Tag Archives: Subterfuge

KRAKOVIA esnaquiza o Playa

29 Nov

Krakovia no Playa

Hai cousas que se agradecen. No medio do tedio que ofrece a clónica escena musical actual, que aparezan de súpeto un grupo de persoas que decidan, sen facer nada novo nin inventar a pólvora, situarse adrede no extrarradio e fuxir do conformismo que o asolaga todo, pois iso, que é para darlles unha aperta e incluso un bico.

Iso foi, ou polo menos así me gusta imaxinalo, o que deberon pensar os que se deron cita o pasado venres no Playa Club de A Coruña para asistiren ao concerto de Krakovia. A pesares da noite de cans a sala presentou un bo aforo, aínda que lonxe de acadar un cheo absoluto. Ás 00:50 minutos os músicos foron desfilando polo escenario ata acadar os seus sitios, capitaneados por un David Kano sorrinte a cada intre, como un rapaz con zapatos novos entre o moog e o theremin. Comeza a música, aos xa nomeados trebellos de Kano súmanse dúas guitarras, batería e un baixo que medra en contrabaixo nalgúns temas. O son dos instrumentos xa enche a sala cando fan presenza no escenario Petra Flurr e Vinila Von Bismarck. Un amigo meu, xa con anos de rock and roll nas costas, tenme dito a miúdo que aos grupos de hoxe en día sóbralles aptitude e fáltalles actitude. Pois ben, estes dous de actitude van sobrados: Petra no papel de salvaxe punk de voz profunda e Vinila no de primeira dama da decadencia protagonizan a atractiva imaxe que procura toda banda. Iso si, non só ofrecen personaxes, senón unha máis que correcta interpretación vocal.

Se no disco os distintos instrumentos áchanse cinguidos por unha produción impecábel, no directo a liberdade é a máxima. O baixo ponse á fronte da situación, o batería zoupa nela como un animal moribundo e as guitarras acadan un salvaxismo insospeitado e desexábel.

Pouco a pouco van caendo os temas que agardaban os seareiros da banda, como a inquietante You Are Mine ou Train To Krakow. O público, xa bastante quente, remata por tolear no sexto episodio do concerto cando soan os primeiros acordes de We´re Born In Your City, das máis aclamadas da noite.

Así, entre os temas que conforman o seu debut Road Movie e algunha sorpresa, chegamos ao primeiro final.

Tras uns breves intres de asubíos e berros saen de novo os músicos á palestra para comezaren os bises coa instrumental From The Darkness, que podería considerarse un resumo da súa proposta musical.

Outra agradábel sorpresa chega coa versión de Un Día en Texas de Parálisis Permanente, máis psicótica aínda que a orixinal.

Con Breaking Doors chegamos ao presumíbel final do concerto; pero, ben pola concienzuda insistencia do público, ben porque xa así estaba previsto, volven saír para rematar cunha nova interpretación de We´re Born In Your City. Tras iso aplausos e berros, e uns incondicionais que non se moveron ata que picaron música enlatada confirmando así o final da batalla.

E así foi como nunha fría e chuviosa noite de finais de novembro Krakovia esnaquizou o Playa con esa combinación perfecta de rock and roll clásico, punk desaliñado e teatralidade. Agradécese, vaia que si.

 

KRAKOVIA en directo

20 Nov

krakovia

Krakovia é, sen dúbida, unha das grandes sensacións musicais deste ano que está a piques de botar o peche. O seu primeiro disco, Road Movie (Subterfuge, 2008) é unha amalgama de sons procedentes da cara máis escura do rock and roll clásico e do punk-rock máis macarra, deseñado desde a orixe para estoupar enriba dun escenario.

Dentro da súa xira teñen sinaladas dúas datas en Galiza, o venres 28 de novembro na sala Playa Club da Coruña e o sábado 29 na sala Mondo Club de Vigo. Os billetes custan 12 € anticipados e 15 € o día do concerto, e poden mercarse a través das canles habituais (Ticktackticket, Fnac, Tendas Tipo,…)

Krakovia está formada polo cantante punk italiano (aínda que afincado en Berlín) Petra Flurr, a cantante e bailarina de burlesque Vinila Von Bismark, Guille Mostaza e Juanjo Reig nas guitarras e baixos, Jim Mottila no baixo e David Kano nos moog, theremin e demais cacharrada. Kano é a auténtica alma máter deste proxecto, que supón un xiro radical da súa carreira con Cycle, deixando a un lado a electrónica para darlle o protagonismo a sons máis clásicos.

O que o público galego poderá gozar no directo de Krakovia é un chute á vena de rock and roll sobrerrevolucionado, que o conducirá a ambientes propios que unha road movie en toda regra debe reflectir: estradas solitarias, moteis con algunha letra fodida do cartaz de neon, noites de calor, sucidade, po… Un bo exercicio lisérxico para fuxir da rutina e deixarse aloumiñar por boa música, coma a de antes.