Tag Archives: Deluxe

DELUXE en expocoruña

29 Out

Foi xa no afastado 29 de febreiro deste presente ano cando Xoel López e a súa banda anticiparon no coruñés Teatro Colón algunha das pezas que conformarían Reconstrucción. Uns oito meses despois pecha o círculo da mega-xira presentación deste traballo coa actuación en Expocoruña o vindeiro sábado 1 de novembro.

Este concerto promete ser a traca final previa ao anunciado ano sabático que tomará no 2009. Antes de botar a áncora na Coruña Deluxe afrontou un novo reto: tocar en América Latina, concretamente en Arxentina, Chile e Uruguai. En Arxentina o selo Ultrapop editará proximamente os seus traballos.

Os billetes custan 15 € anticipados (FNAC, Caixa Galicia, Portobello) e 18 € o día do concerto.

LOVE OF LESBIAN na Coruña

8 Set

O vindeiro sábado 13 de setembro, terá lugar no Playa Club da Coruña o concerto da banda barcelonesa Love of Lesbian. A hora de comezo fixada para o inicio das hostilidades son as 12 da noite, e o prezo dos billetes é de 12 € se decides mercalo por anticipado (Discos Portobello ou Discos Nonis) e 15 € no despacho de billetes.

A banda de Santi Balmes comezou a súa andaina musical no ano 1996. Os seus tres primeiros álbums (Microscopic Movies, Is It Fiction?, Ungravity) foron cantados en inglés. Daquela época fica a anécdota de chegaren a telonear a The Cure no ano 2000. A pesares de seren estes traballos moi interesantes (especialmente Ungravity, unha pequena xoia) a súa música non acadou unha repercusión importante ata a publicación de Maniobras de Escapismo (Naïve, 2005), primeiro dos seus dous discos en español e co cal multiplicarían por cinco as súas vendas. Logo viría Cuentos Chinos para Niños del Japón (Naïve, 2007), en cuxa xira de presentación se achan inmersos, que supera (e con moi boa nota) a esixente proba da comparación co seu tan idolatrado polas masas traballo anterior.

Non foi Love of Lesbian o único grupo do estado que, tendo comezado a súa singradura en inglés, deron posteriormente o paso de cantar en castelán. Outros exemplos visíbeis son Deluxe ou Sidonie. O máis probábel é que esta estratexia de troco idiomático simplemente persiga acadar unha maior cota de mercado e un achegamento voraz ao mainstream hispano, aínda que sempre se disfraza dunha busca de mellores canles de comunicación artística.

Cabe preguntarse, iso si, non a razón do troco, senón o por que de comezaren cantando en inglés. Pode que a razón (quizais, tampouco o sei) sexa a falta de referentes dunha xeración de músicos que medrou na desoladora época post-movida, cando a música que se facía no Estado era, na súa maioría, un auténtico noxo.

Pero este paso adiante permitiunos descubrir un dos mellores letristas pop en español: Santi Balmes, que é quen tanto de pechar a tristura dunha tarde de chuvia nunha frase como de debuxar un sorriso cun retrouso mordaz. Así a música de Love of Lesbian, sustentada sempre no cimento dun pop melancólico, bascula entre o desacougo que raña no máis profundo territorio da emoción e a aceda retranca, partindo así o seu traballo en dous hemisferios que se complementan á perfección.