oficina coa emisora M80 Radio de fondo durante oito horas ao día, seguramente estedes desta canción tan até os fociños (ía dicir até o nabo, mais non quero ser incorrecto) coma o está quen escribe estas liñas. Porén, se non estades nesa circunstancia, aquí vos deixo o tema para que o gocedes outra vez.

En canto aos contidos os temas seméllanse menos que un porco a unha sardiña. I Was Made For Loving You conta unha ñoña historia de amor cun ritmo vivo e adobiada cun inesquecíbel  riff de guitarra. Pola contra en Outlaw Pete Springsteen relata  nun tema épico de máis de oito minutos de duración a historia dun foraxido do far west. Porén, a semellanza melódica aí está, ainda que a título persoal acho que non é máis ca unha mera casualidade (isto por se alguén está xa a procurar unha cabeza de cabalo). Como corolario dicer que tanto Bruce Springsteen como Kiss continuaron placidamente as súas vidas sen chegar a dicer sequera unha palabra sobre o asunto.

Agardo que o teñades pasado tan ben coma nós coas frikadas expostas nesta serie. A semana que ven posibelmente comecemos cun novo monográfico, para o que xa estamos a ultimar detalles. Ficade atentos!

Video Games (Lana del Rey) vs Oi Dromoi Pou Agapisa (Eleni Vitali)

9 Feb

E pouco a pouco ímonos achegando á fin de semana, e tamén ao final desta serie que chamamos Se copias non me enganas a min, engánaste a ti, onde xa repasamos algúns dos máis sonados de plaxios, copias, evocacións ou homenaxes da historia da música popular contemporánea. Hoxe, e seguindo un pouco a onda de onte no Malas Músicas, imos voltar falar de Lana del Rey (que pesados, non?).
Elizabeth Grant naceu en Nova Iorque o 21 de xuño de 1986. O seu nome artístico é a combinación do nome da actriz Lana Turner e do automóbil Fort Del Rey.
Video Games catapultouna desde o anonimato ao ser elixida como Mellor Nova Canción do 2011 en Pitchfork.  O tema estaba incluído no seu sinxelo de debut, que completaba Blue Jeans como cara B. Os covers que de Video Games fixeron bandas consagradas coma Kasabian ou Bombay Bicycle Club contribuíron a aumentar a súa repercusión a nivel planetario, así como a súa aparición na banda sonora da serie Gossip Girl.
A súa popularidade medrou tanto que rematou por actuar no mítico Saturday Night Live da televisión norteamericana sen ter publicado aínda o LP. Lana fixo unha actuación que ergueu unha enorme poeira, da que Juliette Lewis declarou a través de twitter que semallaba unha nena de 12 anos tentando cantar e actuar. Deixamos aquí o vídeo para que xulguedes por vós mesmos.

E por se fora pouco, á crítica despiada a raíz desta actuación televisiva engadiuse unha acusación de plaxio, xa que Video Games semellábase en demasía a un tema de 1991 da cantante grega Eleni Vitali chamado Oi Dromoi Pou Agapisa; a semellanza non fica só na melodía, senón no ritmo, no estilo e mesmo no xeito de cantar.

Creep (Radiohead) vs The Air That I Breathe (The Hollies)

2 Feb

Semellanzas, temas que se parecen coma dúas pingas de auga. Copias, plaxios, homenaxes, evocacións… de todo iso e máis tratamos cada xoves no Malas Músicas.
Continuamos unha semana máis este Se copias non me enganas a min, engánaste a ti con dous temas que contan cun inicio moi semellante. Un deles foi o primeiro éxito duns rapazolos de Abingdon (Inglaterra) que rematarían por erixírense nuns dos grandes popes deste invento que hoxe en día chaman música indie ou alternativa.
Creep foi o primeiro sinxelo do Pablo Honey, que á súa vez foi tamén o primeiro LP de Radiohead. Despois da súa reedición en 1993 o tema pasou a converterse nun hit planetario. Fartos da insistencia do público en que a tocasen en tódolos concertos, ignorando mesmo o resto dos temas, a banda decidíu en 1998 eliminala dos seu setlist; porén desde o 2001 volveron incorporala no seu repertorio, ainda que de xeito bastante esporádico.

Durante as sesións de ensaio para a gravación en 1992, os compoñentes de Radiohead aseguráronlle aos produtores Sean Slade e Paul Q. Kolderie que o tema era totalmente orixinal. Ainda así, corre unha lenda urbana que afirma que Jonny Greenwood tentou boicotear a súa gravación metendo unhas guitarras distorsionadas e pasadas de volume e rabia, coñecedor da súa semellanza con The Air That I Breathe, unha canción gravada polos tamén británicos The Hollies en 1973 e composta por Albert Hammond (para os máis novos o papá de Albert Hammond Jr., dos Strokes) e Mike Hazlewood.
Thom Yorke admitíu a semellanza declarando que o tema era “unha homenaxe a The Hollies”. Tanto Hammond coma Hazlewood están acreditados como co-compositores de Creep.

Lady Madonna (The Beatles) vs Bad Penny Blues (Humphrey Lyttleton)

26 Xan

Nesta nova edición de Se copias non me enganas a min, engánaste a ti, como cada xoves no Malas Músicas, imos  relaxarnos un pouco e fuxir da polémica escoitando Lady Madonna, de The Beatles e Bad Penny Blues de Humphrey Lyttelton. E digo que imos fuxir da polémica porque ainda que os temas estarán emparellados de por vida, nin se trata dunha copia descarada (só unha inspiración no ritmo e melodía iniciais) nin a historia rematou nos tribunais en medio de pleitos e demandas, como acontecía nas historias que até o de agora tratamos.
Lady Madonna é unha canción escrita por Paul McCartney e acreditada a Lennon/McCartney. Foi editada como sinxelo o 15 de marzo de 1968 no Reino Unido, con The Inner Light na súa cara B. Foi gravada nos estudios EMI en dúas sesións os días 3 e 6 de febreiro do ano 1968, antes de que a banda iniciase a súa viaxe á India.
O son do piano desta canción foi tamén inspirado por un rock-blues de Fats Domino de 1950.

Humphrey Lyttleton foi un trompetista de jazz nacido en Buckinghamshire (Inglaterra) e considerado un dos piares do revival do dixieland en Gran Bretaña.
Bad Penny Blues foi un éxito de 1956, producido por George Martin.

DAKIDARRÍA: utopías emergentes

24 Xan

Festa e combate, dous campos semánticos aparentemente contrapostos, mais perfectamente conxugábeis dentro do menú sonoro dos Dakidarría. No seu novo caldeiro chamado Utopías Emergentes atópanse, entre outros moitos ingredientes reivindicativos, os dereitos da muller (Violeta), os dereitos linguísticos (Linguas Ceives) ou as loitas nacionais (Polisario Vencerá), todo ben adobado por unha moi boa execución musical e matizado ao milímetro por unha excelente producción.
Utopías Emergentes é o cuarto traballo da banda, continuación natural da súa anterior proposta Realidades Alienantes. Foi producido por Javier Abreu nos Océano Estudios, mentres que a posterior masterización levouna a cabo Andy “Hippy” Baldwin nos londinenses Metrópolis Studios.
Para este traballo os Dakidarría contaron cunha manchea de colaboracións, entre as que destacamos (un pouco ao chou) as de Xavi (Obrint Pas), Iñaki (Betagarri), Xurxo Souto (Os Diplomáticos de Monte-Alto) ou García (Dios Ke Te Crew). O resultado non pode ser máis apetecíbel, dez descargas adrenálinicas principalmente de punk e ska, mais tamén con elementos  que pendulan desde o oi ata ao hip-hop, pasando polo reggae ou mesmo o folk.
Festa e combate, bailar e pensar, son o ying e o yang da proposta Dakidarría. Elementos independientes e complementarios e nin moito menos novidosos, mais si sublimados por un agarimo milimétrico, case que de laboratorio, que esta xente aportou ao seu traballo que desde xa consideramos indispensábel dentro da escena musical do aquí e do agora, é dicir, galega e contemporánea.
Para rematar desafíote a tentar escoitar Utupías Emergentes sen mover os pés ou sen que se che poña a pel de galiña. A ver se es quen!

Nota: 7/10
O que máis nos presta: A Mocidade Activa, Linguas Ceives, Terra.
Semellanzas: Obrint Pas, Kortatu, Betagarri…
Podes escoitalo en myspace

Viva la Vida (Coldplay) vs If I Could Fly (Joe Satriani)

19 Xan

Nesta cuarta entrega do Se copias non me enganas a min, engánaste a ti, adicado aos nosos ben queridos copións, imos falar de Coldplay. E xa tardabamos! Porque se a alguén lle deron paus nos últimos anos por mor destes pequenos despistes casuais foi a Chris Martin e os seus rapaces.
Hoxe imos centrarnos no que probabelmente sexa o caso máis sonado no que se viron envoltos.
Viva la Vida é un tema incluido no álbum de 2008 Viva la Vida or Death and All His Friends.

O guitarrista neoiorquino Joe Satriani acusou a Coldplay de plaxio nunha Corte Federal de Los Angeles o 4 de decembro de 2008. Satriani afirmou que Viva la Vida incorporaba  “porcións sustanciais e orixinais” da súa peza instrumental If I Could Fly, publicada en 2004.

Coldplay negou a acusación. Unha nota emitida pola banda británica afirmaba que “si existen certas similitudes entre os dous temas musicais, son completamente casuais, e tan abraiantes para nós como para el”.
Os integrantes de Coldplay resultaron sobreseídos, iso si, tras chegar a un acordo extraxudicial con Satriani de cuantía descoñecida, que algunhas fontes a cifran en torno aos 3 millóns de euros.
Joe Satriani asinou un contrato cos avogados de Coldplay polo que se comprometeu a non voltar falar do suposto plaxio.

Fight Test (The Flaming Lips) vs Father and Son (Cat Stevens)

12 Xan

E como é xoves toca unha nova entrega (a terceira) da serie que en Malas Músicas estamos a adicarlle a copias, plaxios ou evocacións máis ou menos intencionadas chamada Se copias non me enganas a min, engánaste a ti.
Os protagonistas de hoxe son o británico Steven Demetre Georgiou, despois coñecido coma Cat Stevens e na actualidade coñecido coma Yusuf Islam; e a banda estadounidense The Flaming Lips.
The Flaming Lips lanzaron no ano 2003 o disco Yoshimi Battles The Pink Robot, que contiña o tema Fight Test.

A polémica xurdíu cando unha locutora da emisora londinense BBC2 puxo no seu programa este tema e, a continuación, Father and Son de Cat Stevens. A semellanza era asombrosa. Sony / ATV Music Publishing, en representación de Yusuf Islam, non tardou en presentar unha demanda.
Father and Son era un tema do ano 1970 incluído no disco Tea for the Tillerman.

Finalmente Sony / ATV Music Publishing e EMI Music Publishing (en representación de The Flaming Lips) acordaron dividir os royalties de Fight Test en partes iguais. O líder de The Flaming Lips, Wayne Coyne, afirmou non terse decatado das semellanzas entre as cancións até que llas indicou o productor Dave Fridmann. Coyne rematou por admitir a semellanza, ainda que lles restou importancia tanto a isto como ao papel da canción na historia da música.

Bitter Sweet Symphony (The Verve) vs The Last Time (Andrew Oldham Orchestra)

5 Xan

Continuamos aquí a categoría que en Malas Músicas chamamos Se copias non me enganas a min, engánaste a ti, e que está adicada a eses adorábeis copións que se inspiran libremente nas obras doutros artistas sen remordimento nin culpa.
Nesta quenda todos os protagonistas veñen das illas británicas. O presunto copión é Richard Ashcroft, lider de The Verve; e os tamén presuntos copiados unha das parellas máis prolíficas da historia do rock´n´roll: MickJagger e Keith Richards.
Bitter Sweet Symphony apareceu como sinxelo o 16 de xuño de 1997 no selo Hut Records, para máis adiante formar parte do álbum Urban Hyms, sendo a primeira canción en ambos os dous.
Todos (polo menos os que temos unha certa idade) lembramos o vídeo que acompañou a esta sinfonía agridoce, onde o bo de Richard coa súa cara de empanado camiñaba a toda hostia por unha rúa de Londres batendo con canto se lle puxese por diante nun eterno travelling.

Aínda que a letra da canción foi escrita polo propio Ashcroft, hoxe en día na súa autoría tamén aparecen Mick Jagger e Keith Richards, xa que o tema utiliza un riff moi similar ao composto por estes para a canción The Last Time, de The Rolling Stones. Isto levaría a Ashcroft a declarar que: “ésta é a mellor canción que Jagger e Richards escribiron nos últimos 20 anos.”
The Verve solicitara unha licencia para usar un sample de 5 notas dunha versión orquestral  por parte da Andrew Loog Oldham Orchestra de The Last Time, recibindo a pertinente autorización por parte de Decca Records.
Mais cando Bitter Sweet Symphony pasou a ser un hit a nivel planetario, Allen Klein (ex-manager de The Rolling Stones e posuidor de todos os dereitos das canción da banda anteriores a 1970) demandou a The Verve por empregar un anaco máis longo do contemplado no acordo, algo que a banda de Ashcroft sempre negou.
The Verve decidíu entón fuxir dos xulgados e entregar a Klein a totalidade dos dereitos da canción, achando que lles sairía máis barato que entrar no pleito e perdelo.
Mais aí non morreu o conto. A continuación foron demandados polo primeiro manager dos Stones, Andrew Loog Oldham, que tamén quería a súa tallada. Oldham posuía os dereitos das notas do famoso sample, así que ao final The Verve perdeu completamente os dereitos da súa máis famosa canción.
The Last Time saiu como sinxelo en 1965. Ainda que está composta por Jagger e Richards, pode que o famoso riff fose creado por Brian Jones (que na jloria esté). Esta é a versión feita do tema por The Andrew Oldham Orchestra que orixinou toda a polémica.

FELIZ 2012

1 Xan